15 establecementos de Fene solicitaron xa o seu Distintivo Violeta

15 establecementos de Fene solicitaron xa o seu Distintivo Violeta

Benestar e Igualdade mantén aberto o prazo de participación até o 9 de outubro

A Concellaría de Benestar e Igualdade de Fene lanzou hai uns días a campaña "Distintivo Violeta. Fene tece igualdade" co obxectivo de implicar na loita contra a violencia de xénero e en favor da igualdade á hostalaría, ao comercio e mesmo ao resto de empresas e entidades do territorio. Para iso deseñáronse pegatinas para colocar nos escaparates e, ademais, pídese que todos os establecementos adheridos poñan en práctica no seu día a día un decálogo de medidas que axuden a erradicar o machismo da sociedade. Xa son 15 os negocios que se interesaron pola iniciativa, que ten aberto o prazo de participación até o 9 de outubro contactando coa Asociación de Comercio, Hostalaría e Servizos de Fene "O Cruceiro" ou ben dirixíndose ao departamento de Servizos Sociais no móbil/whatsapp 696 892 879 ou no correo fenevioleta@gmail.com.
 
O "Distintivo Violeta" é un selo que recoñece o compromiso coa igualdade e contra todo tipo de violencias por razón de xénero. Os establecementos que se unan á campaña recibirán un adhesivo para deixar constancia dese compromiso que, ademais, vén sumarse aos valores que teñen xa de por si, como a calidade na atención e nos servizos e produtos que ofrecen.
 
Cómpre ter en conta, iso si, que non só abondará con solicitar o adhesivo, senón que os negocios tamén deberán asumir a aplicación práctica de varias medidas no trato diario coa súa clientela, como por exemplo  o uso dunha linguaxe inclusiva en toda a información; a transmisión dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada de mulleres e homes; non reproducir imaxes ou contidos sexistas que minusvaloren ou menosprecen ás mulleres e rexeitar as violencias por medio da posta en marcha de accións de prevención e denuncia.
 
Alén destas liñas xerais hai outras que atenden máis ao lema "Fene tece igualdade", co que se persegue que as accións non queden unicamente no plano individual, senón que formen parte dun proxecto conxunto. No decálogo da campaña sinálanse neste sentido varias epígrafes referidas á colaboración co Concello na aplicación de todas aquelas boas prácticas ao redor da igualdade, a participación en accións formativas e en datas como o 8-M ou o 25-N e mesmo se pide que a hostalaría, o comercio, as empresas e as entidades utilicen o boca a boca e as redes sociais para darlle difusión ao movemento #FeneVioleta.

Tal e como informa a Concellaría de Benestar e Igualdade, pouco máis dunha semana despois de poñer en marcha a campaña xa solicitaran a súa participación unha quincena de establecementos. E aínda queda tempo para que sexan moitos máis, posto que o prazo de adhesión finalizará o próximo 9 de outubro
 
Deberase contactar co departamento de Servizos Sociais a través do móbil 696 892 879 -tamén atende whatsapps- ou do correo fenevioleta@gmail.com. Tamén se pode solicitar máis información e recoller a documentación no Centro Municipal de Servizos Sociais, en San Valentín, ou falar coa Asociación de Comercio, Hostalaría e Servizos de Fene "O Cruceiro".
 
A iniciativa conta con financiamento do Ministerio de Igualdade, en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.