10-12-2020

O Concello de Fene mantén os obradoiros para persoas maiores a través da web e a radio municipal

A pesar de que a situación sanitaria obrigou a suspender a programación presencial do Programa de Envellecemento Activo municipal "Tardes Activas" , a área de Benestar e Igualdade de mantén unha intensa actividade a través da web e das redes sociais, co obxectivo de manter no posible as rutinas que había antes desta crise.

"Tardes activas dende a casa" é un paquete de exercicios cognitivos ao que se pode acceder desde a web municipal estruturado nun reto á memoria para recordar lugares do territorio por medio de fotografías, un conxunto de adiviñas e, como remate, varios pasatempos imprimibles que teñen por finalidade manter o cerebro en forma.
02-12-2020

Convocada unha nova xornada de formación online sobre o acompañamento dixital e a prevención de condutas adictivas

A área de Benestar Social e Igualdade desenvolverá o día 10 de decembro unha nova sesión formativa no eido da prevención das conductas adictivas. Sesión dirixida ás familias e equipas directivas das ANPAS por ser entidades dinamizadoras e mediadoras con un efecto multiplicador.

A acción formativa contará con límite de 15 prazas para poder garantir un espazo virtual dinámico e participativo, buscando a interacción e dominio de ferramentas tecnolóxicas .

O período de inscrición permanecerá aberto até o mércores 9 de decembro  través do enderezo electrónico: servizos.sociais@fene.gal.
25-11-2020

O comercio de Fene “tece igualdade” e comprométese na loita contra a violencia de xénero

Ao redor de 60 establecementos do Concello de Fene locen xa o seu “Distintivo violeta”, selo creado pola Concellaría de Benestar e Igualdade para recoñecer o compromiso deste sector coa igualdade e contra todo tipo de violencias por razón de xénero. Amais de colocar nos seus escaparates un distintivo que os recoñece como tal, os establecementos adheridos á campaña asumen a aplicación práctica de varias medidas no trato diario coa súa clientela, como por exemplo  o uso dunha linguaxe inclusiva en toda a información; a transmisión dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada de mulleres e homes; non reproducir imaxes ou contidos sexistas que minusvaloren ou menosprecen ás mulleres e rexeitar as violencias por medio da posta en marcha de accións de prevención e denuncia.


25-11-2020

Manifesto Institucional 25 Novembro 2020, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero

Este 2020 está marcado pola pandemia da Covid-19 e a crise social e económica. Esta situación, volve evidenciar as desigualdades de xénero que sosteñen a un sistema que non protexe, nin ofrece vidas dignas e seguras ás mulleres. A situación de confinamento, as limitacións á mobilidade e as consecuencias das medidas tomadas para facer fronte ao coronavirus, intensificaron as violencias machistas.
Moitas mulleres atopáronse encerradas cos seus maltratadores nunha especial situación de vulnerabilidade e incerteza. Durante o primeiras seis semanas de corentena realizáronse máis de 4.000 detencións por violencia machista, ademais vemos un aumento de máis do 50% do uso servizo telefónico do 016 e de máis dun 100% do seu uso online. Segundo os datos do Ministerio de Igualdade, as chamadas ao 016 incrementáronse no mes de abril un 60% con respecto a abril de 2019, e as consultas online incrementáronse ese mesmo mes case un 600% comparado con abril do ano anterior.

Así mesmo, a pandemia do COVID-19 resaltou as diferentes fendas de xénero que seguen existindo en todos os ámbitos da nosa sociedade. Durante este período, as mulleres foron as protagonistas, tanto no ámbito sanitario —sendo elas a inmensa maioría de persoas traballadoras— como no ámbito dos coidados, vivindo situacións de precariedade e risco para a saúde para as empregadas do fogar e atención domiciliaria.
24-11-2020

Non pasa nada, pasa algo?

O alumnado do obradoiro de emprego participará esta semana no programa “Non pasa nada, pasa algo?”, subvencionado pola Consellería de Sanidade. Trátase dunha actividade encamiñada a mellorar a información sobre as adiccións, de maneira precisa e axeitada debido a baixa percepción do risco que existe na cidadanía sobre o consumo de sustancias e comportamentos adictivos, as súas implicacións na sociedade e a desterrar prexuízos, así como a establecer un maior coñecemento nesta materia.
23-11-2020

O programa Cinensino volve ás aulas de Fene

Un total de 352 alumnos e alumnas de Educación Primaria de 9 centros educativos dos municipios de Fene, Mugardos e Neda  e 120 de 2 centros educativos de secundaria participan este mes no programa Cine e Saúde que impulsan os tres concellos ao abeiro do proxecto de prevención de condutas aditivas e promoción da saúde no eido local e co apoio da Consellería de Sanidade.

A ferramenta pedagóxica coa que se traballa é o cinema. Así, mediante a proxección dunha película vaise profundizando e traballando en diferentes temas de interese relacionados coa prevención do consumo de drogas. O programa vai dirixido á poboación escolar de Primaria, ao profesorado que imparte clases neste nivel como axentes executores do mesmo e ás familias que, mediante as ANPAS, teñen a posibilidade de organizar sesións para traballar os contidos da película e con esa información desenvolver habilidades educativas que provoquen un efecto multiplicador na promoción da saúde.
20-11-2020

As familas e equipas directivas das ANPAS participarán o vindeiro xoves nunha xornada de formación online sobre o acompañamento dixital e a prevención de condutas adictivas

A área de Benestar Social e Igualdade desenvolverá a vindeira semana unha sesión formativa no eido da prevención das conductas adictivas. Sesión dirixida ás familias e equipas directivas das ANPAS por ser entidades dinamizadoras e mediadoras con un efecto multiplicador. 

Data: xoves 26 de novembro
Hora: de 16:30 a 18:30h.
Lugar: A través da plataforma: https://meet.jit.si/

Os contidos a abordar divídense en catro bloques :

Novas realidades e potencialidades das TICs.
Comunicación dixital na familia.
Regulación dos usos das TICs en tempos de pandemia.
Factores de protección familiar: educar e acompañar para previr adiccións.

Formación que complementa as sesións xa realizadas nas entidades sociais e nas que participaron as persoas con cargos directivos.

A acción formativa contará con límite de 15 prazas para poder garantir un espazo virtual dinámico e participativo, buscando a interacción e dominio de ferramentas tecnolóxicas .

O período de inscrición permanecerá aberto até o martes 24 de novembro a través do enderezo electrónico: servizos.sociais@fene.gal. 

As prazas cubriranse por orde de inscrición.
10-11-2020

Subvencións ás familias para a adquisición dos agasallos de Reis

O Concello vén de convocar as subvencións dirixidas ás familias para a adquisición de agasallos para a festividade de Reis.
A publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia do 10 de novembro establece a apertura do prazo de presentación de solicitudes dende mañá, e por un prazo de 10 días naturais.
Van dirixidas ás familias con nenos e nenas nados/as haxan nados/as no ano 2004 e posteriores, ou maiores desta idade e nados/as no ano 2002 e posteriores sempre que teñan o recoñecemento oficial de minusvalía ou grao de discapacidade.
Coas subvencións cubriranse os gastos derivados da adquisición de agasallos para a festividade de Reis, a saber: xoguetes, xogos, libros, material didáctico e outros obsequios que correspondan coa idade do ou da menor a quen vai dirixida a axuda, sempre que estes sexan adquiridos no período comprendido entre o día de apertura da presente convocatoria e o día 6 de xaneiro de 2021.
Con carácter xeral poderase xustificar a subvención con gasto relativo á adquisición de roupa, calzado ou material deportivo sempre que o importe total do gasto realizado non supere o 75% da axuda concedida.
 
05-11-2020

Afal Ferrolterra pon en marcha unha campaña de captación de fondos

Baixo o lema # Afalcuentaconmigo, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer presenta o seu primeiro reto solidario, unha campaña de captación de fondos que se destinarán ao sostemento da asociación, dos seus centros de día e recursos terapéuticos nuns momentos nos que, segundo os responsables da entidade, “a actual situación de pandemia por Covid-19 trouxo consigo unha serie de problemas económicos aos que a nosa asociación é especialmente sensible”.

As doazóns canalízanse a través da plataforma de micromecenazgo Migranodearena. org e poderán realizarse durante todo o mes de novembro. As persoas que queiran colaborar deberán entrar na web ( https://www.migranodearena.org/reto/-afalcuentaconmigo) e seleccionar o importe que desexan doar á asociación.
29-09-2020

15 establecementos de Fene solicitaron xa o seu Distintivo Violeta

A Concellaría de Benestar e Igualdade de Fene lanzou hai uns días a campaña "Distintivo Violeta. Fene tece igualdade" co obxectivo de implicar na loita contra a violencia de xénero e en favor da igualdade á hostalaría, ao comercio e mesmo ao resto de empresas e entidades do territorio. Para iso deseñáronse pegatinas para colocar nos escaparates e, ademais, pídese que todos os establecementos adheridos poñan en práctica no seu día a día un decálogo de medidas que axuden a erradicar o machismo da sociedade. Xa son 15 os negocios que se interesaron pola iniciativa, que ten aberto o prazo de participación até o 9 de outubro contactando coa Asociación de Comercio, Hostalaría e Servizos de Fene "O Cruceiro" ou ben dirixíndose ao departamento de Servizos Sociais no móbil/whatsapp 696 892 879 ou no correo fenevioleta@gmail.com.