O Concello de Fene farase con 30.000 metros cadrados de solo da SAREB por 25.000 euros

A operación supón unha oportunidade estratéxica para ampliar espazos públicos e planificar o crecemento futuro do concello

O Concello de Fene farase con 30.000 metros cadrados de solo da SAREB por 25.000 euros

Os terreos sitúanse en Mundín (Perlío) e na Avenida Naturais de Fene, e permitirán avanzar no desenvolvemento urbanístico e vivenda pública

O Concello de Fene formalizou a aceptación dunha oferta de solo remitida pola SAREB, coñecida como o “banco malo”, que permitirá ao municipio adquirir preto de 30.000 metros cadrados de terreo por un importe de 25.000 euros.

A oferta, recibida a finais do pasado mes de febreiro, inclúe máis de 29.000 metros cadrados situados en Mundín (Perlío), así como un solar urbano de 250 metros cadrados na avenida Naturais de Fene. A alcaldesa, Sandra Permuy, asinou recentemente a aceptación da proposta, iniciando así o proceso de adquisición, cuxa formalización ten como data límite o 31 de agosto.

Os terreos de Mundín corresponden maioritariamente ao ámbito da APE22, unha zona de desenvolvemento que combina espazos verdes e solo destinado a vivenda, e que o Concello poderá impulsar no marco da súa planificación urbanística.

Pola súa banda, o solar da avenida Naturais de Fene é unha finca urbana con posibilidade de edificación directa, que desde o goberno local se proporá para a construción de vivenda pública, ofrecéndoa á administración autonómica co obxectivo de dar resposta á demanda existente neste ámbito.

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “esta operación supón unha oportunidade moi relevante para o Concello, xa que nos permite incorporar solo estratéxico a un custo moi reducido e planificar o seu uso en beneficio da veciñanza”. A rexedora subliñou que “a adquisición destes terreos abre a porta a novos desenvolvementos urbanísticos, á creación de espazos públicos e á promoción de vivenda, elementos clave para o futuro de Fene”.

Permuy engadiu que “desde o goberno local seguimos traballando para aproveitar todas as oportunidades que permitan dar resposta ás necesidades da veciñanza, especialmente en ámbitos como o acceso á vivenda ou a ordenación do territorio”.

Desde o Concello de Fene inciden en que esta adquisición se enmarca nunha estratexia de planificación a medio e longo prazo, que busca reforzar a capacidade municipal para intervir no desenvolvemento urbanístico e avanzar cara a un modelo de crecemento equilibrado e sostible.