37 establecementos participan en Fene nas xornadas sobre os plans de continxencia da COVID-19 na hostalaría

37 establecementos participan en Fene nas xornadas sobre os plans de continxencia da COVID-19 na hostalaría

A Área de Seguridade do Concello de Fene organizou onte e máis hoxe dúas sesións formativas dirixidas á hostalaría do municipio para coñecer máis en detalle en que consisten os plans de continxencia que son de obrigada aplicación por parte do sector para evitar os contaxios da COVID-19, independentemente do nivel de restricións que haxa en cada momento. Nas xornadas explícase o contido dos plans, repásanse as prácticas preventivas que se deben aplicar en todo momento -hixiene, ventilación, epis, protocolo en caso de positivos entre o persoal, etc.- e, sobre todo, estase insistindo moito en que se respecten (e se fagan respectar) as limitacións e obrigas en vigor, entre elas o uso da máscara a partir dos 6 anos, o distanciamento persoal ou as ocupacións de mesas, que neste intre teñen o tope de 8 persoas en interior e 15 en terraza, xunto co requisito de solicitar o certificado covid para consumir a partir das 21:00h no interior de bares e cafetarías (tamén locais de ocio nocturno) e durante todo o día se se trata dos comedores de restaurantes.

As xornadas formativas promovidas polo Concello chegan ás portas da campaña do Nadal e no arranque do que parece ser a 6ª onda da pandemia, razón pola que desde a Área de Seguridade se considera urxente e moi necesario que os locais saiban perfectamente o que teñen que facer e que tipo de protocolos deben aplicar no seu funcionamento diario.

Os plans de continxencia hai tempo que deben estar implantados, pero a realidade é que en moitos locais -que fan as cousas ben na súa maioría- non teñen o documento propiamente dito, que non deixa de ser un plan de seguridade e saúde no traballo con medidas específicas para minimizar o risco de contaxios do coronavirus dentro da actividade.

Nestes momentos a hostalaría pode traballar ao 100% da súa capacidade, tanto en interior -incluída barra- como no exterior, aínda que existen restricións á ocupación de mesas e a obriga de que a clientela exhiba certificacións para poder consumir en bares, cafetarías e lecer nocturno a partir das 21:00h., mentres que nos restaurantes ese requisito ha de cumprirse nos servizos de xantares e ceas.

Ademais, o Plan da Hostalaría Segura de Galicia establece dous niveis de compromiso dos establecementos coa seguridade preventiva -as famosas cunchiñas- que esixen adoptar medidas de autoprotección e outras boas prácticas relativas á ventilación, a hixiene dos espazos, a información, a formación e dispoñibilidade de epis para o persoal -incluso tests de detección- e, en xeral, todas as cuestións preventivas e de control que o establecemento deberá aplicar en relación coa clientela, o persoal e as empresas provedoras.

Todo ten que estar recollido no plan de continxencia, dependendo do nivel de seguridade que queira adoptar cada negocio, e ademais, este documento -do que haberá que facilitarlle copia ás traballadoras e traballadores- pode ser solicitado en calquera momento polas autoridades sanitarias, xa sexa dentro dunha inspección convencional ou asociada ao seguimento dalgún posible positivo.

Neste sentido, desde o Concello lanzouse unha convocatoria dirixida ao sector hostaleiro co obxectivo de explicar pormenorizadamente que son os plans de continxencia e que aspectos cómpre reflectir neles, como guía que se debe seguir no día a día do negocio.

Ao chamamamento municipal respostaron 37 responsables de establecementos, a maior parte deles bares e cafetarías -os máis numerosos no censo municipal-, a quen se lles está a facilitar unha completa formación sobre os plans e incluso modelos do documento que poden adaptar de maneira moi doada aos seus negocios.

Nas charlas proporciónanse dous modelos para cumprir cos dous niveis de cunchiñas establecidos pola Xunta, de modo que os titulares dos locais só deberán poñer os seus datos, como por exemplo a identificación da actividade que desenvolven, as capacidades interiores e exteriores do local, o nome da persoa responsable, os produtos de limpeza que se utilizan e os sistemas de ventilación e de medición do CO2, etc.

Ao mesmo tempo, desde o Concello insístese en que o máis importante non é tanto o documento en si, senón que a hostalaría o siga coa máxima dilixencia para reducir ao mínimo as posibilidades de contaxio.

As xornadas de onte e hoxe están sendo impartidas por persoal técnico da consultora Previnem, que leva traballando co Concello desde practicamente o inicio da pandemia para garantir a seguridade nos distintas dependencias municipais.

A formación -que tamén se lles ofreceu recentemente ás asociacións fenesas- acompáñase dun teléfono de contacto para que os establecementos poidan solventar en calquera momento as dúbidas que lles poidan xurdir sobre como poñer en práctica o plan de continxencia.