O Xullo, mes da Patria continúa esta semana co certame de Habaneras e os espectáculos de Fantoches Baj e Touriñán

O Xullo, mes da Patria continúa esta semana co certame de Habaneras e os espectáculos de Fantoches Baj e Touriñán

A rondalla Perla do Río, do CCRD de Perlío, Estrelecer, do CMI Unidade de Fene, e as corais polifónicas da ACRD o Pote de Maniños e da SCRD Agarimo de Sillobre, xunto co Tradicoro da Asociación Airiños de Fene subirán este xoves, 13 de xullo, ao escenario da praza do alcalde Ramón José Souto González nunha nova edición do Festival de Habaneras e Canto Coral. O certame, organizado pola Concellería de Cultura no marco do ciclo “Xullo, mes da Patria”, comezará ás 20.30 horas na carpa instalada a carón da Casa do Concello. Entrada libre e de balde.

O programa continuará o venres 14 de xullo, ás 21:00 h, co espectáculo infantil “Chulises e os velocípedos” na Praza do CPS de San Valentín (entre os bloques 11 e 12). A función correrá a cargo do grupo Fantoches Baj. Entrada libre e de balde.

“Chulises e os velocípedos” é un espectáculo de intervención de rúa no que xogan un xigante, Agamelón, e un cabezón motorizado, o Velocíclope. O personaxe clownesca de Chulises fai de ponte entre un e outro ao tempo que con bombo, prato e turuta vai animando musicalmente as situacións.

Tamén esta semana, o sábado 15 de xullo, ás 22:00 h, a praza do alcalde Ramón José Souto González acollerá o espectáculo “Aquí tou” do monologuista e actor Xosé A. Touriñán. A entrada neste caso tamén é de balde pero o acceso será con invitación (aforo limitado). O reparto de entradas realizouse esta mesma mañá, esgotándose as 300 localidades dispoñibles en 15 minutos.

En “Aquí Tou!”, Touriñán fai un percorrido pola súa vida, dende a súa concepción nunha noite de San Xoán ata un posible epitafio. Momentos chave do seu camiño vital cos que, como galegos, todos nos sentimos identificados. Mesturando realidade con ficción, tenrura e picardía, anécdotas propias e cultura popular galega, Touriñán lévanos da man pola súa vida cun monólogo no que conta e representa partes da súa vida, e da serie de boas e malas decisións que, xunto cos f eitos casuais, levárono a ser que hoxe é. Así, Touriñán tratará de dar resposta durante o espectáculo á nai de todas as preguntas: “Estou neste preciso lugar e neste mesmo momento polas decisións que tomei ou foi a sorte, a casualidade e o destino os que me trouxeron ata aquí?” Ao longo de máis dunha hora, Touriñán tentará respostar esta pregunta, e para iso fará un repaso da vida dos seus antepasados e da súa propia, animando ao público ao facer o propio e así, entre todos, tentar despexar a incógnita: “Si, aquí tou, pero… por que?”

Organiza: Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.