A seguridade dos produtos cosméticos

A seguridade dos produtos cosméticos

A doutora en Farmacia Carmen García Jares é a nova convidada ao ciclo Contando Ciencia que continúa este xoves, 9 de febreiro, cunha conferencia sobre a Seguridade dos produtos cosméticos. O acto terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura de Fene a partir das 19.30 horas, con entrada libre e de balde até completar o aforo.

Carmen García Jares é catedrática de Química Analítica na USC. Ao longo da súa traxectoria investigadora seguiu varias liñas de traballo centrándose, por un lado, na caracterización de produtos naturais (destacando a uva e o viño) e os subproductos derivados da súa transformación, para mellorar a calidade do produto e atopar novas aplicacións para a valorización dos residuos. Tamén se interesou polo control ambiental, achegando metodoloxías máis simples e limpas para a análise de contaminantes prioritarios e emerxentes, e os subprodutos da súa degradación, E, por último, traballou no desenvolvemento de metodoloxías para o control analítico e a seguridade dos produtos de consumo e de coidado persoal, tendo en conta tamén os seus produtos de degradación.

Desde 2010 é coordinadora do Grupo de Investigación LIDSA (Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento de Solucións Analíticas) da USC. Membro do Comité Editorial da revista Cosmetics, recentemente editou un volume especial dedicado ás tendencias no desenvolvemento de produtos cosméticos e á problemática do seu control analítico. É membro da Sociedade Española de Química Analítica, da Sociedade Española de Cromatografía e Técnicas Afíns e da Sociedade Española de Espectrometría de Masas. É membro da Asociación Española de Normalización, e participa activamente no Comité Técnico sobre conservantes e antioxidantes de cosméticos.

Organizado pola Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino de Fene, o ciclo Contando Ciencia ten como obxectivo achegar a ciencia á poboación en xeral. O programa desenvólvese na Casa da Cultura de Fene un xoves (ou martes) ao mes, con entrada libre e de balde até completar o aforo. As vindeiras sesións do ciclo serán con: Fran Canosa, doutor en Xeoloxía, cunha conferencia titulada “Galicia, un paraíso xeolóxico” (9 de marzo); Bea Hervella, meteoróloga, que falará sobre “O cambio climático en Galicia” (20 de abril); e María Canosa, enxeñeira de Camiños e escritora, que pechará o ciclo falando sobre “Máis vale maña que forza”.