Novas

31-08-2018 -

Fene abre a inscrición na I Carreira Popular da Festa Mariñeira

Fene celebrará o vindeiro sábado, 8 de setembro, a primeira edición da súa Carreira Popular da Festa Mariñeira. Con saída e chegada no peirao de Barallobre, a inscrición está aberta na web www.carreirasgalegas.com e, en apenas uns días, máis de 120 deportistas confirmaron a súa participación. A organización corre por conta do Concello, o Club Atletismo Fene e a delegación en Ferrol da Federación Galega de Atletismo e, esta mañá, a Casa do Concello de Fene acollía o acto de presentación da proba, no que tomaban parte Xoán Manuel Bastida, concelleiro de Deportes; Marcelo Rodríguez Serantes, vicepresidente do Club Atletismo Fene, e Samuel Ramírez, secretario do mesmo.
31-08-2018 -

A piscina municipal de Centieiras reabre as súas portas de luns a sábado dende o 1 de setembro

O concelleiro de Deportes, Xoán Manuel Bastida, informou esta mañá de que a piscina municipal de Centieiras reabrirá as súas portas este sábado, 1 de setembro, logo do parón do verán.
Nesta liña, os horarios de apertura ó público durante o vindeiro mes serán de luns a venres de 17 a 22 horas e os sábados de 17 a 20,30 horas.
31-08-2018 -

Horarios de adestramento de pretempada no pavillón da Xunqueira e de adestramento para a tempada no campo de fútbol dos Pinares

A Concellería de Deportes que dirixe Xoán Manuel Bastida informou esta mañá de que, rematado o prazo de presentación de solicitudes, esta semana resolveuse o cadro de horarios de adestramentos de pretempada no pavillón da Xunqueira e de adestramento para a tempada no campo de fútbol dos Pinares. Así, están a disposición da cidadanía para a súa consulta na web municipal (www.fene.gal), nos arquivos PDF que acompañan esta nova.
30-08-2018 -

O Concello conclúe a primeira fase das obras de aglomerado do camiño do Buio

O Concello de Fene vén de concluír a primeira fase das obras de acondicionamento do camiño do Buio, na parroquia de Sillobre. Unha intervención que, segundo explicou o alcalde, Gumersindo Galego, contou cun investimento de 38.765 euros procedentes do PEIM 2017 da Axencia de Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).
30-08-2018 -

O Concello conclúe o aglomerado da rúa Alta tras un investimento de 44.000 euros

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, informou do remate dos traballos de acondicionamento da rúa Alta, en Perlío. Nelas investíronse uns 44.000 euros e consistiron fundamentalmente no aglomerado da vía, a dotación de pasos peonís sobreelevados cos que tentar reducir a velocidade dos vehículos e reforzar a seguridade vial e traballos de sinalización horizontal e vertical.
30-08-2018 -

O Concello inicia as obras de mellora da rede de abastecemento e instalación dunha condución de pluviais no Camiño do Cádavo ás Chancas

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, informou esta mañá do inicio das obras de mellora do Camiño do Cádavo ás Chancas. Unha intervención incluída no POS 2017 da Deputación provincial da Coruña que contempla un investimento de 60.967,77 euros.
28-08-2018 -

O Concello pon en marcha un novo servizo especial de recollida de voluminosos

O Concello de Fene vén de poñer en marcha un novo servizo especial de recollida de voluminosos, que se suma ó que viña prestando ata o momento. Neste caso, está ideado para depósitos especiais, de elevadas cantidades de enseres e a recollida realizarase na data que o veciño ou veciña notifique. Para esa comunicación, o Concello habilitou o teléfono de atención 673 787 170, operativo de luns a venres de 9,30 a 13 e de 16 a 19,30 horas.
27-08-2018 -

A unidade móbil de doazón de sangue desprázase a Fene este martes e mércores

A unidade móbil de doazón de sangue desprazarase este martes e mércores a Fene. Permanecerá diante do centro de saúde en horario de mañá –de 9,30 a 14,30 h- e de tarde –de 15,30 a 21 h- e, dende o Concello, anímase á veciñanza a tomar parte na campaña de doazón. A doazón é un acto cómodo, sinxelo e que non perxudica a saúde, permitindo a moitas persoas resolver graves problemas de saúde e, mesmo, salvar a súa vida. 
 
22-08-2018 -

Fene celebrará este domingo as primeiras Rutas Indianas con todas as prazas cubertas

120 veciños tomarán parte nos percorridos, que se realizarán nun bus de época, contarán con representacións teatrais e as explicacións do arquitecto Carlos Ardá.
A resposta veciñal superou as mellores expectativas e o Concello de Fene viuse obrigado a ampliar o número de Rutas Indianas que celebrará o vindeiro domingo 26 de agosto, coincidindo coa Festa do Pote de Maniños. Nesta liña, o concelleiro de Promoción Turística, Juan José Franco, explicaba esta mañá que se trata dunha iniciativa novidosa, que se pon primeira vez en marcha este ano e que a excelente resposta ofrecida por veciños e veciñas xa fai pensar en reeditala o vindeiro ano. As Rutas Indianas inclúense no proxecto Fene Vivo, Vén a Fene, Vén a Maniños e, finalmente, realizaranse catro saídas no lugar das dúas previstas inicialmente. En total, participarán nas mesmas 120 persoas.
21-08-2018 -

Concello e INICE colaboran na posta en marcha dos Obradoiros de Inicio ás Novas Tecnoloxías, dirixidos fundamentalmente a mulleres

Concello de Fene e Instituto de Investigacións Científicas e Ecolóxicas (I.N.I.C.E.) colaboran na posta en marcha dunha serie de Obradoiros de Inicio ás Novas Tecnoloxías, gratuítos e dirixidos principalmente ás mulleres. Tras a apertura do prazo de inscrición, as persoas interesadas nestas accións formativas, para as que quedan prazas vacantes, están convocadas a unha reunión informativa na que se explicará o programa, contidos e datas previstas de inicio de cada unha das actividades. Esa reunión terá lugar o martes, 28 de agosto, ás 10 horas, no Centro Municipal de Servizos Sociais (Avenida do Mar, bloque 1, baixo, San Valentín).