Novas

19-02-2021 -

A Unidade Móbil do Centro de Transfusións de Sangue de Galicia achégase a Fene o 22 de febreiro

O luns 22 de febreiro a Unidade Móvil do Centro de Transfusións de Sangue de Galicia estará en Fene, de 9.30 a 14.30 h e de 15.30 a 21.00 horas, diante do Centro de Saúde de Fene.

As persoas que desexen doar sangue poden solicitar unha cita previa no teléfono gratuíto 900 100 828, sistema implantado para reforzar os protocolos de seguridade nas unidades móbiles e garantir unha afluencia axeitada e ordeada para cubrir as necesidades de sangue dos hospitais galegos.
18-02-2021 -

Testamento do Entroido

Onte, mércores de cinza, o actor, director e contacontos Quico Cadaval deu lectura ao Testamento do entroido, a mellor crónica satírica do acontecido en Fene, en Galicia e no mundo nos últimos meses.
16-02-2021 -

Fene dá un exemplo de responsabilidade participando de maneira masiva no cribado da semana pasada, onde só se detectaron 3 positivos

O SERGAS deu a coñecer onte o resultado do cribado que se desenvolveu en Fene durante a semana pasada mediante a técnica da PCR en saliva. O balance deixa dous datos relevantes: dunha banda a alta participación, que alcanzou as 6.217 persoas -o 81,5% das convocadas- e, da outra, o baixo número de casos asintomáticos detectados. E é que segundo informan as autoridades sanitarias, nos test realizados só apareceron 3 positivos. Desde o Concello destácase a implicación e o exemplo de responsabilidade ofrecido pola veciñanza de Fene, ao tempo que se recorda a necesidade de continuar aplicando as medidas de autoprotección e cumprindo con todas as restricións, que a partir deste mércores se verán aliviadas lixeiramente.
16-02-2021 -

Concellos e representantes sindicais renúnense este mércores en Madrid cos principais grupos parlamentarios para demandaren solucións de futuro para a comarca

Os alcaldes da ría e representantes sindicais do naval participarán na tarde deste mércores nunha rolda de xuntanzas con deputados e senadores do PSOE, PP, Unidas Podemos e o BNG de cara a demandar carga de traballo para os estaleiros da ría. Nos encontros porase enriba da mesa a situación crítica do centro de Navantia Ferrol, que quedará en cuestión de semanas sen encargos, e tamén a da factoría de Fene, afectada pola deslocalización cara a Cádiz dos contratos públicos para a eólica mariña. O eixo central das xuntanzas será o futuro dos estaleiros, nomeadamente a mellora das súas infraestruturas e a garantía de sigan sendo motor económico da comarca, aínda que na axenda de temas para tratar, o alcalde de Fene, Juventino Trigo, tamén inclúe a esixencia de alternativas ao peche de Endesa, Siemens-Gamesa ou Noa Madera Creativa, entre outras.
09-02-2021 -

O Concello e o SERGAS coinciden na necesidade de ampliar o Centro de Saúde

O Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, achegouse onte ao mediodía até San Valentín para seguir o desenvolvemento do cribado masivo que se está realizando estes días en Fene mediante PCR salival. Alén de constatar canda ao conselleiro a alta participación no proceso -onte entregáronse máis de 2.200 tubos- o alcalde, Juventino Trigo, aproveitou a visita para solicitar do SERGAS e da Xerencia da Área Sanitaria a ampliación do Centro de Saúde, co obxectivo de mellorar a calidade asistencial das instalacións. Segundo o rexedor, tanto o conselleiro como o xerente ferrolán, Ángel Facio, comprometéronse a iniciar de inmediato os contactos co consistorio para saber da situación urbanística do entorno do centro médico e, en base ao estudo das necesidades actuais e futuras, definir as características desa posible ampliación.
08-02-2021 -

Fene conmemorará virtualmente o seu ciclo do Entroido

Malia que a situación epidemiolóxica impide a celebración das actividades que tiñan lugar na Praza do Concello o Martes de Entroido e o Mércores de Cinza, o Concello de Fene resístese a deixar pasar de baleiro unha das festas con máis tradición no termo municipal. Por iso, a concellería de Cultura habilitará un espazo na páxina web do Concello e nas súas redes sociais dende o que conmemorar virtualmente o ciclo do Entroido. As actividades desenvolveranse do venres 12 ao venres 19 de febreiro. Neste período, a través da web municipal fene.gal e do facebook do Concello de Fene, difundirase fotografías e vídeos das actividades desenvolvidas ao longo desta semana nos centros de ensino feneses. Así, os mandados do entroido, a confección de máscaras, os disfraces ou a interpretación de coplas por parte das nenas e nenos feneses, terán un oco neste "escaparate" virtual do Entroido.
05-02-2021 -

O SERGAS fará en Fene a partir de luns un cribado entre 7.700 persoas de 15 a 65 anos

Xa se coñecen máis datos sobre o cribado en busca de contaxios asintomáticos que o SERGAS vai efectuar en Fene ao longo da semana que vén. O dispositivo comezará ás 10.00h. do luns con cita previa a través de SMS a arredor de 7.700 persoas con idades comprendidas entre os 15 e os 65 anos. Só serán citadas veciñas e veciños que estean nese grupo demográfico e que teñan a tarxeta sanitaria adscrita ao Centro de Saúde de Fene ou ao consultorio de Maniños. Deberán acudir no día e na hora indicados ás haimas que se instalarán en San Valentín entre o Pavillón Municipal e o CPI A Xunqueira para recoller os tubos das probas PCR salivares -xunto coas instrucións de uso- que se deberán levar ao día seguinte ao punto de entrega de mostras, situado diante das oficinas de Servizos Sociais, tamén en San Valentín.  Haberá que ir en coche preferentemente e non será necesario baixarse del. Ademais, abondará con que acuda unha única persoa de cada grupo familiar para recoller os tubos e entregalos despois. Durante os días en que se desenvolva o dispositivo os puntos de recollida e entrega das mostras estarán debidamente sinalizados e co tráfico regulado para evitar no posible as aglomeracións. Neste sentido, desde o Concello prégase a máxima puntualidade e tamén se fai un chamamento á responsabilidade individual para que, malia ser voluntaria, todas as persoas citadas realicen a proba.



05-02-2021 -

Tardes activas dende a casa

O Departamento de Servizos Sociais comparte as actividades de recuperación da memoria do mes de febreiro. Actividades destinadas a persoas maiores de 55 anos. O documento, elaborado no marco do programa "Tardes activas dende a casa", estrutúrase nun reto á memoria para lembrar lugares do territorio por medio de fotografías, un conxunto de adiviñas e varios pasatempos imprimibles que teñen por finalidade manter o cerebro en forma.
03-02-2021 -

O Concello de Fene súmase ao compromiso "Unha árbore por Europa"

Ao obxecto de visibilizar a importancia do coidado do noso entorno, a Concellería de Medio Ambiente ven de promover a adhesión do Concello de Fene á campaña "Unha árbore por Europa". A iniciativa implica o compromiso da administración local de promover e mellorar a sustentabilidade e a calidade do aire nas parroquias do termo municipal.

A través deste programa, o Concello comprométese a incrementar a cantidade de árbores autóctonas existentes dentro do municipio e a incrementar a participación en actividades ambientais entre as autoridades locais e a cidadanía, facendo especial fincapé en actividades formativas nos centros escolares do concello. A idea é promover o desenvolvemento sostible no ámbito local, empregando o lema #UnhaÁrborePorEuropa.

Dende a Concellería de Medio Ambiente "queremos visibilizar a importancia do coidado do medio ambiente como algo prioritario para acadar a mellora do noso entorno". E neste campo, engaden, "é imprescindible o traballo en equipo entre as administracións públicas e a cidadanía para lograr un compromiso ambiental e gozar de zonas verdes saudables".
Froito desta iniciativa, ao longo dos vindeiros meses a Concellería de Medio Ambiente de Fene impulsará varias campañas e actividades, procurando a implicación da cidadanía, tales como: limpezas manuais de praias; campañas informativas a respecto do problema que supón o mal uso do plástico; campañas para o fomento da reciclaxe; formación sobre compostaxe e os seus beneficios; recuperación de zonas verdes; plantación de especies autóctonas… Todo iso, co obxectivo final de concienciar sobre a importancia de coidar o noso medio ambiente e de potenciar o noso territorio, mellorando a calidade de vida dos veciños e veciñas, así como da nosa fauna e flora.
02-02-2021 -

Fene aproba máis de 1,1 millóns de euros en proxectos e investimentos cofinanciados polos fondos provinciais

O Concello de Fene celebrou a primeira hora desta mañá un pleno extraordinario e urxente para aprobar a distribución dos fondos POS+, así como os proxectos que se van acometer con estas achegas da Deputación da Coruña. Algo máis de 237.000 euros dedicaranse a cubrir gasto corrente do consistorio, outros 250.000 axudarán a financiar tres proxectos de infraestruturas básicas cuantificados en 345.000 euros -os 95.000 euros de diferenza asumiraos o Concello con recursos propios- e, por primeira vez, tamén se disporá dun Plan Adicional para gastos extraordinarios derivados da actual situación sanitaria. O chamado "POS Social" ascende no caso de Fene a 143.700 euros, que se destinarán integramente a financiar o Servizo de Axuda no Fogar. Todos estes apartados con importes e actuacións comprometidos chegan aos 726.140 euros. Porén, non foron as únicas previsións de investimento aprobadas polo pleno, posto que na sesión tamén se lle deu o visto e prace ao Plan Complementario con outro paquete de obras públicas cercano aos 429.000 euros que se executarán na medida en que a Deputación libere máis fondos para poder levalas a cabo. O pleno, celebrado de forma telemática, só contou os votos favorables dos partidos do Grupo de Goberno, mentres que o PP optou pola abstención nos tres puntos da orde do día, incluída a propia urxencia da convocatoria.