O Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial presentan o I concurso de banda deseñada de humor “Demo pequeno”

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

“Achegar os escolares galegos ao mundo da banda deseñada, fomentando a súa creatividade dende unha perspectiva humorística” é o principal obxectivo do concurso de banda deseñada e humor “Demo pequeno” que promoven o Museo do humor Xaquín Marín e Demo Editorial. O certame, para o que xa está aberto o prazo de presentación de obras, vai dirixido a mozos e mozas galegos de 8 a 16 anos, que poderán participar de xeito individual ou por equipos de dúas persoas (guionista e debuxante). Valorarase “a composición do debuxo e o uso de diferentes técnicas pictóricas pero tamén a propia historia e o sentido humorístico da mesma”. O prazo de presentación de orixinais finalizará na medianoite do venres 30 de abril de 2023.

Os autores e autoras participantes deberán presentar unha única historia curta de banda deseñada (máximo 1 páxina) ou tira cómica, con enfoque humorísitico e temática: Galiza e a súa riqueza natural. A obra, que deberá ser inédita e orixinal, presentarase en papel ou cartolina cun tamaño máximo de 297x420 mm (DIN-A3). Todos os textos que se inclúan na bd ou tira cómica deberán estar redactados en galego aínda que tamén se poderán presentar traballos sen texto.

A obra poderá enviarse por correo postal a: “Museo do Humor Xaquín Marín. Avda. Conces, 20-22, 15500 Fene, A Coruña”. Acompañando á mesma, adxuntarase nun sobre pechado ou plica toda a información sobre o autor ou autora (datos especificados nas bases). Tamén se poderá enviar a obra escaneada por correo electrónico, en formato PDF, ao enderezo seguinte: museodohumor@gmail.com. Neste caso, na mensaxe incluiranse dous arquivos: un titulado “obra” e outro, “plica”.

En canto aos premios, establécese un 1º Premio, dotado con 200 euros e diploma, un 2º Premio, dotado cun lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial e diploma, e un 3º Premio, dotado cun lote de material artístico e diploma. O xurado estará formado por dous autores/as de recoñecida traxectoria no ámbito da banda deseñada e/ou da ilustración, polo editor de Demo Editorial e pola responsable do Museo do Humor Xaquín Marín.

O fallo do xurado darase a coñecer o 18 de maio, Día dos Museos, a través da páxina web e/ou redes sociais de Demo Editorial, do Museo do Humor Xaquín Marín e dos medios de comunicación. A entrega do premio terá lugar na primeira quincena do mes de xuño de 2023 nas instalacións do Museo do Humor Xaquín Marín de Fene. E, segundo se establece nas bases, os traballos gañadores e finalistas (no caso de habelos) figurarán na exposición que organizará o Museo do Humor Xaquín Marín ao redor da exposición dos XXVII Premios Curuxa do Humor, en novembro de 2023.

Bases completas da convocatoria na web do Concello de Fene, Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial. Para consultar calquera cuestión sobre o concurso ou resolver dúbidas, pódese chamar ao 981 342 400 (de luns a vernes en horario de mañá) ou enviar un correo electrónico a museodohumor@gmail.com

Descargas