Novas

15-09-2021

Fene abrirá en outubro o prazo de inscrición para as escolas culturais de música

A Concellería de Cultura publica a normativa xeral de matriculación para as escolas culturais municipais de piano-solfexo e guitarra, dirixidas a nenos/as a partir de cinco anos e poboación en xeral. Atendendo aos protocolos Covid, as persoas que desexen anotarse en calquera das dúas actividades, deberán solicitar cita previa do 1 ao 4 de outubro nos teléfonos 981 492 804 ou 607 626 812, de 8:30 e as 14:00. Unha vez solicitada a cita, presentaranse nas dependencias administrativas do Pavillón “A Xunqueira” de San Valentín no día e hora sinalados, tendo en conta que os días 5 e 6 de outubro realizaranse as inscricións para os residentes en Fene e o día 7 para a totalidade da poboación. Este novo curso das escolas culturais de música do Concello de Fene prolongarase dende o luns 18 de outubro de 2021 ao 31 de maio de 2022. A incorporación farase no primeiro día fixado para cada actividade.
13-09-2021

Cambio no horario da Biblioteca, Museo do Humor e Casa da Cultura de Fene

Co fin das vacacións escolares , a concellería de Cultura informa do cambio de horario da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal, aula de estudo, Museo do Humor e sala de exposicións temporais) reanudando o horario habitual de inverno:
Casa da Cultura e Museo do Humor: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas.
Biblioteca Municipal: de luns a venres de 16:00 a 21:00. Sábados de 10:00 a 13:00
13-09-2021

Cándido Pazó trae a Fene o seu espectáculo "Como dicía o outro"

Cándido Pazó visita Fene para presentarnos un espectáculo de narración oral con misturas de humor, emoción, imaxinación e memoria. Un monólogo cómico no que se enfían historias que se xestionan sobre a marcha, segundo o ambiente, o público, as circunstancias do día. En resumo, contos e lerias para tódolos públicos.
A actuación será no Local Social do ACRD O Pote de Maniños o venres, 17 de setembro de 2021 ás 21.00 horas
Un espectáculo dirixido a tódolos públicos con entrada de balde sen reserva até completar aforo
08-09-2021

Fene conmemora os 25 anos de literatura do escritor e xornalista Ramón Loureiro

A concellería de Cultura de Fene e o Club de Prensa de Ferrol organizan a presentación do novo libro de Ramón Loureiro, Las máscaras del fin del mundo. O acto, no que ademais do autor intervirán a presidenta do Club de Prensa, Xulia Díaz Sixto, o poeta e editor, Xulio López Valcárcel, a profesora Esperanza Piñeiro de San Miguel e o alcalde de Fene, Juventino Trigo Rey, terá lugar o vindeiro xoves, 23 de setembro, ás 20:00 h nas instalacións do CMI Unidade de Fene. Para asistir, é imprescindible reservar praza antes das 12:00 horas do 21 de setembro no correo electrónico cultura.deportes@fene.gal ou no teléfono 981 340 366.
07-09-2021

Baobab Teatro trae a Fene este domingo os seus Contos para un caldiño

O local social da SCRD Agarimo de Sillobre acolle este domingo, ás 13.00 horas, o espectáculo familiar “Contos para un caldiño”, da compañía Baobab Teatro. Trátase dun espectáculo de contos moi divertido e participativo, recomendado para nenos/as a partir de 3 anos e familia. A entrada será de balde até completar o aforo.
06-09-2021

O documental "Xela Arias. Poeta nas marxes" proxéctase este venres na Casa da Cultura de Fene

"Xela Arias. Poeta nas marxes" é un documental dirixido por Beatriz Pereira arredor da figura de Xela Arias, poeta e tradutora galega. A partir dos testemuños de Marga do Val, Xosé María Álvarez Cáccamo, María Xesús Nogueira, Manuel Bragado, Susana Trigo e Humberto Heredia, a peza percorre a vida e obra dunha francotiradora das letras. As persoas que queiran asistir á proxección, prevista para este venres ás 20 horas na Casa da Cultura de Fene, deben reservar praza no correo electrónico cultura.deportes@fene.gal até o mesmo día da actividade. Aforo limitado (50 persoas).
25-08-2021

Este xoves abre o prazo de reserva de entradas para os concertos que ofrecerán Setestrelo e Miguel Lamas

O Paseo Marítimo de San Valentín acollerá o día 2 de setembro, ás 21.00 h, o concerto de Setestrelo-O Camiño. Ao día seguinte,  3 de setembro ás 22.00 h,  o protagonista será Miguel Lamas, quen presentará o proxecto Miguel Lamas & Ardora.

Námbolos dous casos, as entradas para asistir aos concertos poranse a disposición do público este xoves 26 de agosto, ás 10.00 horas, na páxina de Ataquilla.com. Serán de balde ate completar aforo (200 localidades)  pero cada persoa só poderá reservar un máximo de 4 entradas por operación.
19-07-2021

Este martes abre o prazo de reserva de entradas para o concerto do 30º aniversario de Amadeus

Mañá martes, 20 de xullo, ás 9.00 horas habilitarase en Ataquilla a reserva de entradas para o concerto que ofrecerá o grupo fenés Amadeus, con motivo do seu 30º Aniversario. A cita será o sábado 24 de xullo, ás 21.00 horas, na Praza do alcalde Ramón José Souto González. As entradas serán de balde ate completar aforo (200 localidades) pero cada persoa só poderá reservar un máximo de dous pases, rexistrando os datos das 2 persoas que acudirán ao mesmo.
14-07-2021

Este venres abre o prazo de reserva de entradas para os concertos que ofrecerán Sés e a Garufa Blue Devils Big Band con Sito Sedes

A pista municipal de Fonte do Campo, a carón da Casa da Cultura de Fene, acollera o mércores 21 de xullo, ás 21.00 horas, o concerto da “Garufa Blue Devils Big Band con Sito Sedes”. Ao día seguinte, o xoves 22 a protagonista será Sés nun concerto aprazado pola pandemia que, finalmente, terá lugar na Praza do alcalde Ramón José Souto González (Praza do Concello) a partir das 21.00 horas. Námbolos dous casos, as entradas para asistir aos concertos poranse a disposición do público este venres 16 de xullo, ás 9.00 horas, na páxina de Ataquilla.com. Serán de balde ate completar aforo (200 localidades) pero cada persoa só poderá reservar un máximo de dous pases, rexistrando os datos das 2 persoas que acudirán ao mesmo.
28-06-2021

Xullo, Mes de Patria no Concello de Fene

Cun concerto a cargo de Ukestra do Medio comeza este venres o ciclo “Xullo, mes da patria” que engloba toda a programación organizada pola Concellería de Cultura de Fene até finais do mes de xullo. O ciclo inclúe as catro actuacións de narración oral e música de “Humor Peregrino”, actividade incluída no proxecto Viñetas do Camiño que o Concello de Fene está a desenvolver dentro do programa “O Teu Xacobeo” da Xunta de Galicia. Tamén se anuncian concertos de Sito Sedes coa Garufa Blue Devils (21 de xullo), de Sés (22 de xullo) e Amadeus, a propósito do seu 30º aniversario (24 de xullo). E, para completar o programa, o 20 de xullo Fene acollerá o acto de entrega dos Premios Rosalía de Castro de Lingua, da Deputación da Coruña, que nesta edición recaeron -na categoría de “Persoas”- na figura do debuxante fenés Xaquín Marín. E o 23 será a inauguración da exposición de Viñetas do Camiño, na que se poderá ver unha escolma dos debuxos realizados polos artistas convidados á Andaina debuxada do pasado mes de xuño.