Conta atrás para o Entroido en Fene!

Conta atrás para o Entroido en Fene!

As comparsas Os Colludos, Os Argalleiros, As emocións dos nenos e nenas da ANPA Belén, As Xoaniñas de Chao, A Canteira do Puntal, Paso a Paso, Os Parrandolos, Os Scratchados, A Revolta de Trasancos, Os Eco-Heroes de Centieiras, Carnaval feneciano, Santa Compaña e OJE Ferrol son as 13 agrupacións que se inscribiron este ano para participar no desfile e posterior festival de comparsas que terá lugar o mércores da vindeira semana, Mércores de Cinza e día grande do Entroido fenés. Tal e como se establece nas bases, o próximo luns, 12 de febreiro, publicarase antes das 15.00 horas a orde do desfile das comparsas.

Comeza a conta atrás para o Entroido, unha das festas máis importantes de Galicia que no noso concello se concentra na praza do alcalde Ramón José Souto González, a carón da Casa do Concello, nas xornadas do Martes de Entroido e Mércores de Cinza. O martes 13 de febreiro, ás 18.00 horas haberá unha festa infantil a cargo de La Guagua e, coa colaboración da AC O Tadetas, a tradicional merenda con reparto de lambetadas para todos os nenos e nenas que se acheguen disfrazados. Nesta edición, as lambonadas serán aportadas por: confitería Sara, panaderías Modesto Hermida, Ramón, A Broa, Amaría e El Cruce, pastelería Martínez e supermercados Gadis, Eroski Center e Froiz. Para rematar a xornada, tamén o martes a partir das 21.00 horas, comezará unha verbena a cargo do Grupo Origen, con actuación no descanso e ao final, dun Dj.

As actividades do Entroido continuarán o mércores 14 de febreiro coa concentración de comparsas ás 17.30 horas na rúa San Salvador (pista polideportiva do CCRD Perlío), para iniciar ás 18.00 horas o percorrido polas rúas San Salvador, Marqués de Figueroa, Cruce de Fene, Avda. Naturais e Avda. do Concello. Ao chegar á praza do alcalde Ramón José Souto González, terá lugar a actuación das comparsas, un pequeno recoñecemento á “viúva do Entroido” (Toñín), a lectura do Testamento, a queima do Entroido e o espectáculo pirotécnico (Parque Castelao).

RESTRICIÓNS DE TRÁFICO E APARCADOIRO

Por mor da celebración das actividades do Entroido en Fene, desde a xefatura da Policía Local informan da prohibición de estacionar e circular na Avda do Concello desde as 15.00 horas do martes 13 de febreiro até o remate das tarefas de limpeza o xoves 15.

NO CASO DE CHOIVA

O martes 13 de febrero manteríanse igualmente as actividades baixo carpa.

En canto ás actividades previstas para o mércores 14, se as condicións meteorolóxicas son moi desfaborables, podería anularse o desfile de comparsas polas rúas do concello (decisión que sería comunicada con tempo na páxina web e rrss do Concello) pero manteríase a actuación das comparsas e a Lectura do Testamento, baixo carpa.