Avelino González, Manquiña, A Patacón, Quico Cadaval e Pepo Suevos, no ciclo de monólogos “Novembro, Mes do Humor”

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, avanza para o 31 de outubro o inicio do programa, organizado polo Concello coa colaboración da Deputación

Todas as funcións terán lugar no Museo do Humor, con entrada de balde previa retirada de convite o mesmo día do espectáculo

A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, avanzou esta mañá a posta en marcha do ciclo de monólogos "Novembro, Mes do Humor". Un ciclo no que tomarán a palabra os cómicos e humoristas Avelino González, Manquiña, A Patacón, Quico Cadaval e Pepo Suevos e que se celebrará o último xoves de outubro (día 31) e todos os venres do mes de novembro no Museo do Humor de Fene, con entrada de balde pero con necesaria retirada de convite (o mesmo día do espectáculo). As funcións desenvolveranse a partir das 20 horas e están dirixidas a un público adulto.


Dende hai uns anos o Museo do Humor de Fene organiza no mes de novembro este ciclo, coincidindo co aniversario da apertura e inauguración do Museo e tamén coa entrega dos Premios Curuxa neste último trimestre do ano.
Por este ciclo, que conta co apoio da Deputación a través da Rede Cultural, teñen pasado moitos dos mellores humoristas e contacontos galegos: Carlos Blanco, Candido Pazó, Quico Cadaval, Manuel Manquiña, Xosé Antonio Touriñán, Isi, Evaristo Calvo, Isabel Risco, Compañía do Viriscrón, Mofa e Befa, Luis Zaera, Marcos Pereiro, Federico Pérez…


O calendario do ciclo é o seguinte:


Xoves 31 de outubro. Avelino González-Contos do contrabando.
Venres 8 de novembro. Manquiña-Relatos Negros.
Venres 15 de novembro. A Patacón-Por unha peseta.
Venres 22 de novembro. Quico Cadaval-Vacas, guerras, porcos e cregos.
Venres 29 de novembro. Pepo Suevos-Sobre rodas.

A recollida de invitacións (dúas por persoa) será o mesmo día do espectáculo a partir das 18,30 horas na conserxería da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene (Avda. de Conces, 20-22, Fene).