Novas

23-02-2023

Día de Rosalía

O Concello de Fene súmase á iniciativa da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) e fai un chamamento á veciñanza a conmemorar o “Día de Rosalía” neste 23 de febreiro, agasallando cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas e a espallar nas redes sociais, co lema #cumpriuseaxustiza, a obra de Rosalía. Asemade, súmase á conmemoración  publicando o manifesto que a AELG lle encargou este ano á escritora Carme Adán e que se pode descargar dende esta páxina. 
17-02-2023

Trece comparsas arrufarán o día grande do Entroido fenés

Paso a paso, Os Colludos, Os Argalleiros, As Xoaniñas de Chao, Os contos da Anpa Belén, Scratchados de Fene, A Canteira, Os Parrandolos, Os xogos de Centi, A Revolta de Trasancos, Os Fitipanthers, Santa Compaña e Oje Ferrol. Son as agrupacións que se inscribiron este ano para participar no desfile e posterior festival de comparsas que organiza a Concellería de Cultura para o mércores de cinza, día grande do Entroido fenés. Para facilitar a organización do pasarrúas e interromper o menos posible o tráfico, nesta ocasión as comparsas concentraranse na pista do CCRD de Perlío ás 17.30 para iniciar o desfile que concluirá na praza do alcalde Ramón José Souto González. Pero a xolda comezará en Fene xa o día anterior, o martes de Entroido, cunha festa infantil, reparto de lambetadas e verbena.
13-02-2023

SonDaRúa e García MC no Día de Rosalía en Fene

Con motivo da efeméride do seu nacemento, o Concello de Fene lembrará a Rosalía de Castro o venres 24 de febreiro cun concerto na Praza do alcalde Ramón José Souto González. O rapeiro García MC subirá ao escenario instalado a carón da Casa do Concello a partir das nove da noite para dar paso, ao redor das 22 horas, á actuación dos ponteareáns SonDaRúa, que visitan Fene no marco da súa xira de despedida. A entrada ao concerto será libre e de balde.

Con esta actividade, a concellería de Cultura de Fene súmase á conmemoración do Día de Rosalía no que ducias de institucións, concellos, centros de ensino, centros sociais e asociación de toda Galicia lembran á nosa escritora máis universal. Nesta ocasión, o Concello de Fene apostou polo rap en galego, como nova forma de poesía urbana, para homenaxear á autora de Follas Novas e Cantares Gallegos.
10-02-2023

Martes 21 e mércores 22 de febreiro, días grandes do Entroido fenés

Fene ten un dos Entroidos con máis sona e máis tradición de toda a comarca, adobiado pola Concellaría de Cultura cunha chea de propostas que se concentrarán nos dous días grandes do carnaval local, o martes 21 -Martes de Entroido- e o mércores 22, Mércores de Cinza, que ademais é festivo local. Xogos infantís, música e o multitudinario desfile de máscaras encherán de troula e bo humor as rúas do municipio.
06-02-2023

A seguridade dos produtos cosméticos

A doutora en Farmacia Carmen García Jares é a nova convidada ao ciclo Contando Ciencia que continúa este xoves, 9 de febreiro, cunha conferencia sobre a Seguridade dos produtos cosméticos. O acto terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura de Fene a partir das 19.30 horas, con entrada libre e de balde até completar o aforo. Carmen García Jares é catedrática de Química Analítica na USC. Realizou a súa formación postdoutoral no Institut d'Oenologie-Diréction Générale de la Concurrence, de la Consommation et de la Représsion des Fraudes (DGCCRF, Ministère de Finances, Bordeaux, Francia).
26-01-2023

Fene vai de entroido

Abre o prazo de inscrición para as comparsas que queiran participar no desfile e festival que terá lugar na Praza do alcalde Ramón José Souto González o mércores 22 de febreiro, no marco do Entroido fenés. As agrupacións interesadas en anotarse poderán facelo até as 14.00 horas do mércores 15 de febreiro no Rexistro Xeral do Concello e optar ás axudas que establece o Concello de Fene (bases publicadas nos enlaces achegados) para fomentar a participación da veciñanza nos actos do Entroido.
23-01-2023

A escritora Arantza Portabales asiste este mércores a un novo encontro do Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Fene

Sobre o libro “Beleza vermella” versará o terceiro encontro do Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Fene, que terá lugar o mércores 25 de xaneiro, de 18.00 a 19.30 horas na aula de estudo da Casa da Cultura. Once persoas están a participar nesta actividade que contará esta semana coa presenza da autora, Arantza Portabales. A novela, Beleza Vermella, “xira en torno a un espantoso crime que, en realidade, semella unha obra de arte. Unha instalación de vangarda. A asasinada é a sobriña da máis importante artista galega, e a maneira en que aparece o cadáver semella un dos seus traballos de vangarda. Todo o cuarto cuberto uniformemente co sangue da vítima. Será que matar pode ser unha forma de arte?” Seis persoas, todas achegadas á vítima, son sospeitosas, porque todas poderían ter motivos para cometer o crime. Polo medio, paixón sen control e un manexo da intriga que fai desta autora unha das voces cruciais da novela negra galega contemporánea.
 
16-01-2023

O doutor en Medicina Ángel Carracedo abre unha nova quenda de conferencias do ciclo Contando Ciencia

Sobre “A medicina xenómica” xirará mañá martes, ás 19.00 horas, a primeria sesión do ciclo “Contando Ciencia” en 2023. O programa, organizado pola Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino de Fene, ten como obxectivo achegar a ciencia á poboación en xeral. “Contando Ciencia” desenvólvese na Casa da Cultura de Fene un xoves (ou martes) ao mes, con entrada libre e de balde até completar o aforo. Logo desta primeira charla, protagonizada polo doutor en Medicina da USC, Ángel Carracedo, os vindeiros convidados ao ciclo serán: Carmen García Jares, doutora en Farmacia, que falará sobre a “Seguridade dos produtos cosméticos” (9 de febreiro); Fran Canosa, doutor en Xeoloxía, cunha conferencia titulada “Galicia, un paraíso xeolóxico” (9 de marzo); Bea Hervella, meteoróloga, que falará sobre “O cambio climático en Galicia” (20 de abril); e María Canosa, enxeñeira de Camiños e escritora, que pechará o ciclo falando sobre “Máis vale maña que forza”.
03-01-2023

Os Reis Magos entrarán en Fene por Perlío o xoves a partir das 17.30 horas

As súas Maxestades Os Reis Magos de Oriente visitarán o Concello de Fene este xoves, 5 de xaneiro, para atender as peticións dos nenos e das nenas do noso municipio. Será unhas horas antes de iniciar o seu percorrido por todos os fogares do mundo para deixar os agasallos comprometidos. Así, respondendo ao convite da Concellería de Cultura, farán un alto no seu camiño en Fene. Chegarán ás 17:30 á parroquia de Perlío, á altura do establecemento Aguilar, para percorrer a Avenida Marqués de Figueroa, Cruzamento de Fene e Avenida de Naturais para dirixirse á Praza do alcalde Ramón José Souto González onde, nunha carpa habilitada a estes efectos, terá lugar a recepción real.
26-12-2022

Contos e música para despedir o ano en Fene

O ciclo de actividades organizado pola Concellería de Cultura para o Nadal continúa este mércores, 28 de decembro, ás 12.00 horas, cunha sesión de contacontos a cargo do grupo Compañía Eléctrica. A función, titulada “Festa”, vai dirixida a nenas e nenos de Infantil e Primaria e desenvolverase no salón de actos da Casa da Cultura de Fene. Actividade de balde, con aforo limitado pero sen reserva previa. Tamén esta semana, o venres 30 de decembro, está prevista unha actuación da cantante e actriz Eugenia Sanmartín, co espectáculo “Curumín”. Será a partir das 21 horas no CCRD de Perlío con entrada libre e de balde.