Situada na avenida do Concello, a oficina abrirá de luns a venres en horario de mañá
O Concello de Fene reabre a súa Oficina de Información Turística para reforzar a atención a visitantes no período estival
Ofrecerase información sobre o Camiño Inglés e a ampla programación cultural e festiva do verán fenés
02-06-2026
O Concello de Fene vén de reabrir a súa oficina de información turística, situada na avenida do Concello, ao pé da Casa Consistorial e nun punto estratéxico do trazado do Camiño Inglés.
A oficina prestará servizo de luns a venres, de 8.30 a 13.30 horas, co obxectivo de ofrecer información e atención ás persoas visitantes, así como ás peregrinas que atravesan o municipio camiño de Santiago.
Entre os servizos que se ofrecerán destaca a información relacionada co propio Camiño Inglés e cos recursos turísticos do municipio, pero tamén coa intensa programación cultural e festiva que Fene desenvolverá durante os próximos meses.
A concelleira de promoción económica e turismo, Ángeles Coira, destacou que “a reapertura da oficina permite ofrecer unha atención máis próxima e especializada ás persoas que visitan Fene, nun momento no que o noso concello recibe un importante fluxo de visitantes”.
A edil subliñou tamén que “Fene ten moito que ofrecer máis alá do seu patrimonio natural e do paso do Camiño Inglés. Contamos cun tecido cultural e asociativo moi activo e cun calendario de actividades que converte o verán nun momento especialmente atractivo para achegarse ao noso concello”.
A través deste servizo facilitarase información sobre eventos xa consolidados como o Mes da Patria, o Perla Mural Fest, o Fene Rock ou o Felicia Pop, así como sobre as numerosas actividades organizadas polas entidades e outras propostas culturais, deportivas e de lecer promovidas polo Concello, das que se irá dando conta nas próximas semanas.
Desde o Concello de Fene sinalan que esta oficina constitúe unha ferramenta importante para mellorar a acollida das persoas visitantes e contribuír á promoción do municipio como destino turístico e cultural.
A apertura da oficina de información turística conta co apoio da Deputación da Coruña.
