Novas

22-11-2022

O escritor Rober H.L. Cagiao participa este mércores na primeira sesión do Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Fene

Sobre a triloxía “Misterios de Ferrolterra” versará o primeiro encontro do Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Fene, que terá lugar mañá mércores, de 18.00 a 19.30 horas nas instalacións da Casa da Cultura de Fene. Oito persoas tomarán parte nesta sesión inicial que contará coa presenza do autor, Rober H.L. Cagiao. O volume aborda tres historias -“Los desahuciados”, “En llamas” e “Exorcismo en Ferrolterra”- nas que “os crimes asolan Ferrolterra. E o grupo policial da Avenida de Vigo, integrado polo inspector Lume,o axente Chanteiro, a tenente Vilar e o comisario Mandioca, xunto cos integrantes do equipo de Paola Gómez (El Guardián de las Flores) serán os encargados de investigalos”.
15-11-2022

A familia do pintor e deseñador gráfico fenés, Alberte Permuy, cede catro obras do artista ao Concello de Fene

O alcalde de Fene e o irmá e representante do pintor, Xosé María Permuy, asinaron está mañá un convenio de cesión en depósito ao Concello de Fene de catro pinturas acrílicas sobre tea da autoría de Alberte Permuy datadas entre 1979 e 1992. O convenio, cunha duración inicial de tres anos, é prorrogable polo período que estimen as dúas partes e, de ser o caso, o Concello de Fene poderá negociar co autor a adquisición de parte ou da totalidade da obra cedida para incorporala ao seu patrimonio artístico. As obras que a familia de Alberte Permuy cede en depósito ao Concello de Fene son catro acrílicos sobre tea de diferentes tamaños (228x146; 97X163; 97X163 e 80X59) pintados entre 1979 e 1982.
07-11-2022

O Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Fene botará a andar o 23 de novembro cunha primeira sesión ao redor do libro Misterios de Ferrolterra

Continúa aberto o prazo de inscrición para as persoas que desexen apuntarse ao Club de Lectura que organiza a Biblioteca Xosemaría Pérez Parallé de Fene, dirixido a público adulto. As inscricións realízanse na propia biblioteca, presencialmente ou por teléfono (981 342 302), de luns a venres, de 16.00 a 21.00 horas ou os sábados de 10.00 a 13.00 horas. Para participar, unicamente cómpre ter interese pola lectura xa que as persoas que formen parte do club deberán ler ao mesmo tempo a obra proposta, a soas nas súas casas, reuníndose logo para comentar o que leron. A biblioteca proporcionará un exemplar a cada membro do club, previamente inscrito, que, no caso da sesión prevista para este mes de novembro, será “Misterios de Ferrolterra”, de Rober H.L. Cagiao.
07-11-2022

Gisela Mato Rivera acada o XXXV Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

Gisela Mato Rivera, nada na emigración en Xenebra en 1978, é a gañadora da XXXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que convoca o Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene co apoio do Concello de Fene. O xurado, reunido o pasado venres, escolleu o libro de Mato, titulado Fraxilidades de entre 74 obras presentadas a concurso este ano. Trátase da XXXV edición deste Premio, creado para homenaxear ao poeta fenés Xosemaría Pérez Parallé, coñecido como O Segrel do Penedo. Poeta popular, activista literario, promotor da celebración en Galicia do Día das Letras Galegas que fora instituído polas colectividades galegas do exilio.
28-10-2022

O ciclo Novembro, mes do Humor trae a Fene ás Izquierdo Sisters, María da Pontragha, Oswaldo Digón e Marta Doviro

O venres 4 de novembro bota a andar no Museo do Humor Xaquín Marín o ciclo de monólogos “Novembro, mes do Humor” que organiza anualmente o Concello de Fene para conmemorar o aniversario deste centro. Catro espectáculos compoñen o programa desta edición que contará coas actuacións das Izquierdo Sisters (4 de novembro), María da Pontragha (11 de novembro), Oswaldo Digón (18 de novembro) e Marta Doviro (25 de novembro). A primeira función, o venres 4 ás 20 horas, coincidirá coa apertura e inauguración da exposición dos Premios Curuxa 2022 e coa entrega dos galardóns do certame de humor gráfico que organiza anualmente o museo fenés. A entrada para todos os espectáculos, dirixidos a público adulto, será de balde até completar o aforo (80 localidades).
26-10-2022

O investigador Manuel Collado fala este xoves sobre a “procura da fonte da xuventude” no ciclo Contando Ciencia

O ciclo Contando Ciencia, que organiza a Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino, trae esta semana a Fene ao investigador do Sergas Manuel Collado Rodríguez. A cita será o xoves, ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura, con entrada libre e de balde até completar o aforo. Esta segunda charla do ciclo xirará en torno á “procura da fonte da xuventude”.
21-10-2022

Asinados os convenios de colaboración correspondentes ás subvencións nominativas a entidades culturais e deportivas de Fene

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, e representantes das asociacións AVV Magalofes, AVV Limodre, CMI Unidade de Fene, Airiños de Fene, ACRD O Pote, CPS San Valentín, Liga de Amigos de Barallobre, Anpas de Centieiras e Os Casais, Escudería Scratch e Asociación de Voluntarios de Protección Civil, reuníronse este mediodía na Casa do Concello para asinar os convenios de colaboración entre o Concello de Fene e as distintas entidades. Convenios que no seu conxunto (incluídos os xa asinados previamente con Os Centolos e Felicia), ascenden a 58.000 €, dos cales 44.300 € son para entidades culturais; 5.500 € para ANPAS; 5.000 para entidades deportivas e 3.000 para voluntariado de Protección Civil.
21-10-2022

Paco Nogueiras presenta “C@nto contigo” o vindeiro mércores na Casa da Cultura de Fene

“Música, baile e risas para sacar a lingua a voar, achegando o galego á xente miúda e ás súas familias de xeito lúdico e divertido”. Defínese así o espectáculo “C@nto contigo” que o actor e músico galego Paco Nogueiras trae a Fene o vindeiro mércores, 26 de outubro. A actuación será ás 18 horas no salón de actos da Casa da Cultura, no marco da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia que ten como oxectivo “a promoción do uso da lingua galega”. Entrada de balde até completar o aforo.
 
20-10-2022

XXXIV Xuntanza de Gaiteiros de Airiños de Fene

O sábado 29 de outubro a partir das 19.30 horas, a Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene celebrará na sociedade Agarimo de Sillobre a XXXIV Xuntanza de Gaiteiros, encontro que vén organizando todos os anos desde 1988 coa colaboración do Concello de Fene. Nestas xuntanzas, amais da participación de distintas bandas, grupos ou músicos, aprovéitase a ocasión para realizar unha homenaxe a algunha persoa, grupo ou entidade que se caracterizou por gardar, recoller, recuperar e dar a coñecer a nosa música tradicional. Nesta XXXIV Xuntanza, Airiños homenaxeará ao Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira.
17-10-2022

O ciclo Contando Ciencia aborda o xoves 27 de outubro a investigación “na procura da fonte da xuventude”

O investigador do Sergas Manuel Collado Rodríguez é o protagonista da segunda sesión do ciclo Contando Ciencia, que organiza a Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino. A cita será o xoves 27 de outubro, ás 19.30 horas na Casa da Cultura de Fene, con entrada libre e de balde até completar o aforo. E o tema que abordará será o da “procura da fonte da xuventude”.