O alcalde, Juventino Trigo, e o concelleiro de Obras, Manuel Polo, visitaron a zona antes do inicio dos traballos
O Concello de Fene inicia as obras de mellora da rede de pluviais e pavimentos en Buios
As actuacións, financiadas con cargo ao POS+ 2024, foron adxudicadas por 179.740,26 euros
03-04-2025
.jpg)
O Concello de Fene vén de dar inicio ás obras de mellora da rede de pluviais e pavimentos en Buios, unha actuación clave para optimizar a seguridade e a accesibilidade da zona. Os traballos, adxudicados por 179.740,26 euros con financiamento do Plan Único de Concellos (POS+ 2024) da Deputación da Coruña, teñen un prazo de execución de tres meses.
O alcalde, Juventino Trigo, e o concelleiro de Obras, Manuel Polo, desprazáronse até a zona afectada para supervisar in situ as actuacións previstas. Trigo destacou que "estas melloras responden ao compromiso do goberno local de renovar as infraestruturas municipais e mellorar a calidade de vida da veciñanza, garantindo espazos máis seguros e accesibles". Pola súa banda, Manuel Polo subliñou que "esta intervención atende unha demanda veciñal histórica e permitirá optimizar tanto o firme como a canalización das augas pluviais, evitando problemas de drenaxe".
A obra contempla a renovación do pavimento mediante a aplicación dunha nova capa de rodaxe, así como a ampliación da sección de paso para garantir a seguridade tanto do tráfico rodado como do tránsito peonil. Ademais, instalaranse novos sumidoiros ao longo do trazado para mellorar a recollida e evacuación da auga da chuvia, reducindo así o impacto das inclemencias meteorolóxicas sobre a vía.
Coa execución destes traballos, o Concello de Fene continúa avanzando na mellora das infraestruturas viarias do municipio, apostando por espazos públicos máis eficientes e seguros para todas as persoas usuarias.