Sete establecementos ofrecerán as súas creacións do 10 ao 19 de abril en horario de fin de semana
O XVI Concurso de Tapas de Fene arrinca hoxe cunha nova edición centrada na gastronomía local
As tapas terán un prezo único de 2,50 euros, e haberá premios para a clientela e para os locais participantes
10-04-2026
Todo listo nas cociñas de sete locais de Fene para iniciar esta fin de semana o XVI Concurso de Tapas, unha iniciativa de dinamización económica e promoción da hostalería local que se desenvolverá até o 19 de abril.
Durante estes días, o establecementos ofrecerán as súas propostas gastronómicas en formato tapa, permitindo á veciñanza e ás persoas visitantes descubrir propostas variadas. O horario do concurso será os venres, de 20.00 a 22.00 horas; os sábados, de 13.00 a 15.00 e de 20.00 a 22.00 horas; e os domingos, de 13.00 a 15.00 horas, cun prezo único de 2,50 euros por tapa.
Os establecementos participantes nesta edición son: Arrecendo, A Cantina da AVV de Limodre, Amarizaflor, Cafetería Bombay, Lembranza, O Son da Cociña (que non ofrecerá a súa tapa o día 12) e Pachamama.
Ademais de gozar das propostas gastronómicas, a clientela poderá participar na ruta de tapas (FENERRUTA) e optar a diferentes premios mediante votación, incentivando así a participación e o percorrido polos distintos locais.
Pola súa banda, os establecementos competirán polos galardóns ás mellores tapas, tanto segundo o criterio dun xurado profesional como a través da votación popular, nun certame que busca recoñecer a creatividade e a calidade da oferta hostaleira do municipio.
Desde o Concello de Fene anímase á veciñanza a participar nesta nova edición do concurso, apostando pola hostalaría de proximidade e contribuíndo a dinamizar a vida social e económica do municipio.
Actividade subvencionada pola Deputación da Coruña.
