O Concello de Fene continúa mellorando as beirarrúas da avenida de Tarrío e completará a actuación coa plantación de árbores

Os traballos permitirán reforzar a accesibilidade, a seguridade e a calidade do espazo público nun dos principais viais de Perlío

O Concello de Fene continúa mellorando as beirarrúas da avenida de Tarrío e completará a actuación coa plantación de árbores

O goberno local anuncia que este plan de mellora continuará progresivamente noutras parroquias do concello

 O Concello de Fene continúa executando os traballos de acondicionamento das beirarrúas da avenida de Tarrío, na parroquia de Perlío, unha actuación destinada a mellorar a accesibilidade, a seguridade e a imaxe urbana deste importante eixo de comunicación do municipio.

As obras avanzan segundo o previsto e contemplan a renovación dos pavimentos e a reorganización da zona peonil, co obxectivo de ofrecer un espazo máis cómodo e seguro para a veciñanza, especialmente para as persoas con mobilidade reducida, maiores e familias con carriños infantís.


A actuación completarase coa plantación de varios exemplares de acacia, que contribuirán a incrementar as zonas de sombra e a crear un entorno máis amable, mellorando tamén o confort das persoas usuarias deste espazo. “Seguimos avanzando na mellora dos espazos públicos para facelos máis accesibles, seguros e agradables para a veciñanza”, destacou a alcaldesa de Fene, Sandra Permuy. A rexedora sinalou que “a renovación das beirarrúas e a incorporación de arborado forman parte dun mesmo modelo de concello, no que apostamos por gañar espazos para as persoas e por unha contorna urbana de maior calidade”.


Permuy subliñou tamén que “estas actuacións non se limitarán á avenida de Tarrío. O Concello continuará desenvolvendo este plan de mellora noutras parroquias, actuando progresivamente naqueles puntos que presentan necesidades de conservación ou adaptación para seguir mellorando a accesibilidade e a seguridade peonil en todo o municipio”.

Desde o Concello de Fene lembran que estas intervencións forman parte do programa municipal de mantemento e conservación dos espazos públicos, co que se pretende responder ás necesidades detectadas nas distintas parroquias, renovando infraestruturas, eliminando barreiras arquitectónicas e incrementando a presenza de zonas verdes que contribúan a facer de Fene un concello máis amable e sostible.