Novas

07-12-2018 -

Alcalde e concelleira de Ensino visitan o novo comedor escolar do CEIP O Ramo

O alcalde, Gumersindo Galego, e a concelleira de Ensino, Ana Novo, visitaron o novo comedor escolar do CEIP Plurilingüe do Ramo tras as obras realizadas polo Concello de Fene. Na mesma, estiveron acompañados pola xefa de estudos, Lucía Rojo. Nesta liña, o alcalde destacou que o acondicionamento deste novo espazo permitiu dar resposta ó significativo incremento do número de usuarios do comedor experimentado nos últimos seis anos, que pasou dos 4 ata os 68 do presente curso. Deste xeito, o anterior habitáculo, de tan só 37 metros cadrados, quedábase ben escaso e de aí a actuación realizada. Nela investíronse 10.782,64 euros con cargo ás arcas locais.
05-12-2018 -

Fene convida á veciñanza a conmemorar o 40º aniversario da Constitución española

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, presidirá este xoves, 6 de decembro, o acto institucional de conmemoración do 40º aniversario da Constitución española no municipio. Un acto que terá lugar a partires das 12,30 horas no salón de plenos da casa consistorial. Nesta liña, o Concello quere invitar a vecinos e veciñas a sumarse á celebración do aniversario da Carta Magna, neste número tan redondo, acompañando á corporación no acto.
05-12-2018 -

Arrancan as obras de mellora do camiño do Cádavo ás Chancas cun orzamento cercano ós 74.000 euros

O alcalde, Gumersindo Galego, informou esta mañá do inicio das obras de adecuación e mellora do camiño do Cádavo ás Chancas, na parroquia de Perlío. Unha intervención na que se están a investir 73.771 euros procedentes do POS+ 2017 e que estará rematada antes de que acabe o ano.
03-12-2018 -

O Concello tramita as solicitudes para optar ás prácticas en empresa que promove a Deputación para persoas desempregadas

O concelleiro de Formación e Emprego, Juan José Franco, informou esta mañá de que o Concello tramita as solicitudes para participar nas prácticas profesionais en empresa relacionadas coa formación académica ou laboral que promove a Deputación da Coruña dentro do Proxecto EIXO_Estratexia de Inserción Xove. Prácticas dirixidas a persoas desempregadas menores de 30 anos que se realizarán nas instalacións das empresas colaboradoras, cunha xornada laboral estipulada pola empresa colaboradora e o seu convenio colectivo sectorial ou empresarial para o posto a desempeñar.
03-12-2018 -

O Concello apoia o labor do movemento asociativo coa concesión de subvencións nominativas por valor de 36.300 euros

Coa recente entrada en vigor do orzamento municipal para o 2018, o primeiro aprobado nos últimos tres anos, o Concello de Fene acordaba a concesión das subvencións nominativas a diferentes entidades e asociacións do municipio. Subvencións que, en suma, ascenden a 36.300 euros. E, o pasado venres, o alcalde, Gumersindo Galego, asinaba os respectivos convenios de colaboración cos representantes das entidades e asociacións nun acto celebrado na casa consistorial.
30-11-2018 -

Entrega de diplomas en Fene ás persoas participantes no Curso de Mediadores Sociais

A concelleira de Benestar Social, Juana Barro, presidiu esta semana o acto de entrega de diplomas ás persoas participantes no Curso de Mediadores/as Sociais que organizou o Concello, xunto ós de Mugardos e Neda, no marco do proxecto conxunto de prevención de condutas aditivas que subvenciona a Consellería de Sanidade. Impartido por persoal técnico de Asfedro, a acción formativa tivo lugar na Casa da Cultura durante os meses de outubro e novembro.
29-11-2018 -

O Concello conclúe a limpeza das beiras do cauce do río Cádavo para previr inundacións

 O concelleiro de Medio Ambiente, César Castro, informou esta mañá do remate dos traballos de limpeza das beiras do cauce do río Cádavo. Unha medida coa que, sinalou, se busca actuar para previr desbordamentos e inundacións nestes meses de choiva. Non só iso, tamén acondicionar o cauce para a posta en valor deste espazo como zona de paseo e ocio da veciñanza.
28-11-2018 -

Federico Pérez pecha este venres o ciclo de monólogos do Museo do Humor con “A Noite do Capador”

“A Noite do Capador” é o título do monólogo co que o actor Federico Pérez porá este venres o broche de ouro ó ciclo "Novembro, Mes do Humor" que promove a Concellería de Cultura que dirixe Rocío Bértoa. Será a partir das 20 horas con entrada de balde pero con necesaria retirada de convite.
22-11-2018 -

O Concello acondiciona o camiño de Souto Vello na parroquia de Limodre

O Concello, a través da Concellería de Servizos, vén de concluír os traballos de acondicionamento do camiño de Souto Vello, na parroquia de Limodre. Un vial duns 200 metros que dá servizo a varias vivendas no que a Administración local investiu unha partida duns 5.500 euros procedentes de fondos propios. Segundo explicou o alcalde, Gumersindo Galego, a actuación, moi demandada polos veciños e veciñas do lugar facíase necesaria polo seu pésimo estado de conservación. Máis nos meses de choiva, xa que o vial era de terra.

A intervención contemplou o acondicionamento da vía mediante rego asfáltico.
21-11-2018 -

O Concello de Fene procede ó asfaltado do camiño do Rego da Moa

O Concello de Fene informou esta mañá do remate dos traballos de acondicionamento do camiño do Rego da Moa. Uns traballos orzamentados en 16.000 euros e financiados con fondos propios que permitiron convertir un vial de terra en moi precario estado nun camiño asfaltado. Así, a intervención mellorará sen dúbida a mobilidade dos veciños e veciñas dunhas dez vivendas que teñen nesta vía a súa única forma de comunicación cara a estrada N-VI. Tamén dos numerosos peregrinos que percorren o Camiño Inglés ó seu paso por Fene, xa que un tramo do camiño está incluído no mesmo.
Os traballos leváronse a cabo na totalidade do camiño, duns 500 metros.