A revisión do PXOM de Fene avanza cara a adxudicación e abrirá unha primeira fase de participación veciñal

A empresa proposta como adxudicataria está actualmente no prazo para presentar a documentación previa á formalización do contrato

A revisión do PXOM de Fene avanza cara a adxudicación e abrirá unha primeira fase de participación veciñal

Antes da elaboración do documento base, o Concello impulsará un proceso de escoita activa para explicar os prazos e recoller propostas e suxestións da veciñanza

O Concello de Fene continúa avanzando na tramitación do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). O procedemento de contratación conta xa cunha proposta de adxudicación e a empresa seleccionada atópase actualmente no prazo establecido para presentar a documentación requirida, paso previo á formalización do contrato.

A revisión do planeamento urbanístico municipal foi licitada cun orzamento de 272.435,05 euros, IVE incluído, co obxectivo de dotar Fene dun novo instrumento de ordenación que substitúa o PXOM vixente, aprobado en 2003, e permita adaptar a planificación municipal á realidade territorial, social, económica e normativa actual.

Unha vez formalizado o contrato, a empresa adxudicataria disporá dun prazo de un mes para presentar o plan de traballo, no que se concretarán a metodoloxía e a planificación das diferentes fases. A partir de aí, contará con oito meses para a elaboración e entrega do documento base que servirá como punto de partida para o desenvolvemento do novo planeamento.

Porén, antes de chegar a esa primeira proposta técnica, o Concello quere abrir o proceso á veciñanza cunha fase inicial de información, participación e escoita activa. O obxectivo será explicar en que consiste a revisión do PXOM, dar a coñecer o cronograma previsto e os diferentes momentos nos que se poderá participar e, especialmente, habilitar mecanismos para recoller suxestións, necesidades e propostas sobre o futuro desenvolvemento do municipio.

O concelleiro de urbanismo, Manuel Polo, destacou que “queremos que a participación comece desde o principio, antes de que exista un documento pechado sobre o que simplemente facer alegacións”. Neste sentido, explicou que “haberá unha primeira fase para informar con claridade de que é un PXOM, cales son os seus tempos e como pode participar a veciñanza, pero tamén para escoitar que necesidades, problemas e oportunidades identifica a propia cidadanía no territorio”.

Polo incidiu en que esta recollida inicial de propostas “permitirá incorporar ao proceso unha visión máis próxima da realidade das parroquias e dos diferentes núcleos de Fene”. “Falamos do documento que vai definir como queremos ordenar o municipio durante os próximos anos e, por iso, é importante combinar o traballo técnico cun coñecemento directo das necesidades de quen vive e desenvolve a súa actividade aquí”, sinalou.

Un planeamento para o Fene das próximas décadas

A revisión do PXOM constitúe unha das actuacións estratéxicas do actual mandato municipal. O novo documento deberá abordar cuestións fundamentais como a ordenación dos usos do solo, a mobilidade e a accesibilidade, as necesidades residenciais, os equipamentos e zonas verdes, a protección do territorio ou as posibilidades de desenvolvemento económico, ademais de ofrecer un marco urbanístico actualizado e maior seguridade xurídica.

A alcaldesa, Sandra Permuy, valorou o avance do procedemento como “un paso importante para afrontar unha das tarefas máis complexas e, ao mesmo tempo, máis necesarias que ten Fene por diante”. “O PXOM non pode ser simplemente un documento técnico. Estamos falando de decidir como queremos que medre e se transforme Fene, onde queremos vivir, que espazos debemos protexer e que oportunidades queremos abrir para as próximas décadas”, afirmou.

Permuy subliñou especialmente a vontade do Goberno local de desenvolver un proceso participativo: “Queremos explicar cada paso e facilitar que a veciñanza poida participar desde as primeiras fases. Non se trata unicamente de informar, senón de escoitar activamente e conseguir que o coñecemento e as propostas das persoas que viven nas nosas parroquias formen parte da reflexión sobre o futuro de Fene”.

O Concello informará proximamente das datas, formatos e mecanismos concretos de participación desta primeira fase. A intención municipal é facilitar a implicación do maior número posible de persoas, entidades e colectivos e facer comprensible un procedemento urbanístico longo e complexo, permitindo coñecer en cada momento en que punto se atopa a revisión e cales son as vías dispoñibles para realizar achegas.

A elaboración do novo PXOM permitirá actualizar un planeamento con máis de dúas décadas de vixencia e avanzar cara a un modelo territorial adaptado ás necesidades actuais e futuras de Fene, cunha planificación ordenada e construída tamén a partir do diálogo coa veciñanza.