A segunda conferencia do ciclo Contando Ciencia xirará este xoves en torno á “Sumisión química: máis aló dos titulares de prensa”

A segunda conferencia do ciclo Contando Ciencia xirará este xoves en torno á “Sumisión química: máis aló dos titulares de prensa”

A doutora en Medicina Inés Sánchez Sellero é a nova convidada ao ciclo Contando Ciencia que organiza a Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene, coa colaboración da Concellería de Ensino. A conferencia, que leva por título “Sumisión química: máis aló dos titulares de prensa”, terá lugar este xoves, 14 de decembro, ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura (Avda. de Conces, 20-22, Fene), con entrada libre e de balde até completar o aforo.

Inés Sánchez Sellero é profesora titular de Universidade da área de Toxicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela desde 1999, amais de investigadora do Instituto de Ciencias Forenses da USC.

O ciclo Contando Ciencia botou a andar hai dous anos e desenvólvese ao longo do curso escolar “co obxectivo de achegar a ciencia á poboación en xeral”. Aberto ao público en xeral, todas as conferencias teñen lugar na Casa da Cultura, un xoves ao mes e sempre ás 19:30 e con entrada gratuíta.

Trala conferecia deste xoves, a seguinte cita de Contando Ciencia será o 18 de xaneiro e a protagonista será, nesa ocasión, a fenesa Erika Diz Pita, doutora en Matemáticas, que falará sobre o tema: “Todas as matemáticas á vez, en todas partes”.