A alcaldesa, Sandra Permuy, destacou que “a patria constrúese cada día” a través da lingua, da cultura, da defensa dos servizos públicos e da igualdade
Fene reivindica a cultura, a memoria e o compromiso colectivo no acto institucional do Día da Patria Galega
O creador e activista cultural Paco Oti foi o encargado da declaración institucional
09-07-2026
O Concello de Fene celebrou esta tarde no Parque Lineal o acto institucional con motivo do Día da Patria Galega, unha cita que reuniu veciñanza e representantes do tecido asociativo e institucional para reivindicar a identidade galega, a cultura e o compromiso colectivo co país.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, pechou o acto cunha intervención na que definiu o 25 de xullo como “un día para celebrar quen somos, de onde vimos e, sobre todo, cara a onde queremos camiñar como pobo”. Durante o seu discurso subliñou que a patria “non é unha idea abstracta nin unha palabra baleira”, senón que “se constrúe cada día” a través da lingua, da cultura, da defensa dos servizos públicos, da igualdade e do traballo colectivo. Tamén puxo en valor o papel das mulleres na construción do país e reivindicou unha Galiza feminista, “onde a igualdade non sexa só unha aspiración, senón unha realidade efectiva”.
A rexedora destacou ademais o papel do asociacionismo e da cultura popular na identidade de Fene, lembrando que o concello “soubo facer comunidade” e converter a cultura nunha ferramenta de transformación social. Nese contexto, agradeceu a presenza de Paco Oti, do que salientou a súa ampla traxectoria no teatro, no humor gráfico e no activismo cultural, asegurando que representa “un exemplo extraordinario do papel que a cultura desempeña na construción do país”.
Este ano, o creador e artista Paco Oti foi o encargado de dar lectura á declaración institucional do Día da Patria Galega. No seu discurso reivindicou a identidade galega como “un xeito de sentir, de falar, de compartir e de resistir”, chamou a defender a lingua e a cultura propias e fixo un alegato a favor da paz, da xustiza social e da necesidade de fortalecer o pensamento crítico fronte á desinformación e ás redes sociais.
Tamén apelou a construír unha Galiza con oportunidades para a mocidade, igualdade para todas as persoas e respecto polo medio ambiente, concluíndo cun chamamento á unión e ao orgullo compartido arredor do país.
O acto rematou co himno galego e cun aplauso colectivo, pechando unha nova edición dunha celebración coa que o Concello de Fene reafirma cada ano o seu compromiso coa lingua, a cultura e os valores que conforman a identidade do pobo galego.
PACO OTI
Nado en Cabanas, Paco Oti comezou a súa actividade teatral no ano 1974, participando na fundación do Grupo de Teatro Círculo de Perlío co que mantivo unha actividade de produción de teatro galego constante durante varios anos, baixo a dirección de Celestino Ledo.
Foi director da Mostra de Teatro Infantil Galego “Xeración Nós” promovida pola Mancomunidade de Concellos da Ría de Ferrol a mediados dos anos oitenta. E, como membro da directiva do Ateneo Ferrolán, puxo en marcha a Vogalía de Teatro e o Centro de Documentación Teatral desta entidade, amais de impulsar a programación dos Xoves Teatrais de Ferrol.
Tamen foi responsable da área de Teatro da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, desde 1986, e da xefatura do Centro Dramático Galego, desde 1992.
Pero Paco Oti ten outra faciana, moi importante tamén, como artista plástico, deseñador gráfico e debuxante de cómic, publicando obra en numerosos medios e participando en múltiples exposicións individuais e colectivas (algunha delas no Museo do Humor Xaquín Marín).
En 2023 foi promotor e comisario da exposición do 40º aniversario da revista Can sen dono, organizada pola Concellería de Cultura de Fene. E neste 2026 realizará a súa primeira exposición individual no noso museo, unha mostra antolóxica que levará por título “Trazos dunha singradura”
