Fin de Curso no Obradoiro "Licenza para Rir" do Museo do Humor de Fene

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

Fin de Curso no Obradoiro "Licenza para Rir" do Museo do Humor de Fene

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, e o concelleiro de Cultura, Justo Martínez Ardá, entregaron onte á tarde os diplomas ás participantes no obradoiro Licenza para rir 16/17 que se desenvolveu no Museo do Humor de Fene dende o mes de outubro do pasado 2016 até finais deste mes de maio.

Coa entrega de diplomas chegou ao seu fin a terceira edición deste taller que dirixe dende os seus comezos a experta en risoterapia Clara González Domínguez e que se encadra na programación das Escolas Culturais Municipais do Concello de Fene. O obradoiro, dirixido á poboación adulta, pretende proporcionar ferramentas coas que activar a risa propia, franca e saudable, favorecendo unha actitude cara a vida plantexada con sentido do humor.

Entre os obxectivos de Licenza para rir, salientan:  dar a coñecer e valorar as potencialidades terapéuticas e curativas da risa; fomentar a creatividade individual e grupal dende o lúdico; utilizar a risa como unha ferramenta favorecedora da comunicación e un estímulo da creatividade; aproveitar optimamente os beneficios das sesións e axudar ao corpo e á mente a afrontar positivamente calquer situación de tensión utilizando a risa como unha valiosa ferramenta terapéutica. Para iso, no devir deste taller, mestra e alumnos/as traballan con movemento expresivo, improvisacións, dinámicas lúdicas, ioga da risa, etc.