Novas

27-12-2021 -

A exposición de Viñetas do Camiño amósase dende hoxe a carón da pista polideportiva do CCRD de Perlío

A mostra recolle vinte e catro ilustracións, realizadas polos doce artistas que participaron na “Andaina debuxada” do pasado mes de xuño e que se expuxeron ao longo dos últimos meses en distintos puntos do Camiño Inglés ao seu paso pola comarca de Ferrolterra. Unha vez finalizada a mostra orixinal, o Concello de Fene acordou reunir os cubos nos que se amosan os debuxos nun espazo céntrico para que a veciñanza poida gozar das creacións de artistas da talla de Xaquín Marín, Beatriz Seijo, Hugo Feal, Laura Bouza, Elga Fernández Lamas, Blanca Escrigas, Carme Martín, Leandro Lamas, Calros Silvar, Cristian F. Caruncho, Dulce Anca e Juanma Rubio Lozano. A exposición manterase nesta  nova localización, a carón da pista polideportiva do CCRD de Perlío, até finais do mes de marzo.
27-12-2021 -

O Concello de Fene publica un documento con consellos para o acompañamento dixital das familias e entidades

No marco do proxecto de prevención de condutas adictivas no eido local, os Concellos de Fene, Mugardos e Neda veñen de publicar un manual con recomendacións para familias e entidades sobre un uso seguro das TRIC (Tecnoloxías da relación, información e comunicación) e recursos de interese. O documento, que xa se pode descargar na web municipal,  pretende abordar a educación dos menores nun uso positivo e responsable das TRIC: evitando usos innecesarios ou evitando que empecen antes de tempo co uso dalgunhas aplicacións ou dispositivos; pautando horarios de conexións e usos; valorando o uso de dispositivos de control parental, etc.
23-12-2021 -

O Concello de Fene vén de ser seleccionado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para desenvolver un proxecto integral a nivel municipal

Dende o mes de setembro o Concello está traballando na elaboración dun Plan Municipal para a implementación dos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible). O programa ten como obxectivo coñecer a situación do Concello respecto á súa contribución cos ODS e coa Axenda 2030, así como tamén artellar unha folla de ruta para mellorar o seu aliñamento con esta planificación a nivel global.
22-12-2021 -

Cambios no servizo de transporte público ao cemiterio durante o Nadal

Perante a vindeira celebración das festividades de Nadal e Aninovo, o Concello de Fene vén de solicitar un cambio no servizo de autobús ao cemiterio municipal. Así, os días 25 de decembro e 1 de xaneiro non haberá transporte público con destino ao camposanto. Dito servizo trasládase aos días  24 e 31 de decembro, respectivamente, co mesmo horario e percorrido.
20-12-2021 -

BellónMaceiras presenta este xoves na Casa da Cultura o seu primeiro conto musicado, A Música das buguinas

BellónMaceiras, o dúo formado por Daniel Bellón e Diego Maceiras, presenta este xoves, ás 12.00 horas, na Casa da Cultura o seu primeiro conto musicado dirixido ao público infantil e familiar. A partir dun texto de Pepablo Patinho, BellónMaceiras constrúe a banda sonora de "A Música das buguinas" cunha selección de temas populares e composicións propias.  A entrada á presentación do xoves será con reserva de praza no correo cultura.deportes@fene.gal, no teléfono 981 340 366 (en horario de mañá), ou por whatsapp, no 607625357, xa que o aforo é limitado.
17-12-2021 -

O vindeiro mércores cambia o horario da Biblioteca, Museo do Humor e Casa da Cultura de Fene

Coa chegada do nadal, a concellería de Cultura informa do cambio de horario da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal, aula de estudo, Museo do Humor e sala de exposicións temporais) que coincidirá, como é habitual, co comezo das vacacións escolares. Así, dende o mércores 22 de decembro e até o vindeiro 9 de xaneiro, inclusives, o horario da instalación será de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas.
Os días 24 e 31; así como os sábados, domingos e festivos; a Casa da Cultura de Fene permanecerá pechada.
16-12-2021 -

Prazas libres no Campanadal, patinaxe e no curso guateo e pateo

O Concello de Fene, a través da Concellería de Deportes, lembra que o mércores 22 de decembro remata o prazo de inscrición na  oferta de actividades deportivas programadas de cara o Nadal.

Aínda quedan prazas vacantes no Campanadal, nos cursos de patinaxe e máis no curso de guanteo e pateo. A inscrición debe formalizarse nas dependencias administrativas do departamento de deportes (avenida naturais 44)  ata o día 22. As persoas interesadas deberán de  solicitar cita previa no Departamento de Cultura e Deportes do Concello de Fene no teléfono 981 340 366. De luns a venres: De 8:00 a 14:00 horas.
15-12-2021 -

O dúo Vento Dolce protagoniza este ano o Concerto de Nadal do Concello de Fene

A igrexa de Limodre acolle este venres, a partir das 20.00 horas, o recital “Bo Lyric Nadal”. Trátase dunha proposta musical especialmente pensada para meternos de cheo no espírito do Nadal, empregando algunhas das páxinas máis recoñecibles da música relixiosa desde o Barroco até a época contemporánea. O concerto correrá a cargo do grupo Vento Dolce, formado polas intérpretes Gemma Román (voz) e Andreina Muñoz (piano) e nel, a través dun repertorio para voz solista, “poderemos viaxar no tempo e na xeografía, desde algunha das panxoliñas galegas máis fermosas pasando por pezas de inspiracións castelá, andaluza e mesmo algunhas pinceladas musicais de procedencia internacional (Francia, Inglaterra, Sudamérica, etc.)
13-12-2021 -

Unha sociedade cara o mar

Dentro das  actividades de animación e divulgación de este ano 2021, o GALP Golfo Ártabro Norte esta organizar unha actividade na que se pretende potenciar a involucración do tecido social, económico-empresarial, do sector do mar e da administración local no desenvolvemento da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa do GALP Golfo Ártabro Norte, a través da edición dun vídeo, que sirva principalmente para transmitir e poñer en valor o impacto positivo das axudas do programa FEMP neste ámbito territorial e poder mostrar o impacto destas axudas dende un punto de vista cualitativo, más que cuantitativo. 

Por tal motivo, o xoves 16 de decembro entre as 19 e as 20.30 horas no Museo do Humor de Fene, presentarase o vídeo cunha selección de proxectos aprobados neste GALP, a través dunha xornada onde falaremos das experiencias e futuro das axudas do Programa FEMP neste ámbito territorial, e ao remate unha pequena degustación de produtos do mar.
 
 
13-12-2021 -

O pavillón de San Valentín acolle até finais de mes a exposición Galiza, un pobo, unha selección

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, foi o encargado de inaugurar o pasado venres a exposición Galiza, un pobo, unha selección, mostra impulsada por Vía Galega coa colaboración do Concello, que se poderá visitar en Fene até o vindeiro 30 de decembro. Ao acto, que tivo lugar no pavillón da Xunqueira, asistiron tamén a concelleira de Deportes de Fene, Ángeles Coira, e o voceiro da plataforma Vía Galega, Anxo Louzao. A mostra pode visitarse nesta instalación municipal de luns a venres, de 17:00 a 20:00 horas, e durante as fins de semana nos horarios das competicións.