A alcaldesa, Sandra Permuy, e o concelleiro de servizos, Adán Chao, supervisaron o inicio dos traballos, nos que se investirán máis de 40.000 euros
O Concello de Fene inicia os traballos de aglomerado en diversos camiños municipais
Estas actuacións permitirán mellorar o estado do firme en viais de Perlío e Barallobre
28-04-2026
O Concello de Fene iniciou esta mañá os traballos de aglomerado de diversos camiños municipais, unha actuación orientada á mellora da rede viaria e á seguridade da circulación.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, xunto co concelleiro de servizos, Adán Chao, supervisaron o inicio das actuacións, que se están a desenvolver en distintos puntos das parroquias de Perlío e Barallobre.
En concreto, estanse a poñer a punto o vial do Parque Rosalía de Castro e o Camiño da Carqueixa en Perlío, ademais do aparcadoiro da piscina municipal e os camiños da Pomba e O Penedo, en Barallobre.
Os camiños afectados presentan desperfectos como fisuras e unha presenza significativa de fochancas, derivados do paso do tempo, do uso continuado e da acción dos axentes meteorolóxicos. Os traballos consisten na regularización da superficie existente para, posteriormente, aplicar unha capa de mestura bituminosa, garantindo así unha renovación eficaz do firme e unha mellora das condicións de uso.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “este tipo de actuacións son fundamentais para manter en boas condicións os nosos camiños e garantir a seguridade da veciñanza, tanto para vehículos como para peóns”. A rexedora subliñou tamén que “seguimos traballando de maneira continuada na mellora das infraestruturas básicas do concello”.
Pola súa banda, o concelleiro de Servizos, Adán Chao, explicou que “estas intervencións permiten actuar sobre os puntos máis deteriorados, prolongando a vida útil do firme e evitando problemas maiores no futuro”. Ademais, indicou que “este plan de mantemento continuará con novas actuacións ao longo do ano en diferentes zonas do concello”.
O investimento nesta actuación ascende a 41.820,99 euros e enmárcase no plan de mantemento impulsado pola Concellería de Servizos, co obxectivo de conservar e mellorar a rede viaria municipal.
Desde o Concello de Fene inciden en que estas obras forman parte dunha estratexia global orientada a mellorar a accesibilidade, a seguridade viaria e a calidade dos espazos públicos.
