Fene incorpora a memoria de Moncho Reboiras ao seu espazo público cunha escultura en San Valentín

A alcaldesa, Sandra Permuy, reivindicou a responsabilidade das institucións democráticas de recuperar a memoria das persoas que loitaron contra a ditadura e pola liberdade

Fene incorpora a memoria de Moncho Reboiras ao seu espazo público cunha escultura en San Valentín

O Concello de Fene reivindica a memoria democrática e lembra que o vindeiro luns 17 homenaxeará a Ramón Souto, último alcalde republicano de Fene, fusilado en 1936

O paseo marítimo de San Valentín acolleu este mediodía o derradeiro acto da conmemoración do 50 aniversario do asasinato de Xosé Ramón “Moncho” Reboiras a mans da ditadura franquista. Durante o acto inaugurouse unha escultura, de Xoan Carlos Portos, dedicada á súa memoria, que pasa a formar parte do espazo público de Fene como lembranza permanente da figura do militante nacionalista e sindical e da súa loita contra a ditadura.

No acto interviñeron a alcaldesa de Fene, Sandra Permuy; o presidente da Fundación Terra e Tempo, Francisco Rodríguez; e o presidente da Fundación Moncho Reboiras, Suso Seixo. As intervencións reivindicaron a figura e o legado político e sindical de Reboiras, así como a necesidade de preservar e transmitir a memoria das persoas que combateron o franquismo e sufriron a súa represión.

A homenaxe estivo promovida polo Concello de Fene xunto coa Fundación Moncho Reboiras, a Fundación Terra e Tempo, a Fundación Galiza Sempre, a CIG e a Comisión Organizadora do 50 aniversario.

Na súa intervención, Sandra Permuy salientou que a instalación desta escultura nun lugar aberto e transitado como o paseo de San Valentín pretende facer da memoria unha parte da vida cotiá do concello. “A memoria non pode quedar gardada nos libros nin limitarse aos actos de homenaxe. Ten que formar parte das nosas rúas, dos nosos espazos públicos e da paisaxe cotiá das novas xeracións”, afirmou.

A alcaldesa definiu a Reboiras como representante “dunha xeración que se negou a aceptar a ditadura como algo inevitable” e que decidiu organizarse e loitar nun momento no que o compromiso político podía supoñer “poñer en risco a liberdade e mesmo a propia vida”.

Permuy incidiu especialmente na dimensión obreira da súa traxectoria e na conexión que esta ten coa propia historia de Fene. “O seu compromiso político estivo profundamente ligado ao movemento obreiro, á organización das traballadoras e á defensa dos dereitos da clase traballadora. Algo que ten un significado especial nun concello como Fene, profundamente marcado pola súa historia industrial, pola construción naval e por décadas de organización e mobilización obreira”, sinalou.

Neste sentido, a rexedora enmarcou a inauguración da escultura no compromiso do Concello de Fene coa recuperación da memoria democrática. “Os concellos temos unha responsabilidade especial neste labor. Somos a institución máis próxima á veciñanza e somos tamén depositarios dunha parte fundamental da memoria das nosas comunidades”, afirmou, defendendo a memoria como “unha política pública e un compromiso coa nosa propia historia”.

Do recordo de Reboiras á memoria da corporación republicana

A alcaldesa aproveitou a súa intervención para lembrar que Fene tamén padeceu directamente a violencia e a represión desencadeadas tras o golpe de Estado de 1936. En particular, referiuse a Ramón Souto, último alcalde republicano de Fene, fusilado xunto con outros membros da corporación municipal.

“Durante demasiados anos os seus nomes, as súas vidas e mesmo a súa condición de representantes públicos permaneceron condenados ao silencio. Hoxe, desde esta institución democrática, temos a responsabilidade de facer precisamente o contrario: pronunciar os seus nomes, coñecer a súa historia e devolverlles o lugar que lles corresponde na memoria colectiva do noso concello e do noso país”, manifestou Permuy.

Precisamente, o Concello de Fene dará continuidade a esta liña de recuperación da memoria histórica o vindeiro luns 17 de agosto, Día da Galiza Mártir, cun acto de homenaxe a Ramón Souto que terá lugar ás 13.00 horas.

Para Sandra Permuy, lembrar a Reboiras, a Souto e o conxunto das vítimas da represión franquista supón tamén explicar ás novas xeracións que as liberdades actuais son resultado das loitas e sacrificios das xeracións anteriores. “A democracia que hoxe temos non apareceu da nada. Houbo persoas que loitaron por ela. Persoas que defenderon a liberdade, os dereitos da clase traballadora, a nosa lingua e a nosa cultura e o dereito de Galiza a decidir o seu futuro cando facelo estaba perseguido”, afirmou.

A alcaldesa concluíu reivindicando unha memoria democrática activa fronte aos intentos de relativizar o pasado: “Fronte ao silencio, verdade. E fronte a quen pretende relativizar ou banalizar unha ditadura que perseguiu e asasinou por razóns políticas, a defensa firme da democracia, dos dereitos, das liberdades e da xustiza social”.

Coa nova estatua, o Concello de Fene incorpora a figura de Moncho Reboiras ao espazo público municipal e reforza unha liña de traballo coa que pretende recuperar, divulgar e transmitir a memoria das persoas que sufriron a represión e loitaron pola liberdade, facendo dela parte da memoria viva de Fene e de Galiza.