SonDaRúa e García MC no Día de Rosalía en Fene

SonDaRúa e García MC no Día de Rosalía en Fene

Con motivo da efeméride do seu nacemento, o Concello de Fene lembrará a Rosalía de Castro o venres 24 de febreiro cun concerto na Praza do alcalde Ramón José Souto González. O rapeiro García MC subirá ao escenario instalado a carón da Casa do Concello a partir das nove da noite para dar paso, ao redor das 22 horas, á actuación dos ponteareáns SonDaRúa, que visitan Fene no marco da súa xira de despedida. A entrada ao concerto será libre e de balde.

Con esta actividade, a concellería de Cultura de Fene súmase á conmemoración do Día de Rosalía no que ducias de institucións, concellos, centros de ensino, centros sociais e asociación de toda Galicia lembran á nosa escritora máis universal. Nesta ocasión, o Concello de Fene apostou polo rap en galego, como nova forma de poesía urbana, para homenaxear á autora de Follas Novas e Cantares Gallegos.

SonDaRúa é un grupo de rap galego formado por Hugo Guezeta (MC), Alex Arnoso (MC, guitarrista e beatmaker) e That Bass (DJ). A formación nace a mediados de 2016 co lanzamento dos temas “Fóra” e “Estilo combativo” na plataforma YouTube. En 2017 editaron o tema "En galego NON mola", co que conseguiron o primeiro posto na III edición do certame Novos Valores do Festigal, e tamén foron gañadores do Concurso Sonidos Mans do Festival Revenidas con "Estilo combativo". , o que lles permitiu actuar nos dous festivais.

A principios de 2018 lanzan o seu primeiro traballo de estudo, Liberando mentes, un EP de 5 cancións editado tanto en formato físico como dixital. Posteriormente participan no single Cultura crítica da banda de metal NAO, xunto con Tanxugueiras. Posteriormente, a mediados de ano, publican en todas as plataformas dixitais un álbum recopilatorio en forma de EP que leva por título SonDaRúa Classics, composto por reedicións de cancións antigas só subidas a YouTube que foran gravadas na casa polo propio Alex Arnoso.

En 2019 publican un novo videoclip para o sinxelo Voz da resistencia, que contaba cun dub instrumental do produtor Antxon Sagardui do colectivo vasco Crudo Bilbao.

En 2020 publican o seu primeiro LP, co título Eterno combate. Este traballo consta de 12 cancións e conta coas colaboracións de Ezetaerre, Skandalo GZ e Navia Rivas. Antes do lanzamento do disco xa se publicaran tres dos temas como sinxelos e co seu respectivo videoclip como adianto: "Éxodo", "Salsa galaica " e " Pontakas Antifa ".

Pola súa parte, García MC é un referente da música galega e da cultura hip-hop en Galicia. Antigo membro de grupos como Dios Ke Te Crew, Labregos do Tempo dos Sputniks ou Ghamberros, dende hai máis de 15 anos, o artista exerce como pedagogo independente, impartindo obradoiros e cursos de rap para así crear conciencia e valores entre adolescentes.

No concerto de Fene García MC sorprenderá cun espectáculo innovador á fronte da NaciónQuilombo, unha banda que combina ritmos do mundo coa palabra como centro. O espectáculo ten un repertorio 100% en galego, cun set list cos temas do rapeiro realizados na nosa lingua.

DÍA DE ROSALÍA

O Día de Rosalía é unha das datas máis sinaladas no calendario cultural galego. Incicialmente conmemorábase o 24 de febreiro pero, dende hai uns anos, a celebración pasou á víspera, logo de que a filóloga Sagrario Abelleira publicara uns documentos que acreditan que a autora naceu un 23 de febreiro de 1837.

O Día de Rosalía comezou sendo unha data festexada e revindicada pola AELG para logo conseguir unha presenza destacada no mundo escolar. Posteriormente, pasou a celebrarse noutros sectores máis amplos da sociedade galega, á par que acadou a confirmación institucional.