A Concellaría de Medio Ambiente contabilizou 323 niños de velutina ao longo de 2016

A Concellaría de Medio Ambiente contabilizou 323 niños de velutina ao longo de 2016

A área municipal de Medio Ambiente acaba de facer balance dos avisos atendidos en relación coa vespa velutina nigrithorax durante o ano que acaba de pecharse. Segundo os datos recabados polo departamento, en 2016 contabilizáronse ata 323 niños de avespa asiática no municipio. Unha cifra que difire da información máis recente publicada pola Xunta na web de Medio Rural onde se cuantifica o impacto desta especie invasora en non máis de 25 colonias. Coa caída da folla os avisos multiplicáronse dado que os niños son agora máis visibles, especialmente nas árbores próximas a ríos e regatos. Porén, desde a Concellaría de Medio Ambiente sinálase que nestes momentos a maioría están inactivos ou teñen moi pouca actividade e que non supoñen ningún perigo.

Segundo parece, a a avespa asiática ten un ciclo vital que comeza a finais do inverno coa saída do seu letargo das raíñas fundadoras de novas colonias. A comezos da primavera empezan a criar un exército nos denominados niños primarios e, preto do verán, cambian de lugar para construíren os grandes fusos de celulosa que agora se poden ver aquí e acolá.

  É durante o verán cando máis atacan as colmeas, rapinando tanto as abellas como outros insectos. A finais da época estival e comezos do outono as avespas mudan a dieta para procurar azucre e por iso é máis habitual velas furando a froita madura ou chuchando zume das árbores. Coa baixada das temperaturas -nos meses de novembro e decembro- as colonias morren e só se salvan as raíñas fundadoras de novos grupos, que permanecen aletargadas até finais do inverno nas proximidades do niño orixinal ao que, porén, nunca volverán.

Agora estamos nese momento, no dos niños baleiros ou cunha actividade baixa. Desde a Casa do Mel de Goente  apuntábase esta mañá que algunhas colonias están sobrevivindo máis do habitual, quizais por causa das altas temperaturas das últimas semanas.

Esta asociación radicada nas Pontes colabora co Concello de Fene no control da praga. Os avisos que recibe estes días son pouco máis que para constatar se os niños están ou non baleiros e para aplicarlles insecticida se aínda conteñen algunha avespa. Desde a entidade indican que os niños non ofrecen ningún perigo nesta época “só se ven máis porque caeu a folla”, explicaba esta mañá o seu presidente, Manuel Ferreira.

O método de loita recomendado pola Casa do Mel de Goente é o preventivo mediante trampeos masivos. Pero non agora, senón máis adiante. Concretamente cando o inverno encare a súa recta final “e empecen a florear as froiteiras de óso”. Segundo Ferreira ese intre coincide coa finalización do letargo das raíñas fundadoras e por iso é importante capturar cantas máis mellor colocando trampas “nun radio duns 200 metros” arredor dos niños atopados na temporada anterior.

O Concello de Fene conta coa axuda da Casa do Mel e do GES de Mugardos para atender os avisos referidos á velutina. Segundo informa a área municipal de Medio Ambiente, durante 2016 contabilizáronse 323 intervencións canalizadas a través destas dúas entidades e, en menor medida, do 012 xestionado pola Xunta.