No certame, convocado polo Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial, premiáronse tamén os traballos de Emma González González e Pedro Jove García

Zoe Pérez Fernández e Nuno Tizón Couñago gañan o III Concurso de BD de Humor Demo Pequeno

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

Xurado do III Concurso de BD de Humor Demo Pequeno

O Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial veñen de dar a coñecer os nomes dos/as gañadores/as do III Concurso de BD de Humor Demo Pequeno. O xurado desta terceira edición, formado polos autores de banda deseñada Xulia Pisón e Álvaro López, xunto co tamén debuxante Luís Sendón (por delegación do director de Demo Editorial, Manel Cráneo) e a responsable do Museo do Humor Xaquín Marín, Almudena Marcos, reuniuse este martes 27 de maio e acordou conceder por maioría os seguintes premios:

Categoría Infantil (de 8 a 11 anos)


• 1º Premio, dotado con 100 € en metálico, un lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 75€ e diploma, á obra presentada co título Puchichi en la biblioteca. Aberta a plica, a súa autora é Zoe Pérez Fernández. O xurado valorou a boa resolución técnica da obra, moi profesional, a claridade narrativa e o sentido do humor. Tamén salientou a boa caracterización dos personaxes e a atención ao detalle. E, sobre a trama, que é un autorretrato xeracional.

• 2º Premio, dotado cun lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 50€ e diploma, á obra presentada co título Ov@ na biblioteca. Aberta a plica, a súa autora é Emma González González. O xurado valorou o acabado técnico, o bo criterio na paleta de cor e unha planificación axeitada, así como a resolución da historia. Sobre a trama, salientou que pon en valor a lectura e o valor da fantasía a través do humor absurdo.

Categoría Xuvenil (de 12 a 16 anos)


• 1º Premio, dotado con 150 € en metálico, un lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 100€ e diploma, á obra presentada co título As cousas que pasan. Aberta a plica, o seu autor é Nuno Tizón Couñago. O xurado valorou en primeiro lugar o excelente emprego da linguaxe do cómic e a propia historia que transmite unha mensaxe positiva da lectura e das bibliotecas. Tamén salientou que é capaz de transmitir a idea sen texto e o acabado da obra moi claro, limpo e lexible.

• 2º Premio, dotado cun lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 75 € e diploma, á obra presentada co título O parrulo e a biblioteca. Aberta a plica o seu autor é Pedro Jove García. O xurado valorou a orixinalidade do plantexamento, o deseño de páxina, a resolución concisa e efectiva dos diálogos, a paleta de cores e o sentido do humor.

Asemade, o xurado acordou outorgar unha mención de honra, con diploma e agasallo pero sen dotación económica, aos traballos presentados na categoría Infantil por Roi Cabrera Cancelo (Ceip de Sada y sus contornos) baixo o título Unha animalada de biblioteca, e por Elio Pérez Pujades baixo o título Robo Tempo na biblioteca; e, na categoría Xuvenil, por Mario Martínez Lago baixo o título Unha idea creativa, e por Xián Rodríguez Domínguez baixo o título Como manter unha biblioteca en silencio.

A entrega de premios terá lugar o vindeiro 19 de xuño, ás 18 horas, no Museo do Humor Xaquín Marín (Avda. de Conces, 20-22, Fene). Ademais, ese mesmo día, coincidindo coa apertura da exposición do III concurso de bd de humor Demo Pequeno na que se amosará unha selección das obras presentadas ao concurso, colgarase na web museodohumor.fene.gal a exposición virtual do certame.

Organizan: Museo do Humor Xaquín Marín (Concellería de Cultura do Concello de Fene) e Demo Editorial.

(O Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial informan dunha errata nas bases do III Concurso de BD de Humor Demo Pequeno. No punto 10º das citadas bases, onde se indicaba que “o fallo do xurado darase a coñecer o venres 20 de xuño”, debería poñer ““o fallo do xurado darase a coñecer antes do venres 20 de xuño”)