O escultor Manuel Ángel Méndez Bellón cede unha das súas pezas ao Concello

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, recepcionou a obra, que leva por título “Facendo números en tempos de crise”

O escultor Manuel Ángel Méndez Bellón vén de ceder ao Concello de Fene unha das súas obras, “Facendo números en tempos de crise”. O alcalde, Gumersindo Galego, recepcionaba a peza e agradecía a donación realizada polo artista que, durante o pasado mes de febreiro, expoñía a súa mostra “Galician Metal Retranca” na Casa da Cultura.


Unha exposición, formada por ao redor de 25 figuras realizadas en ferro moldeado e soldado (chapas, tubos, varillas) -e combinado en ocasións con madeira, pedra, cristal, etc.-, que tiña moi boa acollida por parte do público.


Precisamente, o escultor naronés sinalaba que coa mostra pretendía “espertar sorrisos con algo aparentemente tan serio coma o ferro e con situacións disparatadas e surrealistas que, en realidade, son máis común do que pensamos…e por iso nos fan gracia”. Malia todo, tras esa primeira impresión cómica e irónica que adoitan espertar as súas pezas, Manuel Ángel Méndez Bellón procura que se aprecie o traballo constante e serio que cada unha delas ten detrás.