Novas

12-06-2019 -

Andaina este domingo en Fene no 11º aniversario do programa de educación física contra a fatiga oncolóxica de Por+Vida

No 11º aniversario do programa de educación física contra a fatiga oncolóxica, Por+Vida organiza este domingo 16 de xuño unha Andaina dirixida a toda a veciñanza. Con ela, recadaranse fondos para a investigación contra o cancro e, na mesma, colabora o Concello de Fene.
11-06-2019 -

Desfiles, baile, DJs, performances, sorteos e moitos descontos na Fashion Night de Fene

Desfiles, baile, música, sorteos, obradoiros, degustacións… e moitos descontos e promocións son tan só algúns dos reclamos da Fashion Night de Fene que se celebrará o vindeiro sábado 15 de xuño baixo o lema “Festa en Branco”. Unha cita que avanzaban o alcalde, Gumersindo Galego; o concelleiro de Promoción Turística, Juan José Franco, e o presidente da Asociación O Cruceiro, Juan Ramos.
Na organización Concello e Asociación de Comercio, Hostalería e Servizos O Cruceiro volven aúnar esforzos e, finalmente, serán 36 establecementos de comercio e hostalería os adheridos á programación prevista. Así mesmo, e como principal novidade, nesta edición a Fashion Night terá a temática ibicenca por bandeira, co que se anima á veciñanza a participar da mesma vestíndose de cor branca. Así mesmo, o performance Pablo Méndez realizará ao longo do día tres pasarrúas baixo o título que dá nome á Fashion Night: ás 18 horas pola Avenida Marqués de Figueroa; ás 20 horas pola Avenida Naturais, e ás 23 horas pola rúa da Fraga.
10-06-2019 -

A Casa da Cultura acolle a exposición Libros de Artista “Animalario” do alumnado do Laboratorio de Creación Artística Laudas Calamity

Multitudinaria. Así foi a inauguración de Libros de Artista “Animalario”, a primeira exposición colectiva dos alumnos e alumnas do Laboratorio de Creación Artística Laudas Calamity que dirixe a artista local Laura Bouza. A sala de exposicións temporais da Casa da Cultura-Museo do Humor quedouse pequena neste acto, presidido polo alcalde, Gumersindo Galego.
10-06-2019 -

Últimos días para apuntarse ao obradoiro “Robótica para comerse o tarro”

O Concello de Fene, xunto aos de Mugardos e Neda, reeditará a súa aposta polo obradoiro “Robótica para comerse o tarro”. Dirixido aos rapaces e rapazas de entre 13 e 16 anos ou estudantes de Secundaria dos tres municipios, arrancará en Fene o 15 de xuño. Así, dende o departamento municipal de Servizos Sociais apúntase que se recollerán ata mañá martes –incluído- as solicitudes de participación. Será tanto nos centros escolares como no Centro Municipal de Servizos Sociais de Fene ou no whatsapp 670 03 46 25.
07-06-2019 -

O Concello de Fene ofertará 120 prazas no programa municipal Verán máis alá

O Concello de Fene, a través da Concellería de Cultura, reedita a súa aposta polo programa “Verán máis alá”. A edil de área, Rocío Bértoa, explica que se ofertarán 120 a primeira quincena de xullo e 120 a segunda e o prazo de inscrición abrirase a vindeira semana.
07-06-2019 -

Contacontos e taller de debuxo para nenos e nenas a partir de 3 anos, este luns na Biblioteca Municipal

A Biblioteca Pública Municipal “Xosemaría Pérez Parallé” acollerá este luns 10 de xuño o contacontos e taller de debuxo “A detective Peregrina e o insólito caso de Antón Fraguas”, a cargo de Enrique Mauricio e Carlos Taboada (Polo Correo do Vento). A actividade, que dará comezo ás 18,30 horas, rinde homenaxe á figura de Antón Fraguas, historiador e etnólogo homenaxeado no Día das Letras Galegas 2019.
07-06-2019 -

O Concello abre luns o prazo de reserva de prazas para as escolas da piscina e do pavillón da Xunqueira para o curso 2019/20

O Concello de Fene informou esta mañá de que o vindeiro luns 10 de xuño abrirase o prazo para a reserva de prazas das escolas da piscina e do pavillón da Xunqueira para o curso 2019/2020. Así, permanecerá aberto ata o 21 de xuño, no pavillón municipal da Xunqueira, para os/as usuarios/as veciños/as de Fene matriculados no mes de xuño. A documentación a entregar é a seguinte: a tarxeta de usuario/a e, para quen desexe domiciliar o pagamento trimestral, recibo do banco cos 20 díxitos da conta. Así mesmo, a reserva de praza para os/as veciños/as residentes noutros municipios matriculados no mes de xuño abrirase entre o 24 de xuño e o 3 de xullo (incluídos). Como no caso anterior, deben achegar tarxeta de usuario/a da escola e recibo do banco no caso de domiciliación.

O horario para formalizar o trámite é de 8,30 a 14,30 horas de luns a venres e, os días 12, 19 e 26 de xuño, tamén de tarde de 16,15 a 19 horas.
06-06-2019 -

Cita este sábado en Maniños co I VinchOPote

Comisión de Festas, SCRD O Pote e a cantina desta organizan este sábado 8 de xuño a primeira edición do VinchOPote, unha festa para nenos e maiores que arrancará xa pola mañá e se estenderá ata ben entrada a noite con múltiples reclamos, dende gastronómicos ata musicais.
05-06-2019 -

O alumnado do Laboratorio de Creación Artística Laudas Calamity expón en Fene as súas creacións

Os alumnos e alumnas do Laboratorio de Creación Artística Laudas Calamity que dirixe a artista local Laura Bouza inaugurarán este venres a súa primeira mostra colectiva baixo o título “Libros de Artista “Animalario””. Será na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura-Museo do Humor, a partir das 19,30 horas, con entrada libre e de balde e a actuación estelar da banda Grey City Funk.
05-06-2019 -

O Concello activa Fene Dron, un proxecto divulgativo e formativo sobre o uso desta tecnoloxía dirixido á mocidade

O Concello activa Fene Dron, un proxecto divulgativo e formativo sobre o uso da tecnoloxía de drons e as súas aplicacións en beneficio da sociedade. Un proxecto que conta coa colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude da Xunta e que facilitará a formación de 44 mozos e mozas de entre 14 e 30 anos non só en voar drons, senón en todos os coñecementos vinculados ao mundo dos drons e ás disciplinas STEM: enxeñería, impresión 3D, electricidade, electrónica....