O alcalde, Juventino Trigo, e o concelleiro de Obras, Manuel Polo, comprobaron o resultado dos traballos de pavimentación nunha visita á zona
O Concello de Fene supervisa o avance das obras de mellora da rede de abastecemento na Rúa Travesa e no Camiño do Inferniño
A actuación incluío a renovación das condicións de auga e a reposición do firme, cun orzamento de 61.511,65 euros financiados con cargo ao POS+2023
10-04-2025
.jpg)
O Concello de Fene vén de rematar os traballos de reposición do pavimento das obras de mellora da rede de abastecemento de auga na Rúa Travesa e no Camiño do Inferniño, unha actuación de gran importancia para garantir a calidade e a eficiencia do servizo á veciñanza da zona. Os traballos, financiados con cargo ao Plan Único de Concellos POS+2023 da Deputación da Coruña, contaron cun importe de adxudicación de 61.511,65 euros.
O alcalde, Juventino Trigo, e o concelleiro de Obras, Manuel Polo, visitaron a zona para comprobar o resultado final das actuacións. Trigo destacou que “a mellora das infraestruturas de abastecemento é unha das prioridades do goberno local, tanto para garantir o acceso a un servizo de calidade como para previr perdas e incidencias que afectan á veciñanza”.
Pola súa parte, Manuel Polo agradeceu a colaboración da veciñanza durante a execución da obra e sinalou que “somos conscientes de que calquera intervención pode xerar molestias, mais trátase de actuacións necesarias para mellorar a calidade de vida no municipio”. “Agora só quedan pequenos remates antes da entrega definitiva, como o pintado da sinalización viaria, co que deixaremos a zona completamente acondicionada”, concluíu o concelleiro.
A obra incluíu a substitución das antigas tubaxes de fibrocemento por novas conducións de polietileno de alta densidade, a mellora da sinalización horizontal e a reposición do firme, acadando as actuais normas de seguridade e eficiencia na rede.
Próximas actuacións de mantemento en camiños municipais
Por outra banda, desde a área de Servizos infórmase que nas próximas semanas iniciaranse tarefas de mantemento e mellora en diferentes camiños de titularidade municipal -entre eles a Costa da Lagarteira, A Rañoa, O Cobelo, Os Carballás e a Rúa Fonte- co obxectivo de conservar o bo estado da rede viaria e mellorar a accesibilidade en todas as parroquias do concello.