Novas

01-02-2019 -

Aprobados definitivamente os orzamentos para 2019 sen alegacións

O Concello de Fene inaugura o mes de febreiro con novos orzamentos para o 2019. Segundo explicou a concelleira de Facenda, Rocío Bértoa, as contas municipais quedaron aprobadas definitivamente tras pecharse a fase de exposición pública sen que se presentase nin unha soa alegación. Trátase dos segundos orzamentos aprobados nos últimos dez meses. Unha situación que contrasta coa vivida nos tres anos precedentes, cando Fene se viu obrigado a prorrogar exercicio tras exercicio os orzamentos.
01-02-2019 -

O Concello inicia as obras para dotar de iluminación pública o vial de acceso ó campo de fútbol dos Pinares

A Concellería de Servizos investirá 12.000 euros procedentes de fondos propios nas obras para dotar de alumbrado público o vial de acceso ao campo de fútbol dos Pinares, en Perlío. Unha estrada moi transitada tanto pola afluencia ás instalacións deportivas como pola circulación de veciños e veciñas que visitan o cemiterio municipal, xa que é vía de paso ata o camposanto.
31-01-2019 -

Manuel Ángel Méndez Bellón inaugura en Fene a mostra “Galician Metal Retranca”

A sala de exposicións temporais da Casa da Cultura inaugura este sábado exposición. Trátase da mostra “Galician Metal Retranca”, do escultor Manuel Ángel Méndez Bellón. Ao redor de 25 figuras realizadas en ferro moldeado e soldado (chapas, tubos, varillas) -e combinado en ocasións con madeira, pedra, cristal, etc.- compoñen a exposición do escultor naronés, unha mostra coa que se pretenden “espertar sorrisos con algo aparentemente tan serio coma o ferro e con situacións disparatadas e surrealistas que, en realidade, son máis común do que pensamos…e por iso nos fan gracia”, segundo apunta o creador. Malia todo, tras esa primeira impresión cómica e irónica que adoitan espertar as súas pezas, Manuel Ángel Méndez Bellón procura que se aprecie o traballo constante e serio que cada unha delas ten detrás.
31-01-2019 -

O Concello de Fene abre a inscrición na Escola de Natación postparto

O Concello de Fene comezará a ofertar en febreiro a "Escola de natación postparto", que se realizará xunto coa “Escola de natación para embarazadas" que xa se vén realizando dende hai un tempo. As interesadas en participar en calquera destas actividades poderán formalizar a súa inscrición nas dependencias administrativas do pavillón polideportivo da Xunqueira (en San Valentín) de luns a venres de 9 a 13,30 e os mércores en horario de tarde, de 16,30 a 19 horas.
A escola de natación para embarazadas é un programa de exercicios acuáticos orientado a evitar un sobrepeso innecesario, a preparar os músculos para o parto e a lograr un estado de relaxación e benestar durante a etapa de xestación. Ademais, a preparación física previa ao parto supón unha mellor e máis rápida recuperación despois do embarazo, que se pode potenciar coa natación postparto.
30-01-2019 -

O Concello adxudica en preto de 90.000 euros as obras de saneamento e aglomerado do Camiño do Sartego

O alcalde, Gumersindo Galego, informou esta mañá da adxudicación das obras de reposición do saneamento e aglomerado no Camiño do Sartego –dende a Avenida Naturais ata o Camiño de Casanova- e a pavimentación da rúa Fontenova –entre o Museo do Humor e ata o propio Camiño do Sartego-. A actuación requerirá dun investimento de 86.958,59 euros e financiarase con cargo a fondos procedentes da Deputación provincial da Coruña.
28-01-2019 -

Proceso de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación

O servizo de Orientación Laboral do Concello de Fene, informa sobre as novas convocatorias abertas no proceso de acreditación de competencias profesionais adquiridas a través de experiencia laboral (DOG 21/01/2019).

A Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria abriu a convocatoria de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través de experiencia laboral ou formación non formal, en determinadas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais.
28-01-2019 -

Constituído o Consello Municipal de Deportes de Fene

O Concello de Fene acolleu a semana pasada a sesión de constitución do Consello Municipal de Deportes, un órgano que reúne a representantes dos clubes deportivos, entidades que desenvolven actividades neste ámbito e ANPAS da cidade. Con el, segundo explicou o edil de área, Xoán Manuel Bastida, búscase favorecer a súa participación efectiva na toma de decisións municipais e impulsar proxectos e iniciativas que permitan a Fene recuperar a súa posición protagonista no mundo do deporte. Así, nesta primeira xuntanza, presidida polo alcalde, Gumersindo Galego, abordáronse xa na orde do día asuntos de especial relevancia.
 
25-01-2019 -

O Concello conclúe os traballos de protección da marxe do río Cádavo

O alcalde, Gumersindo Galego, informou esta mañá do remate das obras de protección da marxe do río Cádavo, en Perlío, que contemplaron a construción da canalización do cauce, así como dun muro de contención en pedra e da beirarrúa que delimita o paso, o aglomerado e pintado do vial, a instalación dunha varanda de seguridade e a mellora da iluminación coa colocación de farolas con tecnoloxía LED.
 
25-01-2019 -

VII Trofeo de Baile Deportivo Concello de Fene este domingo no pavillón de A Xunqueira

O pavillón de A Xunqueira, en San Valentín, acollerá este domingo 27 de xaneiro a VII edición do Trofeo de Baile Deportivo Concello de Fene. Celebrarase en horario de 11 a 20,30 coa participación duns 300 bailaríns e bailarinas -90 parellas e 6 grupos de danza coreográfica-. Nenos e nenas a partir de 4 anos e adultos. Trátase dunha competición puntuable para o ránking nacional e autonómico, e probas Open Internacional e nela tomarán parte campións e subcampións de España de Baile Deportivo. Así mesmo, acudirán a Fene parellas de toda Galicia e doutros puntos do territorio nacional e, na proba internacional, contarase coa presenza de parellas de Portugal.
24-01-2019 -

O Concello activa nos coles obradoiros para fomentar o uso responsable das TICs Celebraranse en xaneiro e febreiro, baixo o título “Desenrédate!”

A Concellería de Benestar Social e Igualdade que dirixe a concelleira Juana Barro vén de poñer en marcha nos centros educativos de Fene unha serie de obradoiros para fomentar o uso responsable das novas tecnoloxías baixo o título “Desenrédate! Prevención de adiccións e bo uso das TIC”. Comezaron este mes de xaneiro e prolongaranse ata febreiro. En concreto, os centros educativos acollidos ao programa son o CPI Xunqueira (11 e 18 de xaneiro e 1 de febreiro); CEIP Centieiras (23 de xaneiro e 6 de febreiro); Jorge Juan (24 e 31 de xaneiro); IES Fene (8 de febreiro) e CEIP O Ramo (12 de febreiro). Así mesmo, como complemento das sesións co alumnado tamén están previstas sesións para as familias naqueles centros escolares nos que exista demanda e se reúna a un grupo superior ás dez persoas.