O investimento previsto ascende a 700.000 euros e será financiado ao 50% entre ambas administración
O Concello de Fene e ADIF impulsan a construción dunha nova pasarela peonil en Perlío para mellorar a seguridade e a permeabilidade ferroviaria
O convenio, aprobado por unanimidade polo pleno municipal, permitirá eliminar un paso indebido e reforzar a conexión entre diferentes zonas do municipio
06-07-2026
O Concello de Fene e ADIF impulsarán a construción dunha nova pasarela peonil sobre a liña ferroviaria en Perlío, despois de que o pleno do Concello de Fene aprobase por unanimidade o convenio de colaboración entre ambas administracións. A actuación executarase no punto quilométrico 33/910 da liña ferroviaria 804 Betanzos-Ferrol, cun investimento estimado de 700.000 euros, e permitirá mellorar a permeabilidade da infraestrutura ferroviaria e incrementar a seguridade cidadá, eliminando un paso indebido actualmente empregado pola veciñanza.
A solución finalmente escollida corresponde á denominada "Alternativa A.1", seleccionada tras a análise técnica e política das distintas opcións recollidas no estudo de alternativas remitido por ADIF ao Concello.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “esta é unha actuación moi importante para o concello, porque permite dar resposta a unha demanda histórica da veciñanza, mellorando a seguridade e eliminando un punto de paso que comportaba riscos evidentes”.
A rexedora sinalou ademais que “as infraestruturas ferroviarias non poden actuar como barreiras, e esta pasarela contribuirá a unir dúas zonas entre as que existe un importante tránsito de persoas e avanzar nun modelo de Fene máis cohesionado e vertebrado”. Permuy quixo ademais poñer en valor “o apoio unánime da Corporación municipal a este convenio, o que evidencia que estamos ante unha infraestrutura necesaria e estratéxica para o futuro de Fene”.
Un investimento compartido
O orzamento total estimado das obras ascende a 700.000 euros, IVE incluído, dos que 350.000 euros serán achegados por ADIF e outros 350.000 euros polo Concello de Fene.
O financiamento distribuirase en varias anualidades entre os anos 2026 e 2029. Así, durante 2026 ambas administracións achegarán 5.000 euros cada unha; en 2027 a contribución será de 95.000 euros por entidade; mentres que en 2028 e 2029 a achega ascenderá a 125.000 euros anuais por cada unha das partes.
Reparto de competencias
Segundo o convenio asinado, ADIF asumirá as funcións de órgano de contratación e a dirección facultativa das obras, así como o desmantelamento das instalacións provisionais unha vez finalizada a actuación e a execución do valado necesario para impedir o acceso indebido á plataforma ferroviaria.
Pola súa banda, o Concello de Fene comprométese a poñer a disposición de ADIF, sen custo, os terreos municipais necesarios para a execución da infraestrutura e, unha vez rematada a obra, asumirá a titularidade da pasarela e as tarefas de mantemento, conservación, limpeza e vixilancia.
ADIF manterá, non obstante, a responsabilidade exclusiva sobre os sistemas de protección eléctrica, os cerramentos específicos e os dispositivos de detección de caída de obxectos asociados á infraestrutura ferroviaria.
Sandra Permuy subliñou que “o acordo alcanzado con ADIF é un exemplo de colaboración institucional para resolver problemas concretos da cidadanía e mellorar a calidade de vida da veciñanza”.
O convenio terá unha vixencia máxima de catro anos desde a súa publicación oficial, aínda que poderá darse por rematado con anterioridade unha vez executadas as obras, prevéndose tamén a posibilidade de prórroga se as circunstancias así o requiren.
