Fin de semana de títeres e monicreques en Fene

Fin de semana de títeres e monicreques en Fene

Fotografía de Emilio Cortizas para Diario de Ferrol

O Concello de Fene xunto cos de Ferrol, Ares, Cabanas, Mugardos, Neda, Valdoviño, Miño, Sada e a A.VV de Canido, participa esta fin de semana na cuarta edición do Festival Internacional de Entes Animados. Espectáculos con títeres e monicreques que terá lugar dende o venres até o domingo nas parroquias de Maniños, Magalofes e Sillobre.

A primeira das representacións terá lugar o venres 23, ás 20:00 h, no local da ACRD O Pote de Maniños e correrá por conta da Compañía Alex Marionettes (Dinamarca) que porá en escena a obra Mr. Barty Puppet Show.

A italiana Irene Vecchia Buratini actuará o sábado 24, tamén ás 20:00 h, no local da A.VV de Magalofes coa obra Pulchinella.

Pechará o ciclo a compañía italiana Di Filippo Marionette o domingo 25, ás 13:00 h, no local da SCRD Agarimo de Sillobre coa función Corazóns de madeira.

Os espectáculos, dirixidos ao público familiar, serán con entrada libre e gratuíta. O Concello de Fene quere agradecer a colaboración das sociedades ACRD O Pote de Maniños, A.VV San Xurxo de Magalofes e SCRD Agarimo de Sillobre quen non só ceden os seus locais sociais, senón que tamén colaboran na organización das representacións.