Últimos días para visitar a exposición de Viñetas do Camiño a carón da pista polideportiva do CCRD de Perlío

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

A mostra recolle vinte e catro ilustracións, realizadas polos doce artistas que participaron na “Andaina debuxada” do pasado mes de xuño e que logo se expuxeron en distintos puntos do Camiño Inglés ao seu paso pola comarca de Ferrolterra. Unha vez finalizada a mostra orixinal, o Concello de Fene acordou reunir os cubos nos que se amosan os debuxos nun espazo céntrico para que a veciñanza puidera gozar das creacións de artistas da talla de Xaquín Marín, Beatriz Seijo, Hugo Feal, Laura Bouza, Elga Fernández Lamas, Blanca Escrigas, Carme Martín, Leandro Lamas, Calros Silvar, Cristian F. Caruncho, Dulce Anca e Juanma Rubio Lozano. A exposición mantívose nesta derradeira localización, a carón da pista polideportiva do CCRD de Perlío, dende principios de ano e retirarase o vindeiro luns, 25 de abril.

De todos os xeitos, dende a Concellería de Cultura de Fene lembran que o proxecto Viñetas do Camiño (O Teu Xacobeo) conta tamén cunha exposición virtual (https://www.vinetasdocamino.gal/exposicions/) na que se recollen tanto as vinte e catro obras dos ilustradores, coma os debuxos que durante a marcha dos días 12 e 13 de xuño pasado fixeron os camiñantes. Neste espazo tamén aparecen os traballos realizados polos alumnos de varios centros educativos de Fene nos obradoiros escolares de ”Viñetas do Camiño”.