Últimos días para visitar en Fene a mostra de fotografía surrealista de Javier Gómez Sanz

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

A exposición incorporou nos últimos días novas pezas como a chamada "Tumba de Dios" que da nome ao conxunto

As persoas que queiran visitar a mostra poderán facelo aínda esta semana en horario de mañá, de 10.00 a 14.15 horas, ou de tarde (só o venres), de 17.00 a 21.00 horas.

Javier Sanz Gómez (A Coruña, 1968). Fotógrafo, escultor e escritor. Licenciado en Dereito pola Universidade de Alcalá de Henares (Madrid). Realizou numerosas exposicións, tanto en España coma no estranxeiro.

Publicou os libros de fotografía La memoria del espejo (2003), visión intimista e artística da fotografía de natureza, e La soledad le escribe cartas al olvido (2011), libro de fotografías surrealistas.


Como escritor, no ano 2004 publica El viento no tiene guión, co que inicia a colección de libros de metáforas, aforismos, greguerías e prosa poética. Posteriormente, tamén publicou Rojo afilado (2006), Las islas navegan (2008) e Jugando al ajedrez sobre una piel de cebra (2009).

Aínda que a súa formación académica non tivo nada que ver coa arte senón coa xurisprudencia, sempre se sentiu atraído polo mundo artístico, atracción herdada do seu avó pintor e da súa nai crítica de arte. Ao final, a arte puido máis que o Dereito, a paixón puido máis que a razón...e comezou a súa carreira artística.

Comezou facendo fotografías de natureza, “máis dende un punto de vista artístico e estético que documental. Non lle importaba se o que estaba fotografando era un alcatruz ou un flamenco, senón a carga poética da imaxe. Fotografaba a natureza dun modo intimista”.

A fotografía de natureza serviulle de aprendizaxe e o axudou a desenvolver dúas calidades imprescindibles para todo fotógrafo: visión persoal e capacidade de síntese.

Introduciuse no mundo da fotografía surrealista, en parte pola súa vocación literaria e, en parte, por azar.

A prosa poética que emprega ao escribir os seus libros fixo que se acostumara ao pensamento metafórico e paradoxo. “Un día, ao entrar na súa casa pensando no xadrez e atoparse sobre a pel de cebra que ten no hall pensou: "E se colocase unhas pezas de xadrez sobre a pel de cebra, coma se os recadros do taboleiro de xadrez se derreteran..." Esta imaxe surrealista foi o comezo da súa transición cara a fotografía de concepto, realizada en estudio. Finalmente, esta fotografía conceptual foi a que derivou en composicións conceptuais.