Novas

07-02-2023 -

Concentración de condea e rexeitamento polo asesinato por violencia machista en Baiona

Dende a Concellaría de Benestar e Igualdade do Concello de Fene, convócase para hoxe martes 7 de febreiro de 2023 ao persoal do Concello, ao persoal político e a todas as persoas que desexen unirse, a unha concentración silenciosa ás 12:00 h na porta da Casa do Concello para manifestar públicamente a condea e rexeitamento polo ASASINATO POR VIOLENCIA MACHISTA DE BEATRIZ LIJÓ GESTEIRA de 47 anos e veciña de Baiona (Pontevedra)

Beatriz foi brutalmente asasinada pola súa ex parella este domingo no seu domicilio en Baiona en presenza dos seus dous fillos de 7 e 9 anos de idade, vítimas da violencia vicaria exercida polo seu pai e pagando coa súa vida a discriminación e a desigualdade que padecemos todas as mulleres polo mero feito de ser mulleres.

Beatriz é a primeira vítima mortal da violencia machista en Galicia no 2023 sendo 8 as mulleres asasinadas en España no que levamos de ano (Fonte: MInisterio de Igualdade)

Agradecemos de antemán a vosa asistencia como xesto de condea, repulsa e solidariedade.
06-02-2023 -

A seguridade dos produtos cosméticos

A doutora en Farmacia Carmen García Jares é a nova convidada ao ciclo Contando Ciencia que continúa este xoves, 9 de febreiro, cunha conferencia sobre a Seguridade dos produtos cosméticos. O acto terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura de Fene a partir das 19.30 horas, con entrada libre e de balde até completar o aforo. Carmen García Jares é catedrática de Química Analítica na USC. Realizou a súa formación postdoutoral no Institut d'Oenologie-Diréction Générale de la Concurrence, de la Consommation et de la Représsion des Fraudes (DGCCRF, Ministère de Finances, Bordeaux, Francia).
03-02-2023 -

En marcha os traballos de reparación e acondicionamento da cuberta do pavillón da Xunqueira

A Concellería de Deportes investirá 33.000 no amaño da cuberta do pavillón de San Valentín co obxectivo de poñer fin ás filtracións de auga que estaban a deteriorar a pista e que, á súa vez, podían supoñer un perigo para os usuarios e usuarias da instalación. As tarefas, contratadas á empresa Instalaciones Deportivas Gallegas S.L. e executadas por Alumatic Norte, consisten no cambio de parafusos desgastados e na suxeición das pranchas da cuberta, así como no cambio dalgunhas delas nas zonas máis deterioradas. (aproximadamente 40 metros cadrados). Os traballos comezaron a pasada semana, coincidindo coa melloría do tempo.
26-01-2023 -

Fene vai de entroido

Abre o prazo de inscrición para as comparsas que queiran participar no desfile e festival que terá lugar na Praza do alcalde Ramón José Souto González o mércores 22 de febreiro, no marco do Entroido fenés. As agrupacións interesadas en anotarse poderán facelo até as 14.00 horas do mércores 15 de febreiro no Rexistro Xeral do Concello e optar ás axudas que establece o Concello de Fene (bases publicadas nos enlaces achegados) para fomentar a participación da veciñanza nos actos do Entroido.
26-01-2023 -

Costas e o Concello colaborarán na reparación

Os temporais de vento e chuvia das últimas semanas provocaron ducias de incidencias en toda a comarca e, no caso de Fene, as máis reseñables foron o rebordamento do Cádavo e a caída de árbores e pólas en distintos puntos do territorio. Porén, malia termos un tempo máis calmado, os efectos de tanta auga como caeu seguen deixándose notar. E para exemplo o desprendemento de terra que se produciu hai escasos días na ribeira de San Valentín, interrompendo o paso pola pasarela de madeira e incluso danando a súa  estrutura. A reparación, pendente de cuantificar, será asumida pola Demarcación de Costas, mentres que o Concello se fará cargo da corta de varias árbores que ameazan con caer sobre o paseo.
25-01-2023 -

Espazo de Encontro e Apoio Emocional Entre Mulleres

A Área de Benestar Social e Igualdade do Concello de Fene abre o prazo de inscrición no proxecto INDIRA. Un proxecto por e para todas as mulleres de Fene que desenvolvese a través de encontros semanais, nos que abordaranse diferentes temas e actividades relacionados cas relacións persoais, autocoidado, sexualidade e saúde feminina, intelixencias múltiples, emocións, violencia de xénero, etc.
24-01-2023 -

Prevención de condutas aditivas no obradoiro de emprego

No marco do proxecto de prevención de condutas aditivas que a Concellería de Benestar Social e Igualdade de Fene desenvolve, conxuntamente coa agrupación de concellos de Neda e Mugardos, o alumnado-traballador do obradoiro dual de emprego Reinicia IX asistiu nos últimos días a dúas sesións informativas sobre as adiccións, consumo de substancias e comportamentos aditivos. O obxectivo de ditas accións formativas, foi “informar para axudar a entender as características xerais das condutas aditivas, as súas implicacións na sociedade e desterrar prexuízos, así como establecer un maior coñecemento nesta materia”. O proxecto encádrase no programa “Non pasa nada, pasa algo?”, subvencionado pola Consellería de Sanidade.
23-01-2023 -

A escritora Arantza Portabales asiste este mércores a un novo encontro do Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Fene

Sobre o libro “Beleza vermella” versará o terceiro encontro do Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Fene, que terá lugar o mércores 25 de xaneiro, de 18.00 a 19.30 horas na aula de estudo da Casa da Cultura. Once persoas están a participar nesta actividade que contará esta semana coa presenza da autora, Arantza Portabales. A novela, Beleza Vermella, “xira en torno a un espantoso crime que, en realidade, semella unha obra de arte. Unha instalación de vangarda. A asasinada é a sobriña da máis importante artista galega, e a maneira en que aparece o cadáver semella un dos seus traballos de vangarda. Todo o cuarto cuberto uniformemente co sangue da vítima. Será que matar pode ser unha forma de arte?” Seis persoas, todas achegadas á vítima, son sospeitosas, porque todas poderían ter motivos para cometer o crime. Polo medio, paixón sen control e un manexo da intriga que fai desta autora unha das voces cruciais da novela negra galega contemporánea.
 
20-01-2023 -

A Concellaría de Servizos Sociais de Fene presenta o Plan Municipal de Implementación dos ODS

O Concello de Fene aprobou recentemente por resolución da Alcaldía o Plan de implantación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU dentro da Axenda 2030. O documento, promovido pola Concellaría de Servizos Sociais coa participación do tecido social, político e educativo do municipio, pretende ser unha guía de actuación tanto para o consistorio como para a veciñanza de cara a cumprir eses 17 obxectivos mundiais cos que se perseguen dúas fins intimamente ligadas: frear o cambio climático e construír unha sociedade máis xusta. 
17-01-2023 -

O Pleno de Fene aproba por unanimidade a modificación puntual do PXOM para delimitar cinco novas zonas de núcleo rural

A Corporación do Concello de Fene reuniuse esta mañá nunha sesión extraordinaria do pleno municipal que levaba como único punto na súa orde do día a votación da aprobación provisional da modificación puntual do planeamento urbanístico de cara a ampliar o solo de núcleo rural nos Buios, O Redondo, O Feal, Lubián e O Piñeiro, nas parroquias de Magalofes, Sillobre e Maniños. A proposta do grupo de goberno, aprobada por unanimidade, ofrecerá a posibilidade de construír ata 180 vivendas unifamiliares, ademais de contemplar usos terciarios para a posta en marcha de pequenos negocios. Para o titular da área de Urbanismo, Manuel Polo, a aprobación plenaria supón "un importante avance no desenvolvemento urbanístico de Fene mentres seguimos traballando nun novo planeamento".