O Concello de Fene acometerá en setembro a poda de preto de 200 árbores na Avenida Naturais de Fene e Marques de Figueroa

Os traballos permitirán mellorar o estado de conservación do arborado e reforzar a seguridade nas principais vías urbanas do municipio

O Concello de Fene acometerá en setembro a poda de preto de 200 árbores na Avenida Naturais de Fene e Marques de Figueroa

A actuación forma parte do plan municipal de mantemento dos espazos públicos e do patrimonio verde urbano

O Concello de Fene levará a cabo durante o vindeiro mes de setembro unha nova campaña de poda e mantemento do arborado urbano na avenida Naturais de Fene e na avenida Marqués de Figueroa, dentro da planificación anual de conservación dos espazos públicos municipais.

A actuación afectará a un total de 197 exemplares, concretamente 152 plátanos (Platanus × hispanica), 43 magnolias (Magnolia grandiflora) e dúas camelias situadas na contorna do cruce de Fene.

Os traballos consistirán na retirada de polas secas, danadas ou debilitadas, así como na corrección daquelas que poidan interferir co espazo público, co obxectivo de garantir unhas condicións óptimas de seguridade para peóns e vehículos. Ademais, permitirán manter unha configuración adecuada das copas, evitando interferencias con fachadas, luminarias, sinais de tráfico e zonas de paso, favorecendo ao mesmo tempo o correcto desenvolvemento e conservación das árbores.

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, explicou que "estas actuacións responden a unha planificación técnica e preventiva que busca manter o arborado urbano en boas condicións, anticipándose á aparición de problemas e garantindo a seguridade da veciñanza". A primeira edil destacou que "as podas realízanse seguindo criterios de conservación, procurando sempre compatibilizar a saúde das árbores co seu valor ambiental e ornamental e co uso diario das rúas".

Pola súa banda, a concelleira de medio ambiente, Cristina García, subliñou tamén que "o arborado é un patrimonio vivo que require un mantemento continuado. Ademais de contribuír a facer de Fene un concello máis verde, proporciona sombra, mellora a calidade ambiental e fai máis agradables os espazos públicos, polo que o seu coidado é unha prioridade para o Concello".

Desde o goberno local lembran que esta actuación forma parte do programa municipal de mantemento e conservación dos espazos públicos, que inclúe tamén intervencións periódicas sobre zonas verdes, parques e arborado en diferentes parroquias do municipio.

O Concello de Fene agradece de antemán a comprensión da veciñanza polas pequenas molestias que poidan ocasionar os traballos e recomenda respectar a sinalización provisional que se instalará nas zonas afectadas para facilitar a súa correcta execución e garantir a seguridade durante as tarefas de poda.