Fene avanza na limpeza dos ríos urbanos e reforza a prevención ante a temporada de choivas

Os traballos actuaron sobre o río Cádavo ao seu paso por Fene e Perlío e sobre cursos de auga en Barallobre, Maniños e Limodre

Fene avanza na limpeza dos ríos urbanos e reforza a prevención ante a temporada de choivas

A alcaldesa Sandra Permuy e o concelleiro de servizos, Adán Chao, revisaron as actuacións realizadas para facilitar o fluxo da auga e reducir o risco de incidencias

O Concello de Fene avanza nos traballos programados de limpeza e acondicionamento dos cursos fluviais urbanos do municipio, unha actuación preventiva destinada a facilitar a circulación da auga e reducir o risco de incidencias coa chegada dos meses de maior intensidade das precipitacións.

A alcaldesa, Sandra Permuy, e o concelleiro de servizos, Adán Chao, revisaron os traballos realizados nas últimas semanas, que incluíron a limpeza do río Cádavo ao seu paso polas zonas urbanas de Fene e Perlío, así como intervencións nos cursos de auga situados en Barallobre, Maniños e Limodre.

As actuacións permitiron retirar vexetación, ramas, sedimentos e outros materiais acumulados que podían dificultar o paso da auga, prestando especial atención aos puntos nos que a configuración das canles ou a proximidade de vivendas e infraestruturas fan especialmente importante manter unha correcta capacidade hidráulica.

Os traballos foran programados polo Concello para o período autorizado para este tipo de intervencións e estaban condicionados aos correspondentes permisos de Augas de Galiza.

Sandra Permuy explicou que “a limpeza dos cursos de auga é un traballo fundamentalmente preventivo. O obxectivo é que as canles estean nas mellores condicións posibles antes dos meses nos que habitualmente se producen as precipitacións máis importantes e reducir así os puntos nos que unha acumulación de materiais pode dificultar o paso da auga”.

A alcaldesa incidiu na necesidade de prestar unha atención cada vez maior a este tipo de actuacións ante episodios de precipitación que poden concentrar grandes cantidades de auga en períodos moi curtos de tempo. “Estamos vendo episodios de choiva cada vez máis intensos, e iso obriga a extremar a prevención e a revisar aqueles puntos nos que sabemos que historicamente se poden producir problemas”, sinalou.

A experiencia de Perlío

Un dos puntos nos que o Concello vén actuando de maneira específica nos últimos anos é o río Cádavo ao seu paso por Perlío, unha zona que historicamente rexistrou episodios de inundación.

A adquisición municipal dunha parcela situada neste ámbito permitiu acceder e actuar sobre un punto que funcionaba como un dos principais obstáculos para o paso da auga. O acondicionamento e limpeza deste espazo facilitou a circulación do río e, desde que se realizou esta intervención, non volveron repetirse os episodios de inundación que se producían anteriormente na zona.

“Perlío é un bo exemplo da importancia de actuar non só cando se produce unha incidencia, senón tamén sobre as causas que poden favorecela”, explicou Permuy. “A posibilidade de intervir nesa parcela permitiu eliminar un importante tapón no curso do Cádavo e mellorar significativamente o comportamento da auga nese punto”.

A alcaldesa engadiu que “ningunha actuación pode eliminar por completo o risco ante episodios meteorolóxicos extremos, pero si podemos manter as infraestruturas e os cursos de auga nas mellores condicións posibles para reducir a súa vulnerabilidade”.

Mantemento preventivo

A limpeza dos ríos súmase ás actuacións realizadas durante os últimos meses noutros elementos relacionados coa evacuación e circulación da auga. O Concello completou tamén traballos de limpeza e acondicionamento no cubo do muíño do Parque Lineal do río Cádavo, onde se retiraron os sedimentos acumulados e se programou un mantemento periódico para evitar que volvan alcanzar niveis excesivos.

Con estas intervencións completadas, os servizos municipais manterán o seguimento dos puntos máis sensibles durante a temporada de choivas e actuarán cando sexa necesario ante posibles acumulacións de materiais ou incidencias.