Moxom doa ao Museo do Humor unha das esculturas da exposición De boas madeiras

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, e o escultor Xosé Manuel Rodríguez “Moxom” asinaron este luns o convenio de doazón polo que o artista ourensán doa ao Museo do Humor de Fene unha das pezas que formaron parte da exposición “De boas madeiras”, que se puido ver na Casa da Cultura ao longo do mes de xaneiro. Trátase da peza titulada “Fifi”, realizada en madeira de piñeiro e pintada con pinturas plásticas e acrílicas. As suas medidas son: 73 x 53 x 193 cm. Segundo se recolle no documento asinado por ámbalas dúas partes, a obra “pasará a formar parte dos fondos do Museo do Humor, podendo exhibirse nas súas dependencias, en mostras itinerantes ou publicacións propias”. Na sinatura do convenio de doazón, amais do alcalde e do artista, estivo tamén presente o concelleiro de Cultura de Fene, Justo Ardá.

Moxom

Xosé Manuel Rodríguez “Moxom” (Ourense,1964) comenza no mundo da banda deseñada na década dos oitenta formando parte do Frente Comixario, colectivo dinamizador da BD en galego. Nesta época naceron do seu maxín: Indiana Xones, o Capitán Palheiro e tamén as persoaxes da Historia da Lingua en Banda Deseñada. Desaparecido o colectivo comezou a súa andaina, totalmente autodidacta, como “Moxom” no mundo da escultura de madeira aló polo ano 1996. Dende aquela suma máis de 70 exposicións por toda Galicia e é incapaz de contabilizar as pezas que leva tallado ate hoxe, que continúa creando sen descanso.

Algunhas desas exposicións foron: en 2003, Casa da Xuventude de Ourense, Mosteiro de Montederramo, Castelo de Castro Caldelas; en 2004, na Casa da Xuventude de Ourense, Mosteiro De Montederramo, Mosteiro de Xunqueira de Espadañedo, Castelo de Castro Caldelas; en 2005, Centros Comarcais de toda Galicia: Trives, Castro Caldelas, Carballiño, A Estrada, A Paradanta, Palas de Rei, Celanova, Monforte de Lemos, Buño, Ordes, Viveiro, Lalín, Restaurante A Fábrica de Vilanova, Allariz, Galería Visol (colectiva); en 2010, Centro Cultural da Diputación de Ourense. Edificio Simeón, Casa da Xuventude de Ourense, Galería Arcana. Vilanova De Arousa; en 2011, Universidade Laboral Ourense, Ateneo de Ourense; en 2012, Sala El Cercano.Ourense, Galería Visol (colectiva), Feira do Libro de Pontevedra; en 2013, Edificio Simeón. Diputación de Ourense (colectiva), Feira do Libro de Pontevedra, Casa da Cultura de Barbadás, Fundación Vicente Risco, Allariz,Ourense; en 2014, Exposición Arte Na Ribeira Sacra, Fábrica Da Luz, Parada do Sil, Taberna do Acevedo, Xunqueira de Ambía; en 2015, Exposición Colectiva Culturaqueune en Vila Real (Portugal) e en Pontevedra, Sala O Cercano, Ourense; en 2016, Auditorio de Ourense (colectiva), A Musa da Paz; en 2017, exposición no cabo Vilán.