Novas

13-12-2022

Últimas prazas dispoñibles para a sesión de O Titiribaile na Biblioteca Municipal

No marco da programación de Nadal que organiza a Concellería de Cultura, este venres, 16 de decembro, actúa na biblioteca municipal Xosemaría Pérez Parallé o grupo O Titiribaile con “Chegados a este punto”, espectáculo dirixido a crianzas de 0 a 3 anos. As prazas xa están prácticamente cubertas pero aínda queda algunha dispoñible. As persoas que se queiran anotar, poden facelo na biblioteca municipal de Fene, presencialmente ou no teléfono 981 342 302 (horario de 16.00 a 21.00 horas).
12-12-2022

As corais e rondallas de Fene reúnense este sábado no Festival de Panxoliñas do Concello de Fene

A sociedade Agarimo de Sillobre acolle este sábado, ás 20 horas, o XX Festival de Panxoliñas no que tomarán parte as cinco formacións locais que interpretarán os clásicos tradicionais destas datas. No encontro musical, o primeiro que se celebra tralo inicio da pandemia, participarán a Coral Polifónica O Pote de Maniños, a rondalla Perla del Río, a rondalla Estrelecer, o Tradicoro e, como anfitrioa, a coral Polifónica Agarimo de Sillobre. Cada unha delas interpretará tres panxoliñas, entre as que se poderán escoitar pezas tan coñecidas como “Noite de paz”, “Bicos e paz”, “Meu pequeno” ou “Mariñeiro”, e así ata xuntaren un repertorio de 15 clásicos en galego e castelán. O evento é con entrada gratuíta e está promovido pola Concellaría de Cultura como xeito de poñer en valor a longa tradición que existe en Fene arredor da música coral. Da organización encárgase a SCRD Agarimo, que lle toma o relevo á Sociedade O Pote, anfitrioa en 2019 deste festival que cada ano se celebra na sede dunha formación do municipio.
07-12-2022

Abre o prazo de inscrición para os contos para bebés na Biblioteca de Fene

As familias interesadas en apuntar ás súas crianzas á sesión de contacontos que Barafunda Teatro ofrecerá na biblioteca municipal o xoves 15 e o grupo O Titiribaile o 16 de decembro, poden anotalos dende hoxe até o vindeiro 14 de decembro na propia biblioteca. Ámbolos dous espectáculos están dirixidos a bebés, de 0 a 4 anos o primeiro e de 0 a 3 o segundo. A reserva realizarase presencialmente ou por teléfono, no 981 342 302, de luns a venres (agás festivos), de 16 a 21 horas ou o sábado, de 10 a 13 horas. Con esta dobre sesión de contacontos comeza este ano o ciclo de actividades que organiza a Concellería de Cultura de Fene ao redor das festas de Nadal.
05-12-2022

O Concello de Fene presenta un completo programa de actividades para o Nadal

Cunha dobre sesión de contacontos na biblioteca municipal, o xoves 15 e o venres 16 de decembro, comeza este ano o ciclo de actividades de Nadal organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Fene. O programa inclúe, amais dos contacontos, o tradicional festival de panxoliñas e un concerto a cargo de Eugenia Sanmartín. Tamén se anuncian dúas exposicións na Casa da Cultura e, ao remate das festas, o venres 5 de xaneiro, a cabalgata das SSMM os Reis Magos de Oriente e a recepción real na praza do alcalde Ramón Souto González. Os nenos/as (entre 6 e 12 anos cumpridos) que queiran participar como paxes reais na Cabalgata, poderán apuntarse até o 29 de decembro no Rexistro Xeral do Concello (aforo moi limitado, por orde de solicitude). Folla de inscrición dispoñible en www.fene.gal a partir do 16 de decembro. Por outro lado, dende a Concellería de Deportes tamén avanzan que, do 27 de decembro de 2022 ao 6 de xaneiro de 2023 estará instalada a Caixa de Correo Real na entrada da Casa do Concello.
29-11-2022

Contando Ciencia céntrase este xoves no “Metabolismo, obesidade e outras cuestións”

Sulay Tovar Carro, investigadora do Ramón y Cajal e do CIMUS, é a próxima convidada ao ciclo Contando Ciencia, que organiza a Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino do Concello de Fene. O programa, co que se pretende achegar a ciencia á poboación en xeral, desenvólvese na Casa da Cultura de Fene un xoves ao mes e sempre ás 19:30, con entrada libre e de balde até completar o aforo. Nesta ocasión, o xoves 1 de decembro, Sulay Tovar falará sobre “Metabolismo, obesidade e outras cuestión”.
22-11-2022

O escritor Rober H.L. Cagiao participa este mércores na primeira sesión do Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Fene

Sobre a triloxía “Misterios de Ferrolterra” versará o primeiro encontro do Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Fene, que terá lugar mañá mércores, de 18.00 a 19.30 horas nas instalacións da Casa da Cultura de Fene. Oito persoas tomarán parte nesta sesión inicial que contará coa presenza do autor, Rober H.L. Cagiao. O volume aborda tres historias -“Los desahuciados”, “En llamas” e “Exorcismo en Ferrolterra”- nas que “os crimes asolan Ferrolterra. E o grupo policial da Avenida de Vigo, integrado polo inspector Lume,o axente Chanteiro, a tenente Vilar e o comisario Mandioca, xunto cos integrantes do equipo de Paola Gómez (El Guardián de las Flores) serán os encargados de investigalos”.
15-11-2022

A familia do pintor e deseñador gráfico fenés, Alberte Permuy, cede catro obras do artista ao Concello de Fene

O alcalde de Fene e o irmá e representante do pintor, Xosé María Permuy, asinaron está mañá un convenio de cesión en depósito ao Concello de Fene de catro pinturas acrílicas sobre tea da autoría de Alberte Permuy datadas entre 1979 e 1992. O convenio, cunha duración inicial de tres anos, é prorrogable polo período que estimen as dúas partes e, de ser o caso, o Concello de Fene poderá negociar co autor a adquisición de parte ou da totalidade da obra cedida para incorporala ao seu patrimonio artístico. As obras que a familia de Alberte Permuy cede en depósito ao Concello de Fene son catro acrílicos sobre tea de diferentes tamaños (228x146; 97X163; 97X163 e 80X59) pintados entre 1979 e 1982.
07-11-2022

O Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Fene botará a andar o 23 de novembro cunha primeira sesión ao redor do libro Misterios de Ferrolterra

Continúa aberto o prazo de inscrición para as persoas que desexen apuntarse ao Club de Lectura que organiza a Biblioteca Xosemaría Pérez Parallé de Fene, dirixido a público adulto. As inscricións realízanse na propia biblioteca, presencialmente ou por teléfono (981 342 302), de luns a venres, de 16.00 a 21.00 horas ou os sábados de 10.00 a 13.00 horas. Para participar, unicamente cómpre ter interese pola lectura xa que as persoas que formen parte do club deberán ler ao mesmo tempo a obra proposta, a soas nas súas casas, reuníndose logo para comentar o que leron. A biblioteca proporcionará un exemplar a cada membro do club, previamente inscrito, que, no caso da sesión prevista para este mes de novembro, será “Misterios de Ferrolterra”, de Rober H.L. Cagiao.
07-11-2022

Gisela Mato Rivera acada o XXXV Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

Gisela Mato Rivera, nada na emigración en Xenebra en 1978, é a gañadora da XXXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que convoca o Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene co apoio do Concello de Fene. O xurado, reunido o pasado venres, escolleu o libro de Mato, titulado Fraxilidades de entre 74 obras presentadas a concurso este ano. Trátase da XXXV edición deste Premio, creado para homenaxear ao poeta fenés Xosemaría Pérez Parallé, coñecido como O Segrel do Penedo. Poeta popular, activista literario, promotor da celebración en Galicia do Día das Letras Galegas que fora instituído polas colectividades galegas do exilio.
28-10-2022

O ciclo Novembro, mes do Humor trae a Fene ás Izquierdo Sisters, María da Pontragha, Oswaldo Digón e Marta Doviro

O venres 4 de novembro bota a andar no Museo do Humor Xaquín Marín o ciclo de monólogos “Novembro, mes do Humor” que organiza anualmente o Concello de Fene para conmemorar o aniversario deste centro. Catro espectáculos compoñen o programa desta edición que contará coas actuacións das Izquierdo Sisters (4 de novembro), María da Pontragha (11 de novembro), Oswaldo Digón (18 de novembro) e Marta Doviro (25 de novembro). A primeira función, o venres 4 ás 20 horas, coincidirá coa apertura e inauguración da exposición dos Premios Curuxa 2022 e coa entrega dos galardóns do certame de humor gráfico que organiza anualmente o museo fenés. A entrada para todos os espectáculos, dirixidos a público adulto, será de balde até completar o aforo (80 localidades).