Arranca en Fene o programa de conciliación da vida laboral e familiar “Verán máis alá!”

Arranca en Fene o programa de conciliación da vida laboral e familiar “Verán máis alá!”

Un total de 132 nenas e nenos tomarán parte no proxecto durante o mes de xullo en quendas quincenais de 120 participantes

O programa de conciliación da vida laboral e familiar “Verán máis alá!” 2018 que promove a Concellería de Cultura que dirixe Rocío Bértoa arrancou esta mañá no CEIP Pluriligüe Centieiras de Fene. Durante o mes de xullo un total de 132 nenas e nenos acudirán ó programa en quendas quincenais de 120 participantes.

Este ano, no “Verán máis alá!”, a temática “Somos diferentes, somos iguais” centrarase na investigación por parte das nenas e nenos participantes de culturas
antigas do ser humano. Cada grupo escollerá unha cultura antiga coa axuda do monitor/a e prepararán un proxecto sobre ela. Compre coñecer o pasado para
entender a pluralidade cultural do presente, por iso é tan importante ter coñecementos ó respecto, ver como evolucionaron no tempo e no espazo, como
influíron unhas noutras e como influíron no presente.

Ademais, cada día haberá unha ou dúas actividades nas que se potenciará o uso da lingua inglesa, co obxectivo de mellorar as competencias comunicativas orais dos participantes. En todas as actividades se traballará de xeito transversal o fomento da igualdade, comezando co exemplo no comportamento e actitudes e expresións do monitorado.

Doutra banda, as nenas e nenos do “Verán máis alá!” participarán en actividades acuáticas na Piscina municipal de Centieiras os días 3, 4, 5, 6, 9 e 10 de xullo.

Todas as actividades propostas terán un compoñente lúdico facendo do xogo o instrumento principal para conseguir os obxectivos establecidos.

Por último, entre outras actividades, durante o mes de xullo realizaranse obradoiros de corresponsabilidade e coeducación, obradoiros de seguridade vial, obradoiros medioambientais, iniciación á práctica deportiva de diferentes deportes ou obradoiros de reciclaxe, entre outros.