Novas

07-08-2019 -

O Concello de Fene conclúe as obras de reparación da fachada do CPI A Xunqueira

O Concello de Fene vén de concluír os traballos de mantemento e reparación da fachada do CPI A Xunqueira, en San Valentín. Así o explicou o alcalde, Gumersindo Galego, para engadir que a intervención contou cun orzamento de 37.340,30 euros que se financiaron con cargo ao remanente de tesourería.

Nesta liña, o rexidor explicou que os traballos contemplaron a eliminación do material danado e a reconstrucción do recubrimento, limpeza e saneado da fachada.
02-08-2019 -

O Concello acondiciona o inmoble dos vestiarios da pista de Magalofes e realiza traballos de mellora en 4 parques infantís

O alcalde, Gumersindo Galego, informou esta mañá do remate das obras de acondicionamento e mellora do edificio anexo á pista polideportiva de Magalofes e a adecuación de 4 áreas de xogo infantil (Plaza do Ameneiral en Perlío; plaza 10 de Marzo en San Valentín, Rosalía de Castro en Perlío, e parque da Hortiña en Limodre). Nesta liña, o rexidor explicou que, no seu conxunto, as intervencións contaron cun orzamento de 38.193,64 euros, incluído no Plan de Acción Social (PAS).
30-07-2019 -

Entrega a Cáritas da recadación solidaria realizada no marco da Festa dos Avós

O alcalde, Gumersindo Galego, informou esta mañá de que a Festa dos Avós, organizada polo Concello de Fene coa colaboración da AVV de Magalofes no marco do Ciclo Día de Galicia, permitiu destinar un total de 312 euros a Cáritas. A cantidade correspóndese coa venda das bebidas ao público asistente á cea ofrecida pola Administración local a maiores e nenos no contexto deste encontro interxeneracional.
29-07-2019 -

Horarios de adestramento de pretempada no campo de fútbol de Os Pinares

Rematado o prazo de solicitude de adestramento no Campo de Fútbol de Os Pinares para a pretemporada 2019-2020 para clubes federados do Concello de Fene (do 15 ao 26 de xullo), o Concello publica na web municipal os horarios definitivos.
29-07-2019 -

O Concello pon en marcha en agosto clases gratuítas de ximnasia ao aire libre

O Concello de Fene porá en marcha clases gratuítas de ximnasia de verán ao aire libre. As sesións arrancarán este xoves, 1 de agosto, e celebraranse ata o día 31 todos os luns, mércores e venres laborables en horario de 9,30 a 10,30. O escenario elixido será o paseo marítimo de San Valentín, xunto ao pavillón da Xunqueira e, no caso de choiva, as clases trasladaranse ao interior do recinto deportivo.
26-07-2019 -

Visita dos maiores da residencia de Laraxe ao Museo do Humor

Os maiores da Residencia Domus Vi Laraxe de Cabanas visitaron esta semana o Museo do Humor de Fene. Un centro singular e único en Galicia que na actualidade amosa ao redor de 300 orixinais de humoristas gráficos galegos e de todo o mundo.
19-07-2019 -

O Concello de Fene concorre a dúas convocatorias de obradoiros de emprego

O concelleiro de Formación e Emprego, Juan José Franco, informou esta mañá de que o Concello de Fene, xunto cos de Ares, Mugardos, Neda e Cabanas, concorre ás dúas convocatorias de obradoiros de emprego publicadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria: o Proxecto INICIA IV, programa mixto de emprego e formación dirixido a mozos e mozas empadroadas nun dos cinco concellos e que estean inscritos no ficheiro do sistema nacional de garantía xuvenil, e o Proxecto REINICIA VI, programa mixto de emprego e formación dirixido a persoas desempregadas maiores de 18 anos.



18-07-2019 -

Arrancan na praia de Almieiras os cursos de kaiak organizados polo Concello

Un total de 33 rapaces e rapazas participan dende esta semana nos cursos de kaiak organizados polo Concello de Fene no marco da programación municipal de actividades de verán. Desenvolveranse ata finais do mes de agosto na praia de Almieiras (Limodre) en dúas quendas: luns e mércores e martes e xoves. Nos dous casos, en horario de mañá.
17-07-2019 -

Asier Sanz e Javier Jareño López, gañadores do XXIII Concurso de Humor Gráfico Curuxa do Humor de Fene

Tras unhas deliberacións reñidas pola magnífica calidade dos traballos presentados, o xurado do XXIII concurso de humor gráfico Curuxa do Humor emitía este mediodía o seu fallo: Asier Sanz resultaba gañador do primeiro premio da Curuxa Gráfica (maiores de 25 anos) e Javier Jareño López Cuervo era galardoado co primeiro premio da Curuxa Nova (de 16 a 25 anos). Así mesmo, Sandra Lodi e Beatriz Rodríguez Gregores alzábanse co segundo premio nas categorías Gráfica e Nova respectivamente.
12-07-2019 -

Laura Bouza reivindica “seguir construíndo un futuro propio, feminista e libre, con capacidade de pensamento crítico”

A artista local Laura Bouza, responsable de LauDas Calamity, Laboratorio de Creación Artística, reivindicou esta tarde, no Monumento Día da Patria Galega, “pensar naquilo que nos aveciña para seguir construíndo futuro, un futuro noso, propio, feminista e libre, con capacidade de pensamento crítico”.