21-04-2020

Fene dá de alta 1.327 horas do Servizo de Axuda no Fogar para atender casos urxentes

O departamento municipal de Servizos Sociais ten abertas dúas liñas de traballo en canto á atención domiciliaria básica e de dependencia. Por unha banda, o Servizo de Axuda no Fogar funciona con total normalidade prestándolle asistencia ás persoas que xa viñan gozando do servizo -agás aquelas que solicitaron a baixa temporal- e, ademais, ofrece a posibilidade de incrementar de maneira provisional o alcance do apoio, previa valoración técnica. Por outra banda, as técnicas do servizo tamén deron de alta novos casos de atención urxente a raíz da crise sanitaria, para o que a Xunta de Galicia incrementou o financiamento en 3.226 horas mensuais. Desa bolsa de horas excepcionais e libres de copagamento, o Concello está cubrindo o total das peticións, que ascenden a 1.327 horas. A cifra actual de horas prestadas polo SAF fenés no territorio ascende a 5.377,80. Calquera familia ou persoa do municipio que precise calquera actuación relacionada coa atención de carácter asistencial e doméstico poden contactar cos Servizos Sociais municipais para solicitala. Unha posibilidade que atende tanto á ampliación ou modificación do servizo que xa se viñese tendo como ás altas con carácter temporal de novos casos motivados pola actual situación.  É o caso, por exemplo, de persoas que vivan soas e que teñan dificultade para valerse, aquelas que acudían a un centro de día e que agora deben permanecer na casa sen dispor, por distintas razóns, de familiares que poidan prestarlles apoio, ou incluso persoas con solicitude de dependencia rexistrada que aínda non foran valoradas. 
15-04-2020

O Concello de Fene impulsa obradoiros para persoas maiores a través da web e a radio municipal

A pesar de que a situación de alarma obrigou a suspender a programación presencial de todas as actividades socioculturais, o Concello de Fene mantén unha intensa actividade a través da web e das redes sociais, co obxectivo de manter no posible as rutinas que había antes da crise e, de paso, alixeirar a levanza do confinamento. Un exemplo é a páxina en facebook Fenequedanacasa, que vai camiño das 700 persoas seguidoras e onde se poden atopar propostas participativas de todo tipo entre fotos, literatura, música, exercicio físico, etc. Ademais, a área de Servizos Sociais tamén se adaptou ás circunstancias ofrecendo a través de Fene.gal e de Radio Fene os programas "Tardes Activas desde a casa", "+Memoria" e "Recordando o noso", dirixidos especificamente á poboación de maior idade.

"Tardes activas dende a casa" é un paquete de exercicios cognitivos ao que se pode acceder desde a web municipal estruturado nun reto á memoria para recordar lugares do territorio por medio de fotografías, un conxunto de adiviñas e, como remate, varios pasatempos imprimibles que teñen por finalidade manter o cerebro en forma.
Trátase dunha iniciativa de dinamización pensada para todas as persoas maiores de 55 anos e non só para quen xa estivese participando nalgunha actividade do programa municipal de envellecemento activo. As solucións aos retos propostos poden enviarse ao correo servizos.sociais@fene.gal.
 
14-04-2020

Nova entrega de Tardes activas dende a casa

Como vimos informando, o departamento de servizos sociais quere facervos partícipes de “Tardes activas dende a casa”. Unha proposta para dinamizar toda a poboación maior de 55 anos que queira aproveitar este confinamento para a estimulación das súas capacidades, recordos e vivencias persoais.

Nesta nova entrega  propoñemos actividades de memoria verbal, visual, evocativa... unha chea de actividades para entreterse no que queda de corentena. Participa!
Lembrade compartir estes exercizos entre as vosas compañeiras e compañeiros e  participade!
As vosas achegas e solucións podedes envialas á conta de correo electrónico servizos.sociais@fene.gal.

Para rematar, os servizos sociais municipais quere que vos lembredes que ante calquera necesidade asistencial urxente -alimentos, medicamentos, produtos básicos- podedes contactar có Centro Municipal de Servizos Sociais -981 492 706 / 981 342 607 / 607 616 840- ou enviar un correo a servizos.sociais@fene.gal, tamén estamos ao voso servizo no  Concello no 981 492 707 -luns a venres en horario de mañá- ou ben na Policía Local -981 492 777- ou na agrupación de Protección Civil -663 379 073- quenes atenderán as peticións durante todos os días da semana entre as 7.30 e as 21.30h.
08-04-2020

A Concellaría de Servizos Sociais de Fene pon en marcha unha batería de accións para atender as necesidades dos colectivos máis vulnerables

Os concellos, como administracións máis próximas á veciñanza, tiveron que aplicarse a fondo desde o pasado 15 de marzo para continuar prestando os seus servizos nunha situación que lles esixiu modificar de arriba abaixo as rutinas de traballo e , ademais, multiplicar os esforzos para cubrir a atención aos colectivos máis vulnerables. Tras un primeiro momento de reorganización acelerada dos recursos asistenciais dispoñibles, a Concellaría de Servizos Sociais de Fene puxo en marcha distintas accións dirixidas principalmente a persoas maiores, dependentes, e familias en risco de exclusión que xa estaban sendo atendidas ou que viven unha situación difícil debido ás actuais circunstancias.
Servizos Sociais adoptou como primeira medida un protocolo coordinado co SAF, a Policía Local e Protección Civil para cubrir as necesidades das persoas que puidesen precisar axuda para ir mercar produtos básicos -alimentación, artigos de hixiene, medicamento, etc.- ou incluso acompañamento para levar mellor a situación.

De feito, xa na primeira semana do confinamento, este protocolo empezou a funcionar en todo o territorio a través dos teléfonos 981 492 706 e 607 616 253 -de 8.30 a 15.00h.- e do 604 055 703 en horario ampliado de luns a venres de 9 a 21.00h, deixando o de Protección Civil -663 379 073- para avisos de emerxencia ou peticións de axuda as 24 horas do día e 7 días á semana.
08-04-2020

Tardes activas dende a casa

O estado de alarma declarado para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVI 19 obrigou a suspender os programas do departamento que se viñan desenvolvendo, entre os que se atopa Envellecemento activo.

Como medida alternativa a este espazo o departamento de servizos sociais quere facervos partícipes de “Tardes activas dende a casa”. Unha proposta para dinaminar non soamente as persoas integrantes destes programas se non a toda a poboación maior de 55 anos que queira aproveitar este confinamento para a estimulación das súas capacidades, recordos e vivencias persoais.





21-03-2020

O departamento de Servizos Sociais amplía a atención aos colectivos máis vulnerables por mor da crise sanitaria

A área municipal de Benestar Social e Igualdade do Concello de Fene acaba de publicar o seu protocolo de actuación para a atención domiciliaria tanto a persoas dependentes como a aqueloutras que se atopen nunha situación de vulnerabilidade incrementada pola crise sanitaria da COVID-19. O departamento xa informara hai uns días do dispositivo que ten en marcha en colaboración con Protección Civil para achegarlle alimentos, artigos básicos e medicamento a aquelas persoas que vivan soas e que non dispoñan de apoio familiar para cubrir esas necesidades. Agora dá un paso máis e impulsa novas medidas que teñen por obxectivo garantir unha atención que chegue a máis xente e con servizos ampliados. Se fose necesario mesmo se prescindirá dos procedementos administrativos correspondentes de cara a conseguir a axilidade e inmediatez asistencial que requiren as actuais circunstancias. Para obter máis información ou solicitar axuda débese contactar co departamento nos teléfonos 981 492 706, 981 342 607 ou 607 616 840.
09-03-2020

XIX Maratón de Lectura

Dende a Concellalía de Benestar e Igualdade, a través do Servizo Municipal de Atención á Muller e Promoción da Igualdade, temos o pracer de convidar á cidadanía aos actos que terán lugar o martes 10 na Biblioteca Municipal Pérez Parallé no entorno da data de conmemoración do 8 de marzo, "Día Internacional da Muller".

Ás 9:15 h comezaremos coa inauguración do XIX Maratón de Lectura "Fene Lendo Mulleres". Durante toda a mañán o alumnado dos centros escolares de Fene participará coas súas lecturas, cancións e traballos previamente preparados en aula co profesorado. O maratón será inaugurado pola Concelleira de Igualdade, Mª Carmen Martínez Rodríguez, coa lectura do Manifesto elaborado este ano pola fenesa Silvia Filgueira Prego, mestra e responsable de igualdade no CEIP Centieiras. Muller escollida pola súa labor como docente no eido da educación en igualdade e na corresponsabilidade. (Axuntamos cartaz do manifesto). Ela será a encargada de clausurar o XIX Maratón de Lectura "Fene Lendo Mulleres", entorno ás 13:15 h coa lectura de novo do manifesto elaborado por ela.
09-03-2020

Fibromialxia e fatiga crónica, unha enfermidade real

O martes 10 de marzo a Biblioteca municipal acollerá ás 19.00 h a charla Fibromialxia e fatiga crónica, unha enfermidade real. Organizada polo  Servizo Municipal de Atención á Muller e Promoción da Igualdade da Concellalía de Benestar e Igualdade e impartida por   Esther Guimaré González, responsable dos proxectos socioeducativos da entidade, Justa Nieto Aguiar-Portela e Elena María López Blanco, responsables da área de divulgación. AFFINOR FERROL
06-03-2020

Manifesto institucional 8M Día Internacional da Muller

Manifesto Institucional do “Día Internacional da Muller” aprobado por uninimidade polo Pleno municipal do Concello de Fene o pasado día 5 de febreiro de 2020.

03-03-2020

Mandís pola igualdade no 8 M

Dende a Concellería de Benestar e Igualdade, a través do Servizo Municipal de Atención a Muller e Promoción da Igualdade, informamos do acto simbólico que terá lugar mañá mércores día 4 no concello consistente na colocación da bandeira conmemorativa do 8 de marzo.

Igualmente, e dentro da campaña de visibilización do traballo de coidados das mulleres, unímonos á iniciativa existente nos últimos anos de colocar no balcón municipal un mandil como símbolo dos traballos non remunerados, invisibilizados, precarios e maioritariamente realizados por mulleres.

O acto terá lugar ás 13:00 h

Igualmente, convidamos á cidadanía e establecementos de Fene a unirse á campaña de visibilización colocando mandís e mandilóns en lugares visíbeis como fenestras, balcóns, escaparates, terrazas... dende o día 4 até o 15 de marzo.