Novas

24-07-2018 -

Conferencia este xoves de Vicente Araguas, Henrique Sanfiz e Carlos Neira sobre a historia da capela e romaría de Santa Ana

O escritor Vicente Araguas; o historiador e director de RadioFene Henrique Sanfiz e o ex concelleiro fenés Carlos Neira, descendente da familia que ergueu a capela de Santa Ana, serán os ponentes da conferencia arredor da romaría de Santa Ana que o Concello organiza este xoves, 26 de xullo, no salón de plenos da casa consistorial de Fene a partir das 20 horas. Unha conferencia que servirá tamén de carta de presentación da cita, que terá lugar o domingo, 29 de xullo, despois de 23 anos sen celebrarse. Polo de pronto, este xoves, a veciñanza está convidada á conferencia, na que os tres ponentes abordarán os vínculos da capela de Santa Ana co Camiño Inglés, falarán das referencias á historia da propia capela e tratarán recordos familiares.
24-07-2018 -

A unidade móbil de doazón de sangue desprázase a Fene este xoves

A unidade móbil de doazón de sangue desprazarase este xoves, 26 de xullo, a Fene. Permanecerá diante do centro de saúde en horario de mañá –de 9,30 a 14,30 h- e de tarde –de 15,30 a 21 h- e, dende o Concello, anímase á veciñanza a tomar parte na campaña de doazón.
24-07-2018 -

Homenaxe póstumo a don Elías Seoane Ramírez, párroco de Barallobre durante 63 anos

A parroquia de Barallobre acollerá este xoves, 26 de xullo, unha sentida homenaxe póstuma a don Elías Seoane Ramírez, o que fora o seu párroco durante 63 anos, entre o 20 de decembro de 1953 e o 15 de setembro de 2016. Coincidirá coa procesión do Carmen, sobre ás 10,30 horas, nada máis rematar a misa, e terá lugar fronte á casa reitoral. Presidido polo alcalde, Gumersindo Galego, á cita confirmou a súa asistencia o vicario territorial da Coruña, José Luis Veira Cores, e no transcurso da mesma está previsto descubrir un monolito en lembranza de don Elías.
20-07-2018 -

Acto de condea do Concello de Fene

Dende a Concellaría de Benestar Social e Igualdade do Concello de Fene, convócase para hoxe venres 20 de xullo de 2018 ao persoal do Concello, ao persoal político e a todas as persoas que desexen unirse, a unha concentración silenciosa ás 12:00 h na porta da Casa do Concello para manifestar públicamente a condea e rexeitamento polo ASASINATO POR VIOLENCIA MACHISTA DE MARÍA JUDITE MARTÍNS ALVES de 54 anos, veciña de A Coruña
19-07-2018 -

Curso formativo gratuíto para persoas en situación de desemprego

Dende Unións Agrarias–UPA estase a impartir, na modalidade a distancia, o curso “Manexo de cultivo ecolóxico de mazá”. Este curso ten unha duración de 100 horas, é totalmente gratuíto e vai dirixido a persoas en situación de desemprego.
16-07-2018 -

O Concello pavimenta e dota de iluminación o camiño da Ribeira de Barallobre ata a estrada da Palma

O Concello de Fene, a través da Concellería de Servizos, vén de concluír as obras de acondicionamento do camiño da Ribeira de Barallobre ata a estrada da Palma.
14-07-2018 -

Declaración institucional do Concello de Fene Xullo 2018

13-07-2018 -

Fene rebaixa ata nun 95% o IBI, ICIO e IAE ós novos proxectos empresariais en Vilar do Colo

Empresas e autónomos que desexen instalarse no polígono de Vilar do Colo e poñer en marcha un novo proxecto empresarial poderán optar a importantes bonificacións no Imposto de Bens Inmobles (IBI), no Imposto de Actividades Económicas (IAE) e Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO). Rebaixas que, segundo explica a concelleira de Facenda, Rocío Bértoa, poden alcanzar o 95%. Así se recolle nas modificacións das correspondentes ordenanzas fiscais, aprobadas no pleno do mes de xuño e hoxe xa en vigor.
13-07-2018 -

O ciclo “Día de Galicia” ofrece esta noite o concerto de SES

Tras unha intensa semana de actividades, o ciclo “Día de Galicia” que promove a Concellería de Cultura de Fene para conmemorar o 25 de xullo alcanzará hoxe, 13 de xullo, a súa última xornada. A edil de área, Rocío Bértoa, avanza que o programa previsto comezará ás 20,30 horas no monumento “Día da Patria Galega”. Alí, María Rivera Rodríguez, autora do libro “Sillobre ven de antigo”, dará lectura á declaración institucional. E, xa ás 22 horas, a praza do Alcalde Ramón Souto González albergará o concerto estelar de SES, que presentará en Fene o seu disco “Readmirando a condición”.
12-07-2018 -

O Concello de Fene celebra a Festa dos Avós con cea de balde baixo carpa e inchables para os máis pequenos da casa

O Concello de Fene recupera este ano, no marco do ciclo “Día de Galicia”, a Festa dos Avós. Será esta tarde na praza do Alcalde Ramón Souto González, baixo carpa e a partir das 20 horas. A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, convida a toda a veciñanza a asistir á cita, coa que o Concello quere agradecer o esforzo que fan tantas persoas maiores para construír no día a día unha sociedade mellor, sendo incluso en moitos casos o sustento de tantas familias. Así, a partir da hora sinalada, comezarán a repartirse as racións de churrasco, que elaborará previamente a AVV de Magalofes, e a quen o Concello agradece moi especialmente a súa colaboración. Tamén se distribuirán racións de empanada, bola e unha botella de auga por persoa ata esgotar existencias. Todo isto, de balde. As bebidas, iso si, haberá que abonalas e a recadación destinarase íntegramente a Cáritas.