Novas

21-09-2022

Fin de semana de títeres e monicreques en Fene

O Concello de Fene xunto cos de Ferrol, Ares, Cabanas, Mugardos, Neda, Valdoviño, Miño, Sada e a A.VV de Canido, participa esta fin de semana na cuarta edición do Festival Internacional de Entes Animados. Espectáculos con títeres e monicreques que terá lugar dende o venres até o domingo nas parroquias de Maniños, Magalofes e Sillobre. A primeira das representacións terá lugar o venres 23, ás 20:00 h, no local da ACRD O Pote de Maniños e correrá por conta da Compañía Alex Marionettes (Dinamarca) que porá en escena a obra Mr. Barty Puppet Show.
15-09-2022

A conferencia do enxeñeiro naval e oceánico Raúl Villa Caro abre a segunda edición do ciclo Contandociencia

 Organizado pola Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino do Concello de Fene, volve Contandociencia, un programa que botou andar o curso pasado e que retoma a súa actividade co obxectivo de achegar a ciencia á poboación en xeral. Aberto ao público en xeral, todas as conferencias terán lugar na Casa da Cultura, un xoves ao mes (agás en xaneiro e maio que serán un martes) e sempre ás 19:30 con entrada gratuíta.
09-09-2022

A Casa da Cultura de Fene estreará as exposicións de outono cunha mostra sobre a Raza Can de Palleiro

O Club Raza Can de Palleiro é o responsable do rexistro xenealóxico deste tipo de can do país que se encontra en perigo de extinción. Desde hai varios anos a entidade ocúpase de promover a recuperación da raza levando conta do número de exemplares e do seu historial familiar, co obxectivo de que se manteña a pureza das súas características e de que estas estean avaladas documentalmente. Ademais o club tamén desenvolve  accións de difusión como por exemplo a mostra fotográfica que abrirá este luns 12 de setembro ás 20:00h na sala de exposicións da Casa da Cultura-Museo do Humor Xaquín Marín.
06-09-2022

Horario inverno Casa da Cultura de Fene

A partir vindeiro luns, 12 de setembro, cambia o horario de apertura e atención ao público nas dependencias da Casa da Cultura, Biblioteca Municipal “Pérez Parallé” e Museo do Humor de Fene.  

Con este novo horario, que se manterá durante o curso 2022/23, agás períodos de vacacións escolares, a Casa da Cultura (aula de estudo e sala de exposicións temporais) e o Museo do Humor de Fene abrirán de luns a venres, de 10:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas, e os sábados de 10:00 a 13:00 horas. Pola súa banda, a Biblioteca Municipal abrirá de luns a venres, de 16:00 a 21:00 horas, e os sábados de 10:00 a 13:00 horas.

Domingos e festivos, a Casa da Cultura de Fene permanecerá pechada. 
05-09-2022

Dispoñibles os Dvd´s do campus Verán Máis Alá

A partir de hoxe xa están dispoñibles para as familias participantes os Dvd´s do campus Verán Máis Alá. Poderán recollerse de balde no Departamento de Cultura e Deportes (Avda. Naturais 44, entresollado) de luns a venres en horario de 09,30 a 13,30 horas.

O DVD contén unha escolma de fotos e vídeos dos/as participantes nas distintas actividades realizadas ao longo do pasado mes de xullo, nas instalacións do CEIP Centieiras, piscina municipal e distintos exteriores..
16-08-2022

O Concello de Fene únese ao fondo pesar polo falecemento de Andrés Picallo

O Concello de Fene únese ao fondo pesar e tristura polo falecemento de Andrés Picallo, e traslada o seu máis sentido pésame á familia e amizades. En verbas de Ramón Loureiro, "figura fundamental, e irrepetible, no ámbito da defensa e recuperación da cultura popular de Galicia, así como un entusiasta impulsor da celebración do Día das Letras Galegas", unha persoa á que no Concello de Fene lle estaremos sempre agradecidos e agradecidas
18-07-2022

Ruxe-Ruxe e Boyanka-Kostova na recta final do ciclo Xullo, Mes de Patria

Coa lectura da declaración institucional do Día da Patria Galega, a cargo da escritora Ánxela Loureiro, concluirá o vindeiro sábado o programa que organiza a Concellería de Cultura para conmemorar a festividade do 25 de xullo. O acto terá lugar ás 13 horas no parque liñal do Río Cádavo, a carón do Monumento Día da Patria Galega. Previamente, tamén esta semana, haberá dous concertos na praza do alcalde Ramón José Souto González, ámbolos dous con entrada libre e de balde. O xoves 21 de xullo, ás 21.00 horas, actuará Ruxe-Ruxe co espectáculo Xira 2022 (Rede Cultural) e o venres 22, á mesma hora, será Boyanka-Kostova (Rede Cultural) quen suba ao escenario instalado a carón da Casa do Concello de Fene.
11-07-2022

O Xullo, mes da Patria continúa esta semana co certame de Habaneras, batukada e concerto de Blues do País-Sindicato da Verbena

As corais polifónicas da SCRD Agarimo de Sillobre e da ACRD O Pote de Maniños, xunto coas rondallas Estrelecer do CMI Unidade de Fene e Perla do Río do CCRD de Perlío subirán este martes, 12 de xullo, ao escenario da praza do alcalde Ramón José Souto González nunha nova edición do Festival de Habaneras e Canto Coral (o primeiro que se celebra trala pandemia). O certame, organizado pola Concellería de Cultura no marco do ciclo do Día da Patria Galega, comezará o martes ás 20.30 horas na carpa instalada a carón do Concello.
06-07-2022

Festa da escuma, batallas acuáticas e inchables, principais atractivos da festa infantil do ciclo “Xullo, mes de Patria”

O Concello de Fene continuará festexando o mes da Patria este venres, 8 de xullo, cunha festa infantil que se desenvolverá dende as 18.00 até as 21.00 horas na praza do alcalde Ramón José Souto González. Incluirá diversos xogos e atraccións coma o tiracoios xigante “Tira ao coronavirus”, batallas acuáticas e xincanas, festa da escuma con animación, festa “Holy” con pos de cores, taller de maquillaxe, inchables e camas elásticas. Serán, en definitiva, tres horas de animación e festa para os máis pequenos da casa.
05-07-2022

Pepo Suevos no ciclo “Xullo, mes de Patria” do Concello de Fene

A praza do alcalde Ramón José Souto González, acolle este xoves, 7 de xullo, o segundo espectáculo do ciclo “Xullo, mes da Patria”, organizado pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña. Desta vez, o protagonista será o monologuista e actor ferrolán Pepo Suevos co espectáculo “Humor salvaxe”. A función comezará ás 21.00 horas con entrada libre e de balde.