No certame, convocado polo Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial, premiáronse tamén os traballos de Enma Rodríguez Grueiro e Carlota Arias Busto
Inés Bravo Rodríguez e Diego Noguerol Feijóo gañan o IV Concurso de BD de Humor Demo Pequeno
Museo do Humor Dixomedíxomes12-06-2026
O Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial dan a coñecer os nomes dos/as gañadores/as do IV Concurso de BD de Humor Demo Pequeno. O xurado desta terceira edición, formado polos autores de banda deseñada Paula Esteban e Alberto Taracido, xunto co tamén debuxante e director de Demo Editorial, Manel Cráneo (presidente) e a responsable do Museo do Humor Xaquín Marín, Almudena Marcos (secretaria), reuniuse este xoves 11 de xuño na sede de Demo Editorial e acordou conceder por unanimidade os seguintes premios:
Categoría Infantil (de 8 a 11 anos)
• 1º Premio, dotado con 100 € en metálico, un lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 75€ e diploma, á obra presentada co título Dinos na lúa. Aberta a plica, a súa autora é Inés Bravo Rodríguez. O xurado valorou o enfoque da historia, abordando o cambio climático desde unha perspectiva doméstica e familiar (levando o cotidiano a outro mundo que segue a ser o noso). Tamén salientou a composición e a linguaxe das viñetas.
• 2º Premio, dotado cun lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 50€ e diploma, á obra presentada sen título. Aberta a plica, a súa autora é Enma Rodríguez Grueiro. O xurado valorou o deseño e a expresividade de personaxes; a claridade coa que aborda o tema; a composición de páxina e como está distribuida a información ao redor da viñeta central; e a capacidade de síntese visual, contando a historia practicamente sen texto.
Categoría Xuvenil (de 12 a 16 anos)
• 1º Premio, dotado con 150 € en metálico, un lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 100€ e diploma, á obra presentada co título O negacionista. Aberta a plica, o seu autor é Diego Noguerol Feijóo. O xurado valorou a excelente capacidade narrativa e o manexo dos tempos do autor; o equilibrio entre guión e debuxo; a técnica de rotulación, entintado e cor e a limpeza no acabado. Tamén salientou o interese pola memoria, con referencias ao afundimento do Prestige; e os diálogos da historia nos que demostra a súa capacidade de síntese.
• 2º Premio, dotado cun lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 75 € e diploma, á obra presentada co título Polar na Venecia. Aberta a plica a súa autora é Carlota Arias Busto. O xurado valorou a plástica e a técnica do debuxo; a composión, o trazo e o deseño de perxonaxes e, en xeral, o manexo da linguaxe do cómic. Tamén salientou o toque positivista da historia que é complicado para o tema que aborda.
Asemade, o xurado acordou outorgar mención de honra, con diploma e agasallo pero sen dotación económica, aos traballos presentados na categoría Xuvenil por Paula Pérez Díaz (Barbacoa sideral) e Valeria Rodríguez García (Sequía).
A entrega de premios terá lugar o vindeiro 29 de xuño, ás 17 horas, no Museo do Humor Xaquín Marín (Avda. de Conces, 20-22, Fene). Ademais, ese mesmo día, coincidindo coa apertura da exposición do IV concurso de bd de humor Demo Pequeno na que se amosará unha selección das obras presentadas ao concurso, colgarase na web museodohumor.fene.gal a exposición virtual completa do certame.
Organizan: Museo do Humor Xaquín Marín (Concellería de Cultura do Concello de Fene) e Demo Editorial.
