O ciclo “Novembro, mes do humor” pecha este venres cunha actuación de Marta Doviro

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

Memorias dunha rapasa da costa. É o título do espectáculo que presenta este venres no Museo do Humor Xaquín Marín a cómica, actriz e presentadora de espazos de entretemento (Malo será, De quen vés sendo?…) Marta Doviro. Trátase do primeiro monólogo da artista, un “exercizo cómico sobre a nosa forma de ser e de facer, en contraposición ao que os medios e o cine nos poñen como modelo”. A función comezará o venres, 25 de novembro, ás 20 horas, con entrada libre e de balde. Espectáculo para público adulto.

En Memorias dunha rapasa da costa, Marta fala do seu periplo polas distintas vilas do lugar nas que viviu durante gran parte da súa infancia ata hoxe, retratando en clave de comedia, o carácter carismático das súas xentes, experiencias, vivencias e ata historias reais de piratas”. Ademais, como cinéfila empedernida que é, obsequia ao público cun divertido paralelismo entre a nosa realidade (a realidade galega) e a realidade “hollywoodiense” (a que vemos nas películas).

MARTA DOVIRO

Con máis de 10 anos sobre os escenarios, Marta Doviro acumula varias facetas: actriz, presentadora, cómica e o que lle boten. 

Ten participado en películas, curtametraxes, webseries e series da TVG con papeis relevantes en : Pazo de Familia, A lei de Santos ou Luci. 

Catro nominacións pola Academia Galega do Audiovisual a mellor Comunicadora de TV abalan a súa labor como presentadora de máis dunha decena de programas de entretemento e divulgación como: Malo será, Máis galego, Luar, Feirantes, Gastrópodos, De quen ves sendo?, Somos ben curiosos, A mochila do viaxeiro, etc. Ademáis de presentar diversos eventos oficiais, pregóns, feiras gastronómicas, galas e desfiles. 

No teatro participou en varias montaxes xunto á Aula de teatro universitario de Ourense, a cargo de Fernando Dacosta e, máis recentemente na montaxe infantil musical "E se os soños se cumpren", xunto á compañía O Garaxe Hermenéutico. 

O seu último reto é a comedia e fai gala dela no seu espectáculo Memorias dunha rapasa da costa, co cal ten compartido escenario con grandes cómicos como Luís Zahera, Sergio Pazos e Pepo Suevos. 

Ciclo organizado pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural).