Novas

14-11-2018 -

A actriz Carmen Méndez trae ó Museo do Humor o seu monólogo Outras químicas A función celebrarase este venres, a partir das 20 horas

A actriz galega Carmen Méndez será a próxima protagonista do ciclo de monólogos "Novembro, Mes do Humor" que promove a Concellería de Cultura que dirixe Rocío Bértoa. Traerá ó Museo do Humor Fene o seu espectáculo Outras químicas este venres, 16 de novembro, a partir das 20 horas. A entrada é de balde pero con necesaria retirada de convite –dúas por persoa-, o mesmo venres a partir das 18,30 horas na conserxería da Casa da Cultura.
14-11-2018 -

Visita dos usuarios do centro ocupacional de Aspaneps á exposición Pinto&Chinto. 25 anos que acolle o Museo do Humor

Usuarios e usuarias do centro ocupacional de Aspaneps - Asociación de pais de nenos con problemas psicosociais- realizaron o pasado luns unha visita ó Museo do Humor para disfrutar da exposición Pinto&Chinto. 25 anos. Unha mostra sobre a obra de dous dos maiores referentes do humor gráfico galego que se inauguraba o pasado venres e que constrúe un percorrido sobre a producción gráfica periodística de Pinto e Chinto –David Pintor e Carlos López- a través dunha reinterpretación da impresión rotativa.
13-11-2018 -

A unidade móbil de doazón de sangue permanecerá no municipio dende o mércores ata o sábado

A unidade móbil de doazón de sangue desprazarase este mércores, 14 de novembro, a Perlío. Permanecerá na praza da escola –diante da asociación de veciños- de 15,30 a 21 horas. Así mesmo, o xoves día 15 e o venres día 16 permanecerá diante do centro de saúde no mesmo horario e, o sábado día 17, fará o propio pola mañá, de 10 a 15 horas. Nesta liña, dende o Concello anímase á veciñanza a tomar parte na campaña de doazón.
13-11-2018 -

A vieira con cebiche do D3, gañadora do certame Fene, Un Mar de Tapas Público e xurado profesional coincidiron na súa elección

Tantos os clientes como o xurado profesional integrado por expertos en gastronomía, bloggers e restauradores coincidiron á hora da súa valoración da carta de pinchos presentados ó certame Fene, Un Mar de Tapas que, durante o pasado mes, promoveu o Concello xunto á Confraría e a Asociación de Comercio e Hostalería O Cruceiro, co respaldo do GALP Golfo Ártabro Norte. Así, uns e outros elixiron a vieira con cebiche presentada por D3 como o mellor pincho. No caso do xurado profesional concedía outros dous premios, quedando en segunda posición os Bicos galegos do Gastrobar Bicos e o Chipirón en salsa da Cafetería Bombay. Todos eles recibían esta tarde o seu galardón nun acto celebrado no salón de plenos da casa consistorial. Un acto que contou coa participación do concelleiro de Promoción Turística, Juan José Franco; a xerente do GALP Golfo Ártabro Norte, Antonia Fernández; o presidente da asociación O Cruceiro, Xoán Manuel Ramos Reigosa, e o coordinador da iniciativa, Manel Pan, así como de representantes da hostalería local. Así mesmo, no transcurso do mesmo, celebrábase o sorteo dunha noite no complexo turístico de moda en Galicia, as Cabañitas do Bosque. Rubén Plaza resultaba agraciado entre os máis de 60 clientes que completaron a ruta por todos e cada un dos locais do certame.
09-11-2018 -

Fene acolleu o curso Xuntos nos Coidados para coidadores de persoas afectadas de alzheimer

Unha veintena de persoas tomaron parte no curso Xuntos nos Coidados que se celebrou esta semana no Centro Municipal de Servizos Sociais de Fene. Unha acción formativa gratuíta dirixida a persoas con familiares a cargo afectados de alzheimer ou outro tipo de demencia. O curso desenvolveuse en dúas sesións. Á primeira dela asistían a presidenta de AFAL Ferrolterra, Ana María López, e a vicepresidenta, Montse López, entidade que imparte o curso, así como o alcalde de Fene, Gumersindo Galego, e a edil de Benestar, Juana Couto, concello que colabora coa iniciativa, impulsada pola Federación Alzheimer Galicia e a Consellería de Política Social. Todos eles aproveitaban a oportunidade para dar a coñecer o labor que desenvolve AFAL a favor das persoas afectadas e das súas familias e coidadores, con dous centros de día terapéuticos en Ferrol. Tamén dos diferentes cursos que o Concello, municipio solidario co alzheimer, desenvolve ó longo do ano nesta materia. Así mesmo, o alcalde avanzaba a próxima celebración de charlas sobre a enfermidade nas parroquias. Charlas que impartirá AFAL e cuxo calendario se dará a coñecer nas próximas semanas.
08-11-2018 -

Arranca en Fene o curso de carpintería e moble do obradoiro de emprego REINICIA V

A acción formativa, de nove meses de duración, estase a desenvolver na Nave Municipal de San Marcos, na parroquia de Sillobre, e na mesma participan dez alumnos e alumnas. Dito obradoiro combina formación e traballo, polo que os seus alumnos teñen un contrato de formación.
08-11-2018 -

O ciclo de monólogos continúa este venres co actor Marcos Pereiro e a súa experiencia sobre "Como ser armario empotrado"

O ciclo de monólogos "Novembro, Mes do Humor" que promove a Concellería de Cultura que dirixe Rocío Bértoa continúa este venres, 9 de novembro, da man do actor Marcos Pereiro e as súas claves sobre "Como ser armario empotrado". Terá lugar no Museo do Humor de Fene, con entrada de balde pero con necesaria retirada de convite –dúas por persoa-, o mesmo venres a partir das 18,30 horas na conserxería da Casa da Cultura. A función dará comezo ás 21 horas, trala inauguración da exposición "Pinto&Chinto. 25 anos” prevista para ese mesmo día ás 20 horas.
07-11-2018 -

O Concello de Fene inaugura este venres a exposición Pinto&Chinto. 25 anos

"Pinto&Chinto. 25 anos" é o título claro e conciso da nova exposición que este venres, 9 de novembro, inaugura o Concello de Fene na Casa da Cultura sobre a obra de dous dos maiores referentes do humor gráfico galego. Unha mostra orixinal e sorprendente que constrúe un percorrido sobre a producción gráfica periodística de Pinto e Chinto.
06-11-2018 -

Proxección da curta "MIÑA" e foro sobre a violencia de xénero este xoves en Fene

O salón de actos da Casa da Cultura de Fene acollerá este xoves, 8 de novembro, a proxección da curta "MIÑA", do director Michael J. Cassidy, e un foro/debate posterior con profesionais especializados onde se tratará o abordaxe da violencia de xénero no ámbito veciñal. Será a partir das 19 horas con entrada libre e de balde.
06-11-2018 -

Teatro e fotografía para concienciar sobre a situación das persoas refuxiadas no IES de Fene

O IES de Fene acollerá ó longo desta semana unha exposición fotográfica e mais unha obra de teatro para concienciar sobre a difícil situación das persoas refuxiadas. As actividades encádranse no plan de sensibilización promovido polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que é socio o Concello de Fene.